Ideas para gozar dunha cea de Nadal na casa
Por distinto que sexa este Nadal, hai cousas que non van mudar, como gozar dunha boa cea ou comida de Nadal cos nosos, aínda que sexa desde casa. Acompáñanos e descubre como preparar unha cea de Nadal na casa para que, a pesar de todo, non se perda esa maxia que tanto nos une nestas festas.
Tanto ten o pequeno que sexa o espazo, calquera sitio é bo para celebrar unha reunión do Nadal segura e agradable e máis se é coa xente que máis queremos. Anota estes consellos para reinventar as ceas de Nadal e convertelas nunha experiencia igualmente emocionante. Explicámosche como!
Prepara a mesa de Nadal
As mesas, por sinxelas que sexan, teñen algo que nos atrapa. Crean espazos que tanto serven para gozar da comida como para manter de boas conversacións, esas que nos fan perder a noción do tempo sen que nos deamos apenas conta. Por iso, é vital ter unha mesa de comedor dispoñible onde acoller os teus.
Redonda, rectangular, de carballo ou de piñeiro, dá igual como sexa, o importante é ter espazo dabondo para os comensais. Nós recomendámosche que antes de os convidados chegaren prepares a disposición xeral da mesa: a colocación de cada cadeira, se cómpre mover un pouco a mesa para que todo o mundo estea máis cómodo…
Tes a oportunidade de cambiar de mesa? Nós recomendámosche que, se adoitas recibir visitas na casa pero non contas cunha gran cantidade de espazo, optes polas mesas extensibles. Son perfectas para as ocasións especiais nas que precisas aumentar o número de comensais e despois recuperar o espazo útil da sala de estar.
Outra das alternativas que che propomos é que, se non cabedes na mesa, organices algo de pé ou máis informal. Deste xeito evitarás a aglomeración nun mesmo punto, por poucos que sexades, e respectarades un pouco máis a distancia de seguridade.
Causa sensación coa vaixela
Queremos que esta cea de Nadal sexa un momento especial, e máis este ano no que temos esa necesidade de reencontrarnos cos nosos, polo que cómpre coidar cada detalle, como a mantelaría, a vaixela e os adornos que a acompañan.
Se queres unha idea económica para pór a mesa de Nadal, podes facer algo tan sinxelo como xogar coa vaixela do día a día. Se tes pratos de diferentes cores, busca a combinación perfecta entre eles para xuntos crearen unha fermosa composición. Ante a dúbida, a nosa recomendación básica é a seguinte: se xogas cun mantel estampado, é mellor optar por unha vaixela lisa, e se o mantel non leva debuxo, opta por unha vaixela que teña algún motivo máis decorativo. Se segues esta "regra", asegurarás un equilibrio visual na mesa e a comida será máis apetecible.
Neste caso, puxemos a mesa cos tons brancos e crus como protagonistas. Son os máis fáciles de combinar! Despois, xogamos cos detalles en verde dos pratos e adornamos os cubertos cun lazo. É un detalle sinxelo pero que dá ese toque diferenciador ás comidas de todos os días. Ademais, é unha forma moi sutil de asegurarnos que non hai ningunha confusión cos cubertos de cada persoa. Podes facer o mesmo coas copas, por exemplo, para que todos teñan claro cal é a súa.
Decorando a mesa así de bonita, conseguirás espertar aínda máis o interese dos comensais polos pratos, farás que se sintan parte de algo importante e coidarás a seguridade de todos.
Prepara un menú de Nadal variado e delicioso
Xa tes todo o enxoval, pero e a comida? Escoller o menú de Nadal sempre é unha tarefa de gran responsabilidade, pero imos demostrarche que, tanto se te encargas ao 100 %, como se só tes que preparar unha parte (por exemplo, a sobremesa), tes unha chea de opcións fáciles e económicas para facelo. Ademais, este ano as comidas serán para grupos reducidos e achegados, polo que se cadra é boa idea probar cousas novas.
O primeiro, antes de nada, hai que asegurarse de calquera tipo de intolerancia ou alerxia que poida ter algunha das persoas que vaian cear contigo para saber se tes que descartar algún tipo de prato ou ingrediente concreto. Tamén será todo un detalle que teñas en conta se algunha persoa é vexetariana ou vegana. Queremos que todo o mundo coma ben a gusto! Cando o teñas claro, serache moito máis fácil preparar os pratos para a cea de Nadal.
Lembra que poñemos á túa disposición unha ampla variedade de alimentos de Nadal na nosa tenda sueca para que poidas celebrar as festas con pratos profesionais, moi fáciles e rápidos de preparar (para que tamén teñas tempo para ti), apto para todos os padais e a un prezo moi económico.
Sorprende a todos co teu servizo
O servizo ou a forma na que servimos a comida é fundamental para a nosa cea de Nadal, sobre todo se queremos aproveitar ben o espazo e á vez causar unha grande impresión.
Tanto para os aperitivos como para o momento do doce, quizais sexa bo utilizar froiteiros ou bandexas con diferentes alturas. Por exemplo, nós utilizamos esta fonte para servir INBRINGANDE. Podes poñela na mesa ou servir ti directamente aos invitados (para que unha única persoa sexa a que manipule e sirva a comida) e así proben riquísimos bocados, como canapés ou pastas. Gústache como queda?
Se, con todo, aínda precisas espazo extra para colocar todas as cousas, outro dos “comodíns” que che propoñemos é o dos carriños auxiliares con rodas. Podes colocalo xusto ao teu lado para deixar todo o que non colle na mesa, como a xerra, a bandexa do pan, os panos de mesa de reposto… Comodísimo!
Garda as sobras para despois
Moita comida? Sabemos que calcular as cantidades pode resultar un chisco máis complicado, especialmente nestas datas nas que tentamos facer grandes festíns. Pode que este ano sexa máis fácil medilas, con todo non están de máis uns conselliños para non tirar a comida.
Se che sobrou comida, nós recomendamos gardala en friameiras (mellor se son botes de cristal para conservar os alimentos en perfectas condicións durante varios días). Seguro que che haberá arranxar algunha comida ou cea durante a semana. A quen non lle alegra non ter que cociñar de cando en vez?
Se non vas poder con todo e non queres estar a comer sobras ata o día de Ano Novo, lembra que podes repartila e darllas tamén aos teus convidados. Iso si, reserva só os alimentos que non foron manipulados por varias persoas para evitar calquera tipo de contaminación da comida. Para iso, utiliza ademais culleres ou espátulas para repartila.
Pasa unha noite de Nadal máxica e agradable coa túa familia e amigos. Se necesitas máis inspiración para preparar este momento, non perdas estes artigos:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.