Saltar

Unha minoría dentro doutra minoría

"Agardo que compartir as miñas historias cambie algo na vida doutras persoas" 

Nancy (ela), colaboradora de IKEA, 48

Segundo foi crecendo, Nancy, unha colaboradora de IKEA de Malaisia (aínda que non é autóctona de alí) sentíase como "unha minoría dentro doutra minoría", como ela o describe. Ao ter un pai indio e unha nai chinesa, sempre se sentiu un pouco fóra de lugar. Ademais diso, ser gay non llo puxo máis fácil.

Pertencer a unha etnia diferente á do resto dos nenos da súa clase foi complicado para Nancy. Nunca sentiu que encaixase en ningunha categoría. Mesmo entre persoas indias ou chinesas, tampouco se sentía aceptada porque non se parecía a ningunha delas. Cando os pais de Nancy casaron nos anos 70, os matrimonios interraciais non eran moi habituais. Por iso, tampouco tiña un núcleo familiar amplo no que apoiarse. Algo tan normal como conseguir praza na universidade era todo un reto, malia obter boas notas no colexio e elixir plans de estudos difíciles.

Ao final, Nancy converteuse en mestra de cativos. "Imaxina que os meus pais soubesen que era gay", exclama. "A miña profesión tería rematado. A miña vida tería rematado! Así que, basicamente, tiña que manter o meu estilo de vida separado do resto e ir con moito coidado". Vivir así era demasiado complicado. A vida nun país tan relixioso significaba que nunca podería ser ela mesma. Así que sabía que, ao final, tería que mudarse a outro país. 

Saír do armario

Ademais das diferenzas raciais coas persoas da súa contorna, Nancy soubo que era gay cando aínda vivía en Malaisia. Non tivo unha "saída do armario" polo grande. Segundo Nancy, na súa cultura non se fan revelacións deste tipo. Non hai un anuncio formal: é simplemente algo que recoñeces e aceptas ti mesmo. Nunca llo dixo directamente aos seus pais, mais presentoulles a algunhas parellas. Segundo ía crecendo, íase sentindo máis cómoda levándoas á súa casa para as celebracións especiais. E, aínda que os seus pais nunca o expresaran verbalmente, ten a sensación de que, á súa maneira, aceptaron a súa orientación sexual.

Unha historia de amor

Nancy coñeceu á súa parella, May, nunha plataforma de citas. Estiveron a piques de non chegar a coñecerse, xa que Nancy estaba considerando borrar a súa conta cando May fixo clic no seu perfil. O seu amor converteuse nunha historia de respecto e coidado mutuos. May é de Tailandia, pero leva 35 anos vivindo na Gran Bretaña. Aínda que Nancy deixara Malaisia e estivera vivindo en Singapur durante seis anos, volveu a Malaisia antes de coñecer a May.

Co paso do tempo, Nancy e May decidiron que May se mudase tamén a Malaisia para estaren xuntas. Con todo, tres meses despois, May comezou a estresarse polo xeito de vivir nun país tan restritivo. Pasara 20 anos vivindo abertamente como gay e non quería volver meterse no armario. Non poder coller da man a Nancy en público non era a historia de amor que imaxinara. Para May, ser homosexual nun país conservador converteuse axiña nun problema. Porén, decidiron mudarse á Gran Bretaña. 

Dificultades e odio

Cando Nancy volveu a Malaisia dende Singapur, atacárona unha noite que saíu de festa. Estaba cun grupo de amigos e a súa parella daquel momento (antes de coñecer a May). Cando saíu da discoteca, un grupo de persoas atacou a May e á súa parella. "Nunca me pegaran así", conta. Por se fose pouco, tamén descubriu que os amigos cos que saíra presenciarano todo, mais non fixeron nada para detelo. Aínda que tamén experimentou actitudes desagradables contra a comunidade LGBT+ nalgúns momentos cando vivía en Singapur, alí os amigos coidábanse entre si. En Malaisia, o feito de que os seus amigos finxisen non coñecela e a deixasen soa ante ese acto violento foi algo terrible que non esperaba. Nese momento, sentiuse totalmente traizoada. Mirando agora cara atrás, entende o dilema ao que se enfrontaron os seus amigos por non defendela, xa que as relacións homosexuais son un delito en Malaisia. Os seus amigos tamén eran gays e o país non conta con leis que protexan a comunidade LGTB+ contra os delitos de odio ou a discriminación. 

Con orgullo e sen nada que ocultar en IKEA

"IKEA é unha parte importante da miña historia", explica Nancy. Na Gran Bretaña, "vivo con orgullo e sen nada que agochar. Pero estou especialmente contenta de poder ser quen son no meu lugar de traballo". Antes de chegar a IKEA, pensaba que daría igual cantos indicadores clave de rendemento (KPI) cumprira en empresas anteriores: nunca a elixirían para un ascenso ou como representante de nada. Nunca estaría en igualdade de condicións.

Nancy chegou a IKEA hai 10 anos e foi ascendendo axiña. Agora, é responsable do equipo IKEA Food. Pode que para outros non sexa tan importante dirixir un equipo de persoas, pero para Nancy a súa importancia radica na representación. Para ela, ser unha persoa da comunidade LGBT+ e ocupar un posto destas características é unha mostra visible de que IKEA a apoia. Para demostrar a inclusión, dentro do seu equipo sempre se asegura de que se teña en conta a diversidade na contratación de persoal. Creou un equipo de persoas de esferas sociais moi diversas. O seu camiño cara a autoaceptación levouna a unha especie de activismo pola aceptación dos demais. 

Amor na casa

Para Nancy, o amor na casa agora ten outra forma. Deuse de conta de que o amor se demostra de xeitos moi diversos. En Malaisia, a súa parella e ela non se mostran afecto entre elas diante da súa familia, pero sabe que aceptan a súa relación. "Cada vez que a miña nai quere queixarse de min, fala primeiro con May. Así que, nese sentido, somos unha parella tradicional".

Na súa casa da Gran Bretaña, con May, Nancy sente que pode respirar tranquila e ser ela mesma. Con todo o apoio que May lle dá, nunca pon en dúbida o moito que a quere. Houbo unha época na que May compaxinou tres traballos para asegurarse de que Nancy cumprise os requisitos salariais que lle esixían para o seu visado no Reino Unido. Cando vai pola rúa, Nancy segue sendo consciente de que hai persoas que a miran de maneira estraña por ser gay. Con todo, no paraíso que é o fogar que construíu con May, séntese totalmente segura co "amor da súa vida". 

Retrato da cara de Nancy, que está de pé ao aire libre, con vexetación esfumada no fondo.

As nosas preguntas a Nancy

Que lle dirías a unha persoa nova á que lle xere ansiedade saír do armario? 

Atopa a túa xente.

Como podemos apoiar á comunidade LGBT+?

Abonda con escoitarnos. 

Preséntate ao mundo como aliado/a

Inclusión do colectivo LGBT+

O fogar pode ser a base para desenvolver a autoconfianza, a felicidade e o sentido de pertenza, especialmente para as persoas da comunidade LGBT+. Cando a aceptación e a inclusión xeran a igualdade de oportunidades para todas as persoas, independentemente da súa identidade e orientación sexual, estamos todos mellor. Xuntos.

Preséntate ao mundo como aliado/a

Lecturas relacionadas