Saltar

Ideas para gozar dunha sala de estar acolledora e quentiña en inverno

A sala de estar é a estancia na que pasamos máis tempo e agora, por mor destas circunstancias, debemos pasar a maior parte do tempo posible na casa. Por iso, cando se achega o frío, nada mellor que preparala para gozar dunha sala de estar acolledora e quentiña durante todo o inverno. Velaquí van algunhas ideas! 

Falar, ler, ver unha peli, xogar, comer, cear, descansar... Como diciamos, a sala de estar é a zona da casa onde facemos a maioría das actividades en familia, especialmente durante os meses de frío. E se isto é así polo xeral, este ano coa pandemia aínda máis. Por iso, querémosche propor varias ideas para a túa sala de estar ser todo o cómoda e quente posible para ti e a túa familia. Ese lugar no que sempre vos apetece estar e no que podedes relaxarvos e desconectar de todo. Imos aló... 

Un comedor quentiño para toda a familia 

 

Derredor da mesa do comedor é onde vivimos algúns dos mellores momentos da vida, non si? Comidas e ceas coas persoas que máis queres, que che gustaría que fosen infinitas. Para gozarmos delas todo o tempo que for posible en inverno, aconsellámoste adaptar o comedor para convertelo nunha das zonas máis quentiñas da casa. A sobremesa pode continuar no sofá, mais o certo é que na mesa todos estaredes máis cómodos e poderedes xogar ou falar sen necesidade de estar vendo a televisión o resto da tarde. 

A clave para conseguilo? Os téxtiles, sen dúbida. Colocar mantiñas e coxíns nas cadeiras, bancos ou cadeiras de brazos da mesa, fará que esta estancia mude completamente e sexa moito máis cómoda. Como ves na foto, nós apostamos por tons terra moi suaves, que contrastan cos mobles, moito máis escuros, e dan calidez visual ó espazo. Os detalles decorativos, como o cunco cheo de piñas, tamén axudan a darlle ese efecto acolledor que estamos a buscar.  

Unha zona para xogar e dar renda solta á imaxinación 

 

Os máis pequenos son os que máis partido sacan da casa e por iso, á hora de crearmos unha sala de estar acolledora, non nos podiamos esquecer deles. Que actividades adoitar facer os teus fillos nesta zona da casa? Se adoitan xogar, ler, debuxar ou ver pelis e, por moito que insistas, sempre acaban no chan (e ti con eles), en inverno non pode faltar unha boa alfombra. Ti saberás que así non han coller frío e eles estarán ben a gusto mentres dan renda solta á súa imaxinación. Como podes ver na foto, seguindo a liña dos téxtiles, apostamos por un ton terra que transmite esa sensación de calidez da que falabamos.  

Se o que queres é fomentar aínda máis a creatividade dos pequenos, lonxe das pantallas, unha boa idea pode ser reservar un recuncho da sala de estar para gardaren os seus contos e o seu material de pintura. E se precisan ampliar este último, na nosa colección MÅLA atoparás todo o necesario. Para que estea mellor ordenado, podes apostar pola peza que ves na imaxe, que conta cun soporte de rolo de papel, para que o vaian empregando consonte van debuxando, e un lugar onde colocar os lapis e rotuladores. Que che parece?   

Un recuncho para ler con luz natural 

 

Tampouco esquecemos os maiores para prepararmos a sala de estar en inverno. Por que non reservar unha zona próxima da fiestra, ben iluminada, para colocares unha cadeira ou unha cadeira de brazos cómoda? Nela poderás sentar a ler, tomar un café tranquilamente ou simplemente descansar. En inverno calquera raio de sol é benvido, así que, sen dúbida, ter ese recuncho ao voso dispor, preto da fiestra, vos axuda a recargar as enerxías. E cando se faga noite, podes apostar por colocar unha lámpada de mesa sobre o andel da fiestra  ou unha lámpada de pe con luz cálida que ilumine este pequeno recuncho.   

Como ves, para seguir na liña das cores terra, apostamos por AGEN, unha cadeira de ratán tecido á man, un material natural que lle dá un deseño único. E, xaora, para unha maior comodidade, non pode faltar unha boa manta e un coxín.  

Espazo adaptado para toda a familia 

 

Que che parece o resultado? Como ves, con estas ideas pensamos en todos os membros da familia, para crearmos unha estancia cálida e cómoda para esta época do ano, na que todos poidan facer o que máis lles apeteza en compañía dos outros. E non hai dúbida de que podes adaptar algunha destas opcións á túa e ás necesidades da túa familia, para os días de inverno aquí seren moito mellores.   

Por se precisas máis ideas para a túa sala de estar, velaquí deixamos un vídeo con ideas para decorar unha sala de estar con nenos e unha selección de artigos sobre o tema que poden ser do teu interese. Toma nota! 

 Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.