8 ideas para renovar dormitorios infantís de nenos de 3 a 7 anos
Unha das cousas que máis preocupa aos pais cando teñen nenos pequenos é que teñan un cuarto cómodo, bonito, funcional e que se vaia adaptando a eles conforme medren. E é normal… os nenos son os reis da casa! Nós queremos proporche estas 8 ideas para renovar dormitorios infantís para nenos e nenas de entre 3 e 7 anos (máis ou menos). Iso si, lembra que o máis importante para eles se sentiren felices e cómodos no seu cuarto é que sexan partícipes activos para o decoraren. Conta con el@s!
1. Crea dous dormitorios nun
Se tiveres un dormitorio o suficientemente grande, podes optar por crear un espazo "2 x 1". Que quere dicir isto? Que podemos dividilo en dúas zonas: unha cunha cama máis grande (máis "de adulto") e con caixóns, e outra cunha cama máis pequena para eles.
- Contar nun dormitorio infantil cunha cama con caixóns máis grande pode servir para moitísimos fins distintos:
- Para esas "noites complicadas" dos peques nas que queremos estar preto
- Cando están enfermiños e non queremos despegarnos deles.
- É ideal para convidados ou amiguiños cando queden a durmir.
- Un sitio con moitísima máis almacenaxe que unha cama pequena.
- Cando medre, terá unha cama adaptada ao seu tamaño e só teremos que retirar a anterior, máis pequeniña.
Lembra que podes seguir facendo os teus pedidos en liña para os teus soños de dormitorios infantís non se demoraren máis.
2. Cuarto para xogar: transforma a súa cama nunha gorida
Cunha estrutura que se asemella a un dosel e unha tea facendo de "teito", pódese crear un espazo tan bonito coma este. Aos nenos encántalles sentirse coma se estivesen nunha tenda de campaña, no seu propio recuncho dentro do cuarto, protexidos do resto do mundo, no que poden imaxinar mil e unha aventuras.
Incluso sen a estrutura, se non a tes nestes intres, podes facer un dosel. Como? Suxeitando a tea por tres ou catro puntos con simples ancoraxes ao teito.
3. Pon solucións de almacenaxe que poidan utilizar eles tamén
Ter a roupa, os libros ou os xoguetes ao alcance dos máis pequenos axúdalles a seren máis independentes: poden coller as cousas cando as precisan e gardalas cando rematen sen ter que recorrer a vós.
Por suposto, non sempre chegarán a todo (tampouco teñen por que), pero é importante darlles acceso a algúns caixóns ou cestos para comezaren a facer este tipo de cousas eles soíños. Ademais de ser un recurso de organización de dormitorios infantís fantástico!
4. Crea un espazo que poidas aproveitar ti tamén
Se o dormitorio do teu fillo for o suficientemente amplo, podes aproveitalo para sacarlle partido ti tamén. Como? Podes colocar un sofá ou unha mesa de traballo. Agora que pasamos tanto tempo na casa, desta forma poderás estar lendo tranquilamente, traballando desde casa ou simplemente descansando mentres el ou ela xoga.
Ademais, en calquera momento podes "tirarte ao chan" para xogar con el ou ela. Para todo o demais seguro que tes tempo despois!
5. Transforma un faiado pequeno nun dormitorio infantil
O faiado adoita ser un espazo algo esquecido e en desuso en moitas casas grandes, sobre todo de zonas rurais e dos arredores das grandes cidades.
Pero pode converterse nun gran aliado se sabemos sacarlle partido, e que mellor momento ca este para poñernos mans á obra? Cos nenos na casa, eles botarante unha man encantados para construírdes o seu espazo soñado.
Dámosche algunhas ideas:
- Alfombra: fundamental para os nenos xogaren no chan sen coller frío e amortecendo ruído e golpes.
- Coloca uns andeis nos que colocar xogos de mesa, xoguetes, láminas decorativas…
- As cestas de organización son fundamentais para colocar todas esas cousiñas que, doutra forma, acabarían tiradas polo chan. Úsaas da forma correcta clasificando o seu contido.
- Coloca neste cuarto os xoguetes máis grandes ou os xogos que máis espazo requiran para liberares espazo do dormitorio infantil.
6. Almacenaxe divertida para fomentar a súa participación
Os nenos estarán máis predispostos a axudar e recoller se tiveren "complementos" que lles chamen a atención ou que mesmo creasen eles mesmos.
Un bo exemplo serían estas caixas forradas cun papel que eles mesmos elixiron e axudaron a forrar. Deixa os teus fillos personalizaren as súas cousas para que se sintan máis familiarizados con elas. Ademais, a almacenaxe para nenos axúdalles a responsabilizarse das súas cousas desde ben pequenos. É un pasatempo xenial para estes días, non si?
7. Deixa que sexan eles quen elixan as cores
E ao igual que lles deixamos que personalicen algunhas das súas cousas, tamén podemos deixarlles que elixan o seu cuarto nas cores que máis lles gusten. Aínda que sexan pequenos, tamén teñen o seu criterio!
Que cousas poden elixir que sexan sinxelas e vistosas? Os coxíns, a roupa de cama, os peluches que poñen sobre a cama, a alfombra… Asegurámosche que podes sorprenderte do bo gusto que teñen os teus pequechos.
Xa podedes ir facendo o voso carriño da compra con todo o que queredes que chegue á casa…
Se vos animades e preferides poñervos "de cheo" coa orde, non perdas este vídeo, serache moi útil!

8. Adapta o mobiliario aos teus fillos
Aos teus meniños gústalles debuxar? Pois seguramente xa che deixaron algunha vez a mesa chea de pintura e manchas. Unha boa solución é forrar a súa mesiña cun tecido fácil de limpar, tipo hule de plástico. Desta forma é o teu mobiliario o que se adapta aos teus fillos, e non ao revés.
A por eses días interminables de debuxos!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.