Saltar

San Valentín na casa: 4 ideas para celebralo de xeito especial

Celebrar San Valentín na casa pode ser unha oportunidade para gozar da parella dun xeito máis íntimo e especial. Queres algunhas ideas para que sexa un día redondo? Non perdas estas propostas románticas para o 14 de febreiro. 

1. Un espertar diferente

Se tes a oportunidade, San Valentín pode ser a escusa perfecta para, por un instante, desconectar do mundo e centrarte tanto en ti como nos teus. Por iso, propoñémosche que o día empece cun pouquiño de encanto e un ambiente zen.

Un almorzo na cama pode ser a forma perfecta de dicir o primeiro "quérote" do día, neste caso a través da comida! Para preparalo todo non fai falla complicarse, xa verás. Un pouquiño de café acabado de facer, un zumiño natural ou unha infusión e unhas froitiñas ou un saboroso croissant quentiño poden facer un menú de dez. Iso si, para que sexa máis fácil comelo, recomendámosche utilizar unha bandexa de cama, que, ao ter patas, é moito máis estable que unha bandexa normal colocada encima das pernas. Algún detalle máis? Adorna a bandexa cunha ramiña bonita e unha pequena foto dalgún recordo xuntos. É un toque sutil, pero que lle rouba o corazón a calquera.

Un consello: deixade de lado as conversas monótonas ou as preocupacións cotiás e tentade falar dos vosos mellores momentos xuntos. Seguro que xorden grandes anécdotas, e non hai nada como empezar o día cunha boa dose de risas.  

2. Agachar un agasallo pola casa

Este último ano aprendemos que os bens materiais non serven de nada se non podemos gozalos e que hai moitos tipos de agasallos á parte dun obxecto co seu correspondente envoltorio. Se tes algún detalle preparado, xa sexa algo material ou máis emocional, propoñémosche entregalo dun xeito diferente e divertido. Que tal se organizas unha especie de xogo para atopalo?

Podes ir deixando pistas pola casa para que a outra persoa investigue ata atopalo. Aquí a imaxinación non ten límites; por exemplo, podes facer un percorrido de cuarto en cuarto con fotos cun enigma cada unha ou xogar con diferentes obxectos da casa (dende o cadro favorito da túa parella ata a primeira tixola que comprastes), reservando o gran premio para o final.  

3. Un baño relaxante 

No día a día non paramos de mirar o reloxo e cronometrar cada tarefa que facemos, mesmo as que poden axudar a que nos sintamos mellor. Por iso, é momento de parar e, como diciamos, centrarnos en coidarnos nós mesmos (porque sempre hai que quererse) e, por suposto, en coidar a nosa parella. 

Traslada a comodidade dun bo spa directamente ao teu baño. Ambienta o espazo cunhas flores secas ou unhas candeas aromáticas, cheiran moi ben e danlle un toque íntimo e romántico ao espazo. De feito, podes poñelas arredor da bañeira ou no mesado do lavabo. Se queres telo todo baixo control, podes optar por unhas candeas con luces LED, libres de perigo.

4. Unha cea cun ambiente máxico

Do mesmo xeito que é importante amencer cun gran sorriso, non está de máis coidar ata o último minuto do día. Por iso, para culminar o 14 de febreiro, recomendámosvos unha cea romántica.

Para que non sexa unha cea máis, debedes poñer especial atención en cada detalle. Empecemos polo ambiente. Creade unha iluminación tenue xogando coas luces para que sexa un momento moito máis máxico e íntimo. A luz cálida dunhas candeas pode ser un punto moi a favor.

Despois, vestide a mesa de xeito meticuloso. Non fai falla nada extravagante, pero podedes poñer algún prato bonito, algunha copa especial para ese viño que tedes pendente de abrir xuntos ou un camiño de mesa que limite o espazo ao que verdadeiramente importa: vós os dous.  

O menú da cea xa é cousa vosa, pero se nos deixades suxerímosvos que, se ides cociñar vós, busquedes un prato un pouco diferente das vosas ceas cotiás. O tamén podedes pedir a comida a ese restaurante que tedes ganas de probar.   

Xa sexa en San Valentín ou en calquera outra ocasión, esperamos que estes consellos vos sirvan de inspiración para os vosos momentos máis románticos, incluso na casa. Para máis ideas, nada como esta selección de artigos:  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en mente que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.