A historia de Claude
O poder do xogo
Durante máis de 30 anos, Claude promoveu o deporte entre as persoas refuxiadas e creou espazos seguros para o xogo e o encontro en todo o mundo.


O punto de inflexión
Claude e os seus pais fuxiron da Alemaña nazi. Esa experiencia espertou nel unha empatía que o acompañaría toda a vida e marcoulle un rumbo que segue a manter aos seus máis de 90 anos. "Non é doado abandonar o teu fogar", afirma Claude. "Non foi necesario que ninguén me explicase o que significaba ser refuxiado: seino por experiencia propia. Esa comprensión levoume a unirme a ACNUR, e dende entón dediqueime por completo á organización".
Do mundo empresarial ao labor humanitario
Tras unha exitosa carreira no mundo da publicidade e as relacións públicas, un encontro fortuíto en Xenebra con Sadako Ogata, que por entón era a Alta Comisionada de ACNUR, levou a Claude a dar un xiro á súa vida: "Deixei o meu traballo en publicidade un venres e incorporeime a ACNUR o luns seguinte". Dende ese momento, pasou a ser consultor voluntario de ACNUR, cargo que segue a desempeñar na actualidade.
Por que o deporte é importante
Claude decatouse dunha carencia na axuda ás persoas refuxiadas: aínda que se cubrían as necesidades básicas das persoas, hai 30 anos non existía nos campos de persoas refuxiadas ningunha oferta organizada que lles permitise practicar deporte. "Cando os pequechos dos campos precisaban un balón de fútbol, o noso persoal ía ao pobo máis próximo e mercábao cos seus propios cartos. Se non faciamos iso, os nenos e as nenas encargaríanse de fabricar un", lembra.
Claude deuse de conta de que as persoas obrigadas a fuxir, sobre todos as máis pequenas, necesitaban espazos seguros para recuperar a confianza e establecer novas relacións. Como el mesmo explica: "Moitos destes nenos chegan aos campamentos como menores non acompañados que o perderon todo: os seus pais, as súas amizades, os seus fogares e os seus colexios. O deporte axúdalles a forxar novos vencellos sociais e dálles un sentido de pertenza. Os deportes de equipo, en particular, fomentan a interacción e a creación de vencellos comunitarios, o que é fundamental para a súa recuperación e o seu desenvolvemento".
Dende canchas de voleibol ata campos de fútbol: Claude comezou a chamar as portas das federacións deportivas para facer realidade o seu proxecto. Isto fixo que xurdisen colaboracións frutíferas que proporcionaron equipamento e financiaron programas deportivos organizados en diversos campos; un labor que continúa ata hoxe.
Leccións de toda unha vida
A través do seu traballo con ACNUR, Claude foi testemuña en numerosas ocasións da incrible fortaleza e capacidade de recuperación das persoas refuxiadas. Nas súas propias palabras: "Estes encontros inspíranme a seguir co noso traballo, pois permítenme saber que, no medio das dificultades, hai innumerables historias de esperanza e humanidade que merecen ser compartidas e apoiadas".
A súa mensaxe é clara: "Son persoas que teñen moito que achegar ao mundo. Queren contribuír. Non miredes cara a outro lado".




