Ideas para organizar os zapatos

Vista lateral dunha caixa chea de zapatos que asoma baixo a cama.

Ideas para organizar os zapatos

Organizar os zapatos adoita ser un dos principais crebacabezas á hora de ordenar a casa. Temos moitos máis pares dos que cremos e, quizais, menos sitio do que pensabamos. Tanto é así que moitas veces acaban en bolsas, esmagados, uns enriba doutros e ensuciándose. Non cres que este é o momento perfecto para lles dar o lugar que merecen? Dámosche unhas ideas para organizar os zapatos e conservalos adecuadamente. A orde reinará en tódolos recunchos da túa casa!

1. Reorganiza o banco, zapateiro ou armario no que gardas os zapatos

Independentemente de se tes zapatos repartidos por todo este tipo de almacenaxe ou concentrados nun mesmo espazo, é hora de sacalos todos de onde estean. Si, todos!

Unha vez os teñas diante, pode que te decates de que hai un par que levas tempo sen poñer, outro moi vello ou deportivas rotas e desgastadas. Toca despedirse deles. Ben para tiralos, ben para doalos se están en bo estado.  

Agora que descartaches algúns e xa tes oco, poñámonos mans á obra. Comeza a organizar os zapatos nos diferentes espazos en función de para que os uses:  

  1. Coloca no banco ou zapateiro do recibidor (se tes algún) os zapatos que máis empregas na túa vida diaria. Asigna cada andel ou compartimento a un membro da familia para evitar que se misturen! 
  2. Distribúe o teu espazo no zapateiro, banco ou armario por tipoloxía de calzado. É dicir, zapatillas de deporte por un lado, zapatos máis apañados por outro, sandalias por outro, etc. Así, será moito máis sinxelo recorrer a eles sen perder tanto tempo buscando. 
  3. Colócaos apuntando a unha mesma dirección para dar unha maior sensación de harmonía ao espazo, preferiblemente co talón cara a fóra. 
  4. Na medida do posible, evita colocar un par encima doutro. Se non che queda outra, que sexa tela contra tela, non sola contra tela. 

2. Tes caixas? Úsaas para organizarte

A primeira opción que che ofrecemos, por ser a que máis nos gusta e a que máis funcional nos parece, é organizar os zapatos en caixas de tela transparente coma estas. Deste xeito, podes ver o calzado que hai dentro sen necesidade de abrila. Tamén podes facelo con caixas de zapatos antigas que teñas na casa ou con calquera outro tipo de caixa de cartón! Para que queden máis bonitas e funcionais, podes facer o seguinte:  

  • Pintalas por fóra. Ademais, podes empregar o xogo de cores para distinguir tipoloxías de zapatos: azuis para as deportivas, negros para os zapatos do traballo, amarelos para as sandalias do verán, etc. 
  • Poñer o nome do calzado que hai dentro e a quen pertencecon un rotulador indeleble. 
  • Fotografar o calzado que hai dentro e pegar a foto nun costado ou na tapa, onde mellor a vexas en función de como as teñas colocadas. 

E non esquezas que non debes meter máis dun par de zapatos por caixa para que se conserven o mellor posible.  

3. Soportes e alturas para optimizar o espazo  

As diferentes alturas son tamén grandes aliadas da organización dos zapatos. O noso pequeno soporte MURVEL permíteche poñer dous pares de zapatos nun mesmo espazo grazas á dobre altura. Non é xenial?   

Tamén é moi recomendable usar as alturas en diferentes bancos ou soportes, colocándoos uns enriba doutros para gañar espazo en vertical, algo que moitas veces non temos en conta. 

4. Como gardar os zapatos doutras tempadas  

É fundamental coidar os zapatos que imos gardar dunha tempada a outra. Agora que estamos volvendo a organizalo e estruturalo todo, é cando debes pensar en como queres atopalos cando os uses de novo.  

  1. O primeiro que has de facer é limpalos perfectamente antes de gardalos. Se son zapatillas que se poden lavar, méteas na lavadora e deixa que sequen ben. Se non, limpa ben con auga e xabón ou cunha toalliña tanto a sola coma o exterior e o interior do zapato. Se son de pel, bótalles un pouco de crema sen cor para hidratalos. Se son de ante, quítalles o po. 
  2. Introduce algo no interior para que conserven a forma. Se é a propia forma do calzado, moito mellor. Se non tes a forma, mete bólas de papel, pero as xustas para que o zapato non se deforme.  
  3. Evita gardar os zapatos en bolsas de plástico, xa que non son consistentes para protexelos e non transpiran.  
  4. Gárdaos en caixas de par en par ou de dous en dous como moito.  

Non marches aínda! Complementa todas estas ideas con este vídeo:

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.