Saltar

Ser drag queen converteuna no home que ela é

"O meu nome é Boris. O meu personaxe drag é Envy Peru".

Envy Peru (ela/diva drag), 34 

"Cada perruca ten a súa historia". Estas son as palabras de Envy Peru, gañadora de Drag Race Holland 2020, mentres lle amosa o seu fogar e cuarto de vestir ao equipo de IKEA. Hai obras de arte, propias e doutros artistas, por toda a casa. Os imáns do frigorífico que a súa parella, a súa nai e ela foron recompilando narran as historias dos sitios nos que estiveron. Unha boneca de Betty Boop, adquirida nunha tenda local, brilla nun recuncho como proba dos días dourados de enerxía feminina e glamurosa de Envy.

Pero a historia de Envy non empeza aquí. Como Boris, mudouse aos Países Baixos con catro anos xunto á súa nai e á súa tía. Trinta anos despois, aínda que naceu en Perú, considera que Ámsterdam é o seu fogar.  

Saír do armario  

Aos 21, Boris saíu do armario coa súa nai. "Eu xa sabía que o era, pero seguía no armario", explica. Vivir nunha cidade pequena a 20 minutos de Ámsterdam podía cambiar moito as cousas para unha persoa gay. Boris non podía expresarse, pero non sabía por que. Saír do armario coa súa nai non estaba previsto en absoluto. "Tivemos unha pelexa sobre algo e, simplemente, solteillo: son gay".

Como nai latinoamericana, non o aceptou, algo que sorprendeu a Boris, porque ao parecer a súa tía xa o sabía. De feito, todos o sabían. Envy pensa que o estado de negación da súa nai era froito da educación que recibira sobre o tema. A idea de que o seu fillo non fose casar e non lle fose dar netos era devastadora para ela. En Perú, oíra algo sobre a comunidade LGBT+, pero foi un shock que se tratase do seu propio fillo. Co tempo, aceptouno e deulle todo o seu apoio. A calma durou ata a seguinte sorpresa: Boris quería ser drag queen.

Drag

A traxectoria de Envy como drag comezou con dúas irmás. Facíanse chamar as "Mermaids Mansion", porque eran as raíñas máis bonitas de Ámsterdam (segundo Envy). Gañaron a Super Bowl, un concurso de drags que se celebraba na cidade, no seu primeiro intento, e fixéronse un nome na comunidade drag neerlandesa. Ata hoxe, moitas persoas ven unha drag queen segura e vistosa que quizais ten moita personalidade (e voz). Pero detrás de Envy hai unha persoa, non un personaxe.

Unha historia de amor

Envy namorouse de Andy, un expatriado do Reino Unido que estaba facendo os seus pereiriños no mundo drag. "O meu mozo estivo aí dende o principio. Mudouse a Ámsterdam hai sete anos, xa que tamén lle interesaba o universo drag. De aí é de onde vén o noso interese común". Aínda que Andy só fixo a súa incursión no mundo drag por diversión e ao final deixouno, seguiu a carón de Envy, entendendo ese mundo dun xeito que outros non fan. Envy sente que a moitas persoas lles encanta a parte artística, pero que só o ven como un estereotipo. Andy, como parella, veo tal e como é. 

Dificultades e odio

Unha noite de xuño de 2023, Boris volvía á casa en autobús. Un grupo de homes increpáronlle con insultos e burlas e, ao final, remataron pegándolle. Este asalto demostroulle que Ámsterdam, o lugar que considera o seu fogar, non era tan progresista como poida parecer. A violencia tivo un grande impacto emocional nela e, dalgún xeito, fixo que escondese a súa verdadeira personalidade en público. Con todo, co tempo e o apoio de Andy, cada vez está mellor. Aínda segue sendo moi protectora da súa privacidade en varios sentidos. Por moito que os acosadores o intentaran, Envy afirma que "non remataron co gay". 

Amor na casa

O fogar é o lugar favorito de Envy. É un refuxio cheo de amor e autoexpresión. Cando saíu do armario por primeira vez e a súa nai non a comprendeu, atopou un fogar con amigos que a aceptaron cando chegou a Ámsterdam. Agora, Andy e ela construíron un fogar seguro e cheo de amor, onde sempre se senten protexidos e a salvo. E o mellor de todo é que a nai de Envy agora é a súa maior fan.

Envy Peru totalmente maquillada e vestida como drag, sentada diante dun espello con toucador no cuarto de vestirse.

As nosas preguntas a Envy 

Que lle dirías a unha persoa nova á que lle xere ansiedade saír do armario? 

Sé ti mesmo/a. Sé libre.

Como podemos apoiar á comunidade LGBT+?  

Apoiándonos de verdade. E non só gozando co que facemos. Sendo aliados/as. 

Preséntate ao mundo como aliado/a

Inclusión do colectivo LGBT+

O fogar pode ser a base para desenvolver a autoconfianza, a felicidade e o sentido de pertenza, especialmente para as persoas da comunidade LGBT+. Cando a aceptación e a inclusión xeran a igualdade de oportunidades para todas as persoas, independentemente da súa identidade e orientación sexual, estamos todos mellor. Xuntos.

Preséntate ao mundo como aliado/a

Lecturas relacionadas