Saltar

Ideas para organizar o vestíbulo para o verán

Encántanos facer cousas ao aire libre, e máis no verán, pero o que non nos gusta tanto é regresar á casa e invadir todo con restos de terra dos zapatos, de area que quedou na roupa e nos xoguetes, e mesmo de auga. Non te preocupes! O teu vestíbulo vaise converter no aliado perfecto tanto para evitar que a sucidade se coe por toda a casa como para organizar todos os trastes. Queres ver como? Apunta estas ideas!

Un vestíbulo para a casa da praia

Que sexamos uns namorados da praia non quere dicir que nos guste transportala directamente á casa e tela toda chea de area. Unha forma de evitalo é contar cun pequeno lugar para cambiarnos nada máis chegar á casa. Para iso, pode ser moi útil un colgadoiro de parede no que deixar mudas de reposto. Non fai falla que te compliques moito. Tan só tes que deixar algo preparado que sexa cómodo e lixeiro para que no traxecto á ducha non desprendas todo un rastro de area e auga salgada pola casa. 

Un banco pequeno resultará moi útil como espazo para sentar e cambiarte comodamente, e tamén como lugar de almacenaxe extra para tódalas túas cousas. Podes colocar unhas caixas transparentes para gardar todos os obxectos, como as lentes de mergullo ou os xoguetes, e reservar outra baleira na que deixar os traxes de baño mollados e as chancletas. Así levarás todo directamente ao cuarto de lavar sen perigo de fugas!

Coloca, ademais, unhas toallas de reposto para a próxima escapada á praia e unha caixa ou unha bolsa pequena con todos os protectores solares para nunca esqueceres nada antes de saíres da casa. 

Un vestíbulo para aventuras ao aire libre

Aínda que vivas na cidade ou substitúas a praia pola montaña, corres o risco de a túa casa parecer unha xungla e se encha da sucidade do exterior. A chave deste vestíbulo pensado para unha persoa afeccionada ás actividades en plena natureza, por exemplo, son os colgadoiros para as chaquetas, os bolsos e os sombreiros, e un amplo estante no que organizar os obxectos máis grandes, como a esteira, a corda ou os prismáticos. Ah! E para os obxectos máis pequenos, como antes, nunca está de máis clasificalos en caixas para telos sempre á man e que non dean un aspecto de desorde. 

Tan só un consello máis: coloca un felpudo ou unha alfombra de zapatos para o calzado sucio, como as botas de auga. Así, non deixarás pegadas de barro ou terra por toda a casa. 

Un vestíbulo para o material de deporte

A práctica de calquera deporte (fútbol, rugby, etc.) implica chegar á casa cunha gran cantidade de cousas sucias. A solución, neste caso, consistiu en ter un organizador de parede para poñer os andeis e os cestos como queiramos. Neste exemplo, empregamos o noso sistema de almacenaxe ALGOT. Que che parece?

A zona de arriba reservámola para os cascos e accesorios da cabeza, de tal forma que nos quitamos de enriba algúns dos complementos que máis avultan e máis problemas dan para gardar. O centro quedaría dividido para as pezas máis grandes, como as camisetas e eses obxectos que non queremos esquecer, como as luvas. E, por último, a zona de abaixo está reservada para pezas ou obxectos que queiramos airear e gardar, como as zapatillas ou os balóns e as pelotas, que metemos en cestos de reixas semitransparentes.  

E onde gardamos as raquetas ou os bates? Nós propoñomos agrupalo todo nun caldeiro e, se xa non tiveres espazo, aproveitar a parede e colgalos nela, como fixemos coas raquetas de bádminton. Será moito máis doado limpalo todo se sempre destinamos cada cousa a un único lugar.

Gustáronche estas ideas? Sigue inspirándote e anotando ideas sobre organización e limpeza do fogar con estes artigos:

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.