A historia de Arash
Unha vida de aprendizaxe
Tras verse obrigado a fuxir de Irán, Arash reconstruíu a súa vida grazas á educación. Agora, en ACNUR ―a Axencia da ONU para os Refuxiados―, defende a educación como unha maneira de transformar o futuro, en consonancia coa súa propia experiencia, para axudar outras persoas a atopar seguranza, dignidade e oportunidades.


Comezar de novo
A historia de Arash comezou en Irán, onde a súa familia lle inculcou unha profunda convicción no poder da educación. Porén, ao verse ameazada a súa seguranza, á familia non lle quedou máis remedio que fuxir do seu fogar e deixar todo atrás.
Antes de asentarse en Australia, Arash e a súa familia pasaron un tempo Malaisia. O alivio e a desorientación chegaron da man. "Todo era novo: os papeis, os autobuses, as normas... Mesmo como presentarme sen que o meu pasado acaparase a conversación", lembra.
Os desafíos foron inmediatos e profundos. Como refuxiado, Arash enfrontábase a unha realidade cotiá marcada pola invisibilidade e a incerteza. "Agardas. Estás obrigado a lidar con límites que non elixiches. Queres planificar unha vida, pero o permiso para facelo chega máis tarde, se é que chega".
A educación, que no seu día foi unhas das pedras angulares da súa formación, converteuse nun luxo: "A seguranza transformouse nun reto constante e a preocupación pasa a formar parte da vida cotiá".
Atopar o camiño que seguir
Cando Arash comezou a refacer a súa vida, aceptaba todas as oportunidades que se lle presentaban: colaboraba como voluntario en programas xuvenís, eventos, asistencia social e servizos de tradución. "Ao participar en comités, dirixir proxectos e compartir ferramentas, recuperei a confianza e mais a dignidade", afirma Arash. Non obstante, as barreiras seguían a ser enormes, como as dúbidas sobre os seus coñecementos lingüísticos, as súas cualificacións e o estigma de ser refuxiado: "Aínda que cumpras todos os requirimentos, a túa condición fai que os demais te miren con receo".
O primeiro traballo de Arash na Universidade HELP supuxo un punto de inflexión: "O reitor da universidade creu en min e investiu na miña formación. Esa oportunidade converteu o 'quizais' nun impulso. Volvín sentirme cheo de esperanza e soños". Conseguiu unha bolsa de estudos para refuxiados, graduouse e comezou a traballar como enxeñeiro, sen deixar nunca de participar en labores humanitarios. Despois de colaborar con varias organizacións non gobernamentais, acabou incorporándose a ACNUR. "Ao incorporarme a ACNUR, esa esperanza traduciuse nunha maior responsabilidade", explica. "Unha cousa é reconstruír a túa propia vida e outra moi distinta é axudar a abrir camiños para os demais".
Unha nova misión
Hoxe, Arash traballa no equipo de colaboracións co sector privado de ACNUR, onde se encarga de garantir a educación das persoas refuxiadas novas de todo o mundo. "Unha aula segura, un profesor remunerado e unha escola que che acolla: iso é o que fai posible comezar unha nova vida", asevera. Arash quere que o mundo comprenda que non son só unha historia: "O desprazamento é unha realidade xurídica, non unha identidade. Cando os sistemas son xustos e acolledores, as persoas refuxiadas fortalecen as comunidades ás que se incorporan.
Mirando cara adiante
Arash dedica o seu labor á súa nai, que se sacrificou para facer posible a súa traxectoria. O seu desexo para o futuro é claro: "Que o lugar de nacemento dun neno ou unha nena nunca limite a súa aprendizaxe". Para el, a educación e o traballo digno non son favores, senón piares da dignidade. Cando as persoas refuxiadas poden acceder á escola e ao emprego, non só sobrevivimos, senón que tamén contribuímos, e todo o que nos arrodea prospera.



