Como decorar o teu cuarto de estudante de xeito práctico
O comezo da universidade é unha etapa que chega cargada de cambios e moita organización. Por iso, se te mudas a un desaliñado cuarto universitario e che apetece amañalo un pouco ou se simplemente queres mellorar o teu recuncho de estudo para adaptalo ás túas novas necesidades, botámosche unha man. Contámosche como decorar o teu cuarto de estudante dun xeito práctico e sen complicacións.
Presentámosche algunhas das nosas solucións favoritas para os cuartos de estudantes, é dicir, opcións útiles e accesibles para espazos compactos. O certo é que cando teñas todos os aspectos prácticos cubertos, resultarache máis fácil aproveitar ao máximo todas as novidades que se aveciñan. Ademais, non importa que as clases sexan presenciais ou en liña porque está claro que terás que estudar e traballar en diferentes proxectos para os que precisarás ter un espazo axeitado. Comecemos!
Fai unha lista con todo o que precisas
Este paso é válido e útil tanto se quedas no teu cuarto de sempre como se te mudas a unha residencia ou piso compartido de estudantes. Por que? Porque, aínda que quedes na casa, necesitarás darlle unha volta ao teu cuarto para que estea listo de cara ás túas novas necesidades como estudante.
O primeiro punto será ter claro a máxima de menos é máis. Iso axudarache a dar prioridade ao que realmente importa e a crear un espazo realmente organizado para estudar e, por suposto, tamén para descansar. Ademais, se vas marchar, xa imaxinarás que, aínda que queiras, non poderás levar todo contigo.
Unha vez teñas isto na mente, o seguinte será anotar nunha lista todo o que vas precisar. No caso de que te traslades, isto será primordial para non esquecer nada. O noso consello é que nesa lista tamén anotes todas as cousas que levas moito tempo sen utilizar e te desfagas delas, xa sexa vendéndoas, doándoas ou reciclándoas. Deste xeito, tamén farás limpeza.
Xa o tes? Entón só tes que colocalo todo na maleta. Para organizalo todo mellor, recomendámosche dividir a equipaxe en compartimentos con diferentes bolsas como as da foto. Así poderás ordenalo todo por tipo de produto e non se moverá nada durante a viaxe. Agradeceralo moito ao chegar.
Busca accesorios e mobiliario sinxelos de utilizar
É moi probable que alén do que te leves ou do que xa teñas, necesites mercar algún que outro accesorio ou moble para o teu cuarto de estudante estar completo. Se é así, non te compliques! O noso consello é que busques solucións prácticas e sinxelas para que o proceso de decoración e adaptación do espazo non un fastío. Ademais, se se trata dun piso compartido ou dunha residencia, é moi probable que teñas unha serie de normas que respectar neste sentido, pero non te preocupes, porque hai opcións.
Por exemplo, queres pendurar unhas cortinas para obter privacidade e non tes barra? Non necesitas facer ningún tipo de obra complicada para instalala, cunha barra de cortina de ducha como a da foto conseguirás a mesma función. Só terás que facer presión para que se manteña fixa.
O certo é que esa é só unha das solucións, pero hai moitas outras alternativas para cubrir as túas necesidades de xeito moi sinxelo. Precisas dun lugar no que expoñer os teus proxectos ou notas? Consigue un encerado magnético ou taboleiro pero, no canto de penduralo da parede, colócao sobre o teu escritorio. Deste xeito, poderás telo todo xusto diante, pero sen complicacións. Outra opción é poñer un cordel con pinzas.
Iso si, o noso consello é que non enchas o teu cuarto de elementos innecesarios e tentes ter sempre a túa zona de traballo despexada. Sen dúbida, os elementos máis importantes do teu cuarto para o estudo serán a mesa, a cadeira e os accesorios de organización de documentos, elíxeos ben!
Compartes cuarto ou piso? Reserva un espazo para as túas cousas
Compartir cuarto ou piso ten moitos puntos positivos, xa que dá a posibilidade de coñecer xente nova, experimentar o que é vivir con outras persoas e pasar moi bos momentos (moitos deles seguro que serán inesquecibles). Porén, tamén require organización e certa disciplina por parte de todos para que a convivencia sexa o mellor posible. Por iso, un dos puntos esenciais é delimitar o espazo e contar cada un con zonas específicas.
Neste sentido, ter un armario con chave pode ofrecerche moita seguridade ao mudarte a un espazo compartido con xente que non coñeces. Moitos dos nosos armarios poden combinarse cunha pechadura intelixente ROTHULT, que se bloquea e desbloquea facilmente dende o teléfono ou unha tarxeta NFC, sen necesidade de chaves.
Á marxe de que o peches ou non, contar cun pequeno moble auxiliar no teu cuarto no que gardar e organizar o que necesitas serache de moita axuda tamén. Especialmente para os documentos importantes, así teralos sempre á man e evitarás contratempos innecesarios.
Queres máis ideas? Aquí tes un par de artigos que che poden interesar.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e os cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.