Saltar

A historia de Natalie

Amosar solidariedade

Cando Natalie viuse obrigada a fuxir de Nicaragua, enfrontábase a un futuro incerto nun novo país. Hoxe, como integrante de ACNUR ―a Axencia da ONU para os Refuxiados―, Natalie axuda outras persoas a percorrer o mesmo camiño e ofrece dignidade e esperanza a quen comeza de cero.

Natalie sorrindo de pé en fronte dunha oficina de ACNUR.
Natalie en fronte dunha oficina de ACNUR, sorrindo cos brazos erguidos.

Converter o desprazamento en conexión

Cando Natalie se viu obrigada a fuxir do seu fogar en Nicaragua, tivo que comezar a súa vida de cero. "Todo era novo: un novo país, un novo sistema... Absolutamente todo", lembra. "Nunca imaxinei que tería que abandonar o meu fogar. A miña familia e mais eu tivemos que tomar a difícil decisión de fuxir por mor dunhas circunstancias que poñían en risco a nosa seguranza. Foi un momento cheo de incerteza, pero tamén de esperanza por atopar un lugar onde puidésemos reconstruír as nosas vidas con dignidade".

Ao principio, sentiuse perdida, sen saber moi ben onde encaixaba. Pero, entón, algo cambiou. "Xa ouvira falar de ACNUR en Nicaragua, e cando me puxen en contacto con eles aquí, en México, vin o que é a verdadeira solidariedade. Cando te atopas nunha situación na que non sabes que vai pasar, ter alguén que che guíe e explique o proceso, que che aclare as cousas e que simplemente estea aí é algo incomparable".

Esa experiencia inspirou a Natalie a unirse a ACNUR como promotora comunitaria: alguén que pon en contacto as persoas que se viron obrigadas a fuxir cos recursos de apoio dispoñibles. "Fago isto non só para axudar os demais, senón tamén para ofrecer a mesma dignidade e apoio que eu mesma necesitei no seu día", afirma. "Sentín que a vida pechara o círculo: de precisar orientación a poder acompañar outras persoas que están a pasar polo que eu vivín unha vez. É un traballo que me emociona tanto a nivel profesional como humano".

Para Natalie, o traballo humanitario ten que ver coa presenza e a conexión: "Alguén fixo iso por min, e agora quero facer o mesmo por outras persoas que chegan e procuran un lugar ao que chamar fogar".

Un labor moi valioso

Non hai dous días iguais para Natalie. "O percorrido de cada persoa é diferente; iso é algo que me encanta deste traballo", explica. Algúns días, dá a benvida a novas familias aos programas de integración locais e axúdalles a atopar vivenda, a matricular os pequechos no colexio ou a lidar cos trámites legais. Outros días, imparte charlas en colexios, colabora con organizacións locais ou organiza eventos comunitarios e obradoiros sobre cidadanía, dereitos e acceso aos servizos. "Ás veces, abonda con escoitar", afirma. "As persoas veñen con ganas de falar, de preguntar como adaptarse, como seguir adiante... E eu estou aí para guialas ou, simplemente, para ofrecerlles un espazo onde se sintan acollidas".

Natalie ve o impacto do seu traballo todos os días. "Cando chegan por primeira vez, moitas persoas séntense desesperadas por completo", afirma. "Entón, uns meses despois, ás veces volvo atoparme con elas e dinme cousas como: 'Os meus fillos xa van ao colexio' ou 'Comecei a traballar', ou mesmo simplemente 'Sinto que estou empezando a miña vida de novo'. É neses intres cando sentes que o que facemos importa de verdade".

Compromiso coa conexión

O máis difícil, admite Natalie, é escoitar as historias doutras persoas, historias que a miúdo se parecen á súa. "Escóitoas e apóioas o mellor que podo, pero tamén sinto o mesmo que elas, porque eu tamén pasei por iso", afirma. "Existe unha especie de carga emocional que non marcha ao rematar o día". Porén, mantense firme no seu compromiso: "A empatía é o máis importante. Ser capaz de conectar de verdade coas persoas e comprender polo que están a pasar". A súa mensaxe para os demais é clara: "Ser unha persoa refuxiada non é unha identidade, senón unha circunstancia. As persoas non perden o seu talento, os seus soños nin a súa dignidade ao cruzar unha fronteira. Simplemente, están a atravesar unha etapa difícil e, co apoio axeitado, poden reconstruír as súas vidas".