Saltar

A historia de Olena

Construír pertenza

Olena, traballadora social en Ucraína, viuse obrigada a fuxir da guerra. En Moldova, atopou un novo propósito, esta vez como parte de ACNUR ―a Axencia da ONU para os Refuxiados―, onde axuda outros a integrarse e reconstruír as súas vidas, tal e como ela mesmo fixo.

Olena cun xersei vermello, sorrindo á cámara.
Olena cun xersei vermello, sorrindo á cámara.

O camiño cara á integración

Cando as primeiras explosións sacudiron o ceo nocturno, o mundo de Olena cambiou para sempre. "Espertei co ruído dos mísiles e vin os seus ronseis dende o balcón", lembra.

Naquelas primeiras horas, chamou por teléfono ao seu pai para avisarlle de que estalara a guerra. Non a creu. "Pensou que o estaba a inventar", di en voz baixa. Pero a realidade era innegable. Durante tres longos días, Olena e a súa curmá dubidaron sobre que facer mentres tentaban ignorar o ruído dos disparos e as explosións. Agardaban que a guerra rematase en cuestión de horas, pero non foi así.

Poñerse a salvo

Ao final, Olena, a súa curmá e mais os dous fillos pequenos desta recolleron todo o que puideron cargar e dirixíronse cara á fronteira. "Nunca esquecerei a sensación de alivio e ledicia que sentimos ao darnos de conta de que estabamos a salvo", afirma Olena. "A comunidade de Moldova acolleunos cos brazos abertos e proporcionounos comida, auga, roupa e refuxio. Foi moi conmovedor".

Comezar de novo

Olena fora traballadora social en Ucraína. En Moldova, sentíase útil. "Quería traballar, distraerme e sentirme útil", afirma. Entón, chegou un punto de inflexión. Unha persoa que traballaba con ela en Ucraína díxolle que ACNUR estaba a contratar persoal en Moldova. "Traballar para ACNUR era un soño", afirma Olena. Preocupáballe que as súas cualificacións e o seu nivel de inglés non fosen suficientes, pero ACNUR creu nela. "Non podería ter imaxinado un traballo mellor", comenta cun sorriso. "Non só me permite crecer moito como profesional, senón que tamén me dá a oportunidade de axudar persoas que se atopan na mesma situación ca min".

Construír pertenza

Na actualidade, Olena colabora con ACNUR para favorecer a integración das persoas refuxiadas. "A integración é todo", asegura. "É o que axuda as persoas a recuperar a súa vida". Dedica os seus días a facilitar o acceso das persoas refuxiadas á educación, o emprego e a asistencia sanitaria. "Sei como se senten. Enténdoas". Os seus compañeiros e a comunidade moldova axudárona a sentirse como na casa. "Ensináronme lugares preciosos, compartiron as súas tradicións e mesmo me convidaron a festivais", conta sorrindo. Aprendeu a apreciar a música e a gastronomía moldovas, sobre todo a zeama, unha sopa local cun toque ácido.

Acabar cos mitos

Olena quere que todo o mundo vexa as persoas refuxiadas doutro xeito. "O único que vexo ao meu redor é unha gran cantidade de persoas marabillosas que, malia as difíciles circunstancias da vida, non se renderon e están a tentar recuperar a súa vida normal", afirma. "O que vexo en Moldova é persoas que atoparon traballo, están a aprender o idioma e, en moitos casos, soñan con crear o seu propio negocio e seguir a medrar. Convivimos en paz coa comunidade local".

O camiño que temos por diante

Olena non sabe o que lle deparará o mañá: "Vivo o presente e quero que sexa marabilloso", di. Unha cousa é certa: "Moldova e o seu amable pobo, que nos acolleu a min e a outras persoas de Ucraína, sempre permanecerán no meu corazón. E, por suposto, nunca esquecerei a miña experiencia de traballo con ACNUR".