Saltar

5 receitas de Nadal saudables para que te sigas coidando

Este Nadal queres gozar e coidarte ao mesmo tempo? Aínda que non o creas, é máis que posible. Para conseguilo só terás que apostar por pratos con alimentos de calidade, menos procesados e máis naturais. Anota estas receitas de Nadal saudables e deixa de preocuparte polos excesos propios destas datas.   

Comer san non está rifado co sabor, e os pratos que che propoñemos a continuación son a proba diso. Como has ver, só terás que prestar un pouco máis de atención aos ingredientes que elixas para os teus pratos. Cal é a clave para un menú de Nadal san e lixeiro? Que a cor das túas receitas a poñan as verduras e as froitas! É moito máis fácil do que parece, así que saca o chef que levas dentro, e imos aló! Seguro que máis dun familiar se sorprende cando lle expliques que todas as delicias que está a degustar son 100 % saudables.

Iso si, antes de empezar coas receitas saudables de Nadal, queremos lembrarche o importante que é aproveitar a comida ao máximo, especialmente en datas coma estas, nas que adoitamos cociñar en máis cantidade. Para iso, recomendámosche que gardes todo o que sobre no frigorífico, en envases ben organizados para que se conserve correctamente e poidas consumilo nos próximos días. 

1. Roliños de salmón con vexetais 

 

Ingredientes:

  • Filloas integrais
  • Salmón afumado
  • Eiruga
  • Herba dos cóengos
  • 1 iogur grego natural
  • Aceite de oliva virxe extra
  • ½ limón
  • Alfábega
  • Allo en po
  • Pementa
  • Sal  

Preparación:   

1. Bota o iogur nun cunco e mestúrao co zume de medio limón, un chorriño de aceite de oliva virxe extra e sal. Consello: dálle un toque extra cunhas especias ao gusto. 

2. Reméxeo todo ben ata conseguires unha salsa homoxénea.

3. Tendo en conta o número de comensais que seredes, coloca sobre unha bandexa ou mesado varias filloas integrais.

4. Unta unha capa da salsa sobre as filloas. 

5. Cúbreas cunha capa de salmón afumado e outra de alfábega, herba dos cóengos e eiruga mesturada.

6. Enrola as filloas, córtaas en pequenos rolos e suxéitaos con escarvadentes.

7. Podes empratar sobre brotes tenros e darlle un toque especial con salsa de mostaza granulada

2. Canapés saudables para o Nadal 

Ingredientes:   

  • Pan integral 
  • Queixo tenro de cabra 
  • Salmón 
  • Peituga de pavo á grella 
  • Albóndegas de polo ou vexetarianas 
  • Cebola morada 
  • Remolacha 
  • 1 iogur grego 
  • 1 cogombro 
  • Aceite de oliva virxe extra 
  • Aneto 
  • Pementa 
  • Sal 

Preparación:

1. Pela o cogombro e pícao en anaquiños.

2. Mestúrao co iogur grego e engádelle un chorriño de aceite de oliva virxe extra, aneto, pementa e sal ao gusto.

3. Remexe ata conseguires unha salsa homoxénea e reserva.

4. Curta varias rebandas do pan integral e móntaas cos diferentes ingredientes.

5. Podes poñerlle unha base de queixo e despois crear combinacións ao teu gusto: de queixo, salmón e cebola morada; de queixo, albóndegas e remolacha; de pavo coa salsa de cogombro… Bótalle imaxinación!

3. Ensalada morna de cítricos  

Ingredientes: 

  • 1 laranxa 
  • 1 pomelo 
  • 1 granada 
  • Bimi 
  • Lombarda 
  • Kale 
  • Sésamo
  • Aceite de oliva virxe extra
  • Vinagre de Módena
  • Pementa  
  • Sal 

Preparación:   

1. Lava as verduras.

2. Quenta unha tixola a lume medio cun chorriño de aceite e saltea o bimi, a lombarda e o kale ou col rizada.

3. Pela a laranxa e o pomelo e párteos en cuarteiróns. 

4. Abre a granada e sácalle as sementes.

5. Mestura as verduras coas froitas no prato e adereza con aceite de oliva virxe extra, vinagre, pementa e sal.

6. Ponlle o toque final co sésamo.  

4. Pastel de pataca e salmón  

Ingredientes:  

  • 4 filetes de salmón
  • 6 patacas 
  • 3 ovos 
  • 1 cebola 
  • 250 ml de leite 
  • 250 g de queixo fresco 
  • Aneto 
  • Pementa  
  • Sal  

Preparación:  

1. Pela as patacas e párteas en rodas finas. 

2. Pon as patacas nun recipiente para microondas con tapa. Bota media cullerada de aceite de oliva virxe extra e salpementa ao gusto.

3. Mestúrao todo ben, tapa o recipiente e cociña no microondas durante 2 minutos a 800 W.

4. Sácao, remove e repite o proceso ata que estean tenras.

5. Pica a cebola en dadiños pequenos (en brunoise, como dirían os profesionais) e rústrea na tixola. 

6. Cociña os filetes de salmón á prancha.

7. Prequece o forno a 180 ºC.

8. Bate o leite cos ovos, o queixo e un pouco de pementa.

9. Nunha prata grande, vai alternando unha capa de pataca e cebola e outra de salmón (previamente cortado en anacos). 

10. Pon un pouco de aneto por riba e cubre todo coa salsa de leite, ovos e queixo. 

11. Enforna durante 40 minutos, e listo para servir!

5. Albóndegas de verduras con salsa de aguacate 

 

Ingredientes:  

  • Albóndegas de verduras 
  • 1 cebola morada 
  • Brotes tenros
  • Espárragos verdes 
  • 1 cenoria 
  • 1 aguacate 
  • Zume de ½ limón 
  • Aceite de oliva virxe extra 
  • Auga  
  • Allo en po 
  • Pementa 
  • Sal 

 

Preparación: 

1. Abre o aguacate e baléirao. No vaso do batedor, pon o aguacate, o zume de medio limón, unha culleradiña de aceite de oliva virxe extra, allo en po ao gusto, pementa e sal. 

2. Báteo ben e, se cómpre, engade auga para que a salsa non quede demasiado espesa. Garda nun bote de vidro e reserva.

3. Lava os brotes tenros. 

4. Pela a cenoria e córtaa en tiras cun pelador. 

5. Pica a cebola morada en rodas moi finas.

6. Quece nunha tixola un chorriño de aceite e fai os espárragos verdes á prancha.

7. Cociña as albóndegas de verduras. 

8. Nun prato, pon unha cama de brotes e espárragos. Sobre ela, coloca a cebola, as tiras de cenoria e, finalmente, as albóndegas.

9. Sirve a salsa á parte para que cada comensal a engada ao seu gusto. 

Cal destas receitas che gustou máis? Sexa cal for, calquera delas axudará a coidarte este Nadal. E lembra, non desperdicies nada de comida! 

Para terminar, aquí deixamos algúns artigos con consellos para este Nadal gozares da comida de forma sa e sostible. Toma nota! 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.