Saltar

A historia de Lujain

Resiliencia e humanidade

Cando Lujain tivo que fuxir de Homs, só levaba con ela o seu valor e a súa esperanza. A súa busca de seguranza converteuse nunha misión: colaborar con ACNUR para axudar as mulleres, as familias e os nenos e as nenas desprazados en toda Siria. Grazas á súa fortaleza e compaixón, converteu a súa historia de desprazamento nun legado de protección.

Lujain ao aire libre, baixo o sol da tarde, cun xersei azul de ACNUR.
Lujain está sentada ao aire libre sobre un montón de pedras, cun bebé en brazos e un sorriso na face.

Reconstruír vidas, devolver a esperanza

Tras 14 anos de conflito, a poboación siria desprazada está comezando a regresar aos seus fogares, tanto a que se atopaba en zonas de Siria como as persoas refuxiadas que fuxiron a países veciños. Agárdalles un longo camiño cara á recuperación. Para Lujain, axudarlles neste proceso é máis que un traballo: é unha vocación.

Obrigados a fuxir

"A miña familia é de Homs, unha das cidades máis afectadas cando estalou o conflito en Siria", lembra Lujain. "En 2011, a violencia intensificouse: arrodeábannos os bombardeos, o medo e a incerteza. Non nos quedou máis remedio que deixalo todo atrás e fuxir a Damasco para protexernos. Deixar o noso fogar foi magoante, pero sobrevivir era a única opción".

Chegar a Damasco foi como adentrarse no descoñecido. "Non coñecía ninguén, non tiña amizades e as rúas resultábanme descoñecidas. Todo parecíame estraño: era unha estraña no meu propio país".

Atopar un propósito

Durante meses, o medo mantivo a Lujain encerrada na casa. "Case non saía da casa que alugaramos", confesa. "Pero, ao final, dinme conta de que tiña que ser forte e comezar a vivir de novo". Co apoio do seu pai, atopou traballo nun pequeno centro médico de Damasco. Foi o primeiro paso para reconstruír a súa vida. Máis tarde, matriculouse na Universidade de Damasco e comezou a colaborar como voluntaria con varias ONG. "Ese momento foi o comezo da miña andaina no ámbito humanitario".

A súa paixón e perseveranza deron os seus froitos. Despois de sete meses de traballo voluntario, Lujain conseguiu un posto a tempo completo como traballadora social nun centro comunitario que conta co apoio de ACNUR. "Era máis que un traballo: foi o comezo da miña nova misión na vida", afirma. Ese posto facilitoulle o camiño para incorporarse a ACNUR como integrante do seu cadro de persoal.

Non hai dous días iguais

Na actualidade, Lujain traballa como coordinadora de protección na oficina de ACNUR en Homs. "O meu traballo é máis que un simple emprego", afirma. "Cada día, teño a oportunidade de marcar unha diferenza positiva na vida das persoas".

Os seus días son imprevisibles. "As mañás poden comezar coa análise de casos e ir seguidas de visitas sobre o terreo para avaliar a protección infantil, a violencia de xénero, a saúde mental e os riscos de explotación e abuso", explica. Dedica as tardes a redactar informes, planificar proxectos e xestionar o correo electrónico. "O imprevisible dáme enerxía. Iso e moito café!".

O seu traballo abrangue a xestión de casos e o seguimento das necesidades das persoas que regresan do Líbano, Xordania e Turquía. "As persoas que regresan a Siria están comezando a súa vida dende cero. Cando as coñeces, ves a esperanza nos seus ollos. Non só queren reconstruír as súas casas, senón todo o país".

Soño cun país no que todas as persoas sirias poidan volver a casa: non só aos seus fogares, senón a unha vida chea de dignidade e paz.
Lujain fala cunha muller na rúa, arrodeada de persoas.

Leccións e esperanzas

A experiencia de Lujain como persoa desprazada interna marcouna profundamente. "Comprendín ―non só con empatía, senón tamén dende a realidade vivida― o que significa o desprazamento", afirma. Isto tamén a inspirou a cursar estudos superiores: obtivo un máster en Psicoloxía e agora está a prepararse para obter o grao de doutora.

"Soño cun país no que todas as persoas sirias poidan volver a casa: non só aos seus fogares, senón a unha vida chea de dignidade e paz", sinala Lujain. "Pola miña banda, manteño a esperanza de terminar o meu grao para converterme en doutora e seguir a medrar xunto á familia de ACNUR, porque axudar a outras persoas a atopar seguranza forma parte de quen son".