Que ocorre cando durmo?
Mentres dormes, en aparencia non fas nada, pero o teu corpo está reiniciando moitos dos seus sistemas e levando a cabo tarefas variadas de mantemento. Poderiamos dicir que o teu corpo está acicalándose, e ti só tes que durmir para que isto ocorra.


O teu corpo reiníciase cando dormes
O sono é esencial para o benestar tanto físico como emocional. Dende o punto de vista físico, o corpo pasa por un proceso de restauración que afecta os sistemas dixestivo, inmunitario e cardiovascular.
De feito, demostrouse que a falta de sono aumenta a concentración da "hormona da fame", polo que comemos máis do que deberiamos e, en consecuencia, increméntase o risco de diferentes enfermidades. A falta de sono pode aumentar o risco de padecer enfermidades do corazón e incluso Alzheimer.
Durmir é bo para o cerebro
Durmir o necesario tamén é esencial para as funcións emocionais e cognitivas. Demostrouse con estudos que existe unha conexión clara entre a falta de sono e a depresión. Non durmir abondo tamén nos pode volver menos empáticos. Crese que isto se debe a un exceso de actividade nalgunhas partes do cerebro. O cerebro necesita desconectar varias horas para estar sincronizado consigo mesmo.
As horas de sono permiten ao cerebro poñerse ao día e prepararse para a xornada seguinte. Os efectos positivos de durmir ben tamén se observan na capacidade para concentrarse, recordar, resolver problemas e motivarse.
Un bo descanso non só senta ben, senón que é necesario para unha vida equilibrada e feliz.
Canto tempo preciso durmir?
Canto maiores nos facemos, menos necesitamos durmir. Os recentemente nados e os bebés necesitan durmir ata 17 horas ao día. Máis adiante, cando temos entre 18 e 64 anos, aos nosos corpos chégalles con entre 7 e 9 horas ao día. Normalmente as horas de sono por grupo de idade son estas:
- Recentemente nados, 0-3 meses: 14-17 horas/día
- Bebés, 4-11 meses: 12-15 horas
- Nenos de gardería, 1-2 anos: 11-14 horas
- Nenos de infantil, 3-5 anos: 9-11 horas
- Nenos de primaria, 6-13 anos: 9-11 horas
- Adolescentes, 14-17 anos: 8-10 horas
- Adultos, 18-64 anos: 7-9 horas
- Terceira idade, máis de 65 anos: 7-8 horas
As catro fases do sono
O sono consta de catro fases que sempre se producen na mesma orde. Empézase cun sono lixeiro, que serve de transición entre estar esperto e adormecer. Durante este sono lixeiro o pulso e a respiración son máis lentos e os músculos están relaxados.
Na seguinte fase o corpo prepárase para o sono profundo. Nela o pulso e a respiración son aínda máis lentos, ao igual que a actividade cerebral.
Á terceira fase chámaselle sono profundo. Nela o corpo está completamente relaxado e o cerebro en repouso. É cando se producen os procesos de reparación e restauración do corpo.
A última fase é a fase REM ou fase dos soños. Nela os ollos móvense moi rápido de lado a lado e os músculos están paralizados. Esta é a última fase do ciclo, que dura en total entre 60 e 90 minutos.
Despois disto, da cuarta fase, todo o proceso empeza de novo. O corpo fai unha breve pausa, na que esperta, e despois volve empezar o ciclo do sono na fase 1. O ciclo completo repítese 4 ou 5 veces cada noite. Polo tanto, espertar no medio da noite é completamente normal.
Se durmimos o necesario, espertaremos sentíndonos frescos e descansados. Se se interrompe o sono e espertamos no medio dun ciclo, pasa o contrario: sentímonos cansos, irritados e nada contentos de ter que erguernos.
