Saltar

Consellos para decorar dende cero unha casa pola túa conta

Quer te vaias mudar quer chegue un novo membro á familia, ou simplemente porque tes varios cambios na mente para o teu fogar e queres facelos pola túa conta e aforrar uns cartos, anota! Aínda que nun principio facer unha reforma poida parecer complicado, a clave do éxito está en contar cun plan ben organizado. Imos aló, consello a consello...  

1. Elixe o estilo e planifica 

 

Antes de nada, tedes claro o que queredes? Se non sabes por onde empezar, o noso consello é que todos os membros da casa reservedes un anaco para pensar no que queredes acadar con esta reforma. Non só na adaptación ou configuración do espazo, senón no estilo e ambiente que queirades que teña.

Para que sexa máis sinxelo, podedes inspirarvos coas cores ou as texturas que desexedes para o voso fogar. Por exemplo, se vos apetece que sexa acolledor e cálido, é probable que entre as vosas eleccións predominen os tons terra e os materiais naturais.  

Unha vez elixido o estilo predominante, chega o momento de decidir o cando e o como. Aínda que poida ser tentador deixarse levar, debes ter claro que a planificación é clave antes de lanzarte a emprender calquera proxecto, e unha reforma non ía ser menos. Grazas a ela, conseguirás que todo se vaia desenvolvendo correctamente. Colle papel e boli (ou unha computadora, o que prefiras) e anota todo o que tedes que facer con datas aproximadas. Axudaravos a cumprir o obxectivo! 

2. Confía no poder da decoración 

 

O noso consello é que partas de mobles en cores neutras e consigas coa decoración o estilo que lle queredes dar ao voso fogar trala reforma. Deste xeito, se máis adiante tedes ganas de facer algún cambio de estilo, os mobles non serán ningún impedimento. As cortinas, os coxíns, os adornos, as lámpadas e outros accesorios converteranse nos vosos grandes aliados.  

Por suposto, tamén poderás engadir algún pequeno moble que lle dea o toque especial e cambie un pouco o espazo, como é o caso da mesa auxiliar e o repousapés que podes ver na foto. Como son pequenos, poderás movelos cando precises ter máis espazo libre para reunións con amigos, facer exercicio ou para os cativos da casa xogaren tranquilamente. 

É dicir, trátase de combinar mobles grandes e básicos, como o sofá ou os armarios, con outras pezas ou accesorios pequenos máis especiais. Todo iso seguindo o estilo e a gama cromática que elixistes no paso anterior.   

3. Adapta o que xa tes

 

Nunha reforma non é necesario partir de cero nin desfacerte de todo o que xa tes. De feito, é a oportunidade perfecta para aproveitalo se o adaptas para que sexa moito máis útil, segundo o voso estilo de vida.

Iso é o que conseguimos nesta cociña, na que había uns mobles básicos, pero faltaba almacenaxe e un estilo coherente co resto da decoración do fogar. Para ampliar o espazo no que gardar as cousas, é tan sinxelo como engadir mobles de caixóns, estantes e outras pezas auxiliares como carriños. Co noso sistema METOD, é moi fácil, xa que é posible personalizar por completo os mobles segundo as vosas necesidades.     

En canto a decoración, conseguimos o estilo que estabamos a buscar grazas ás lámpadas, á billa e aos adornos. Neste caso, optamos por combinar o negro con cores terra, pero pódese adaptar a calquera gama cromática.  

4. Prioriza as vosas necesidades 

 

Que é iso que sempre botas en falta na túa casa? A reforma é o momento de incluílo, polo que é importante que o teñas en conta. Sabemos que os recursos teñen un límite, tanto no que respecta ao orzamento como ao espazo, pero seguro que hai determinados cambios que queres facer si ou si.  

Cando os identifiques, terás que darlles prioridade por riba doutros. Por exemplo, se adoitades facer moitas reunións familiares na casa, precisaredes unha mesa máis grande para gozar moito máis deses momentos. Se o espazo do comedor non for moi amplo, é posible que teñas que renunciar a outros mobles como aparadores ou armarios que quizais non necesites tanto. Outra opción será recorrer a unha mesa pregable que poidas adaptar en función da ocasión. 

Neste sentido, optar por mobles multifuncionais pode ser o xeito ideal de aforrar espazo e cartos, xa que vos arranxarán varias necesidades. Por exemplo, a mesa do comedor pode converterse nun escritorio se alguén traballa dende a casa ou ten que facer xestións.  

Por suposto, este consello pódese aplicar a calquera outra estancia da casa. Trátase de poñeres o foco no que realmente che importa, xa que a reforma é o momento de darlle prioridade para conseguir o fogar dos teus soños.  

5. Pensa a longo prazo  

 

Unha reforma non é algo que se poida facer todos os días, polo que outro dos consellos é que tentes pensar a longo prazo, sobre todo nos mobles. Isto é importante porque así amortizarás moito máis do que invistas nesa renovación da túa casa. Como diciamos antes, o mellor nese sentido é apostardes por mobles en tons neutros que sexan versátiles e poidan adaptarse a diferentes espazos. Deste xeito, se máis adiante vos mudades ou tedes que cambiar algún dormitorio, será moito máis sinxelo.

No caso de houber cativos na casa, recomendámosche que planifiques o dormitorio ou o espazo no que estará o bebé ou o neno pensando cara o futuro. Isto pódelo conseguir cuns berces ou cunhas camas extensibles que medren con el. Tamén con outros mobles como un cambiador/cómoda, que máis adiante perderá a súa función inicial, pero seguirá sendo útil para almacenaxe.

Se considerades este tipo de factores, conseguiredes sacarlle moito máis partido a todo o que compredes para a vosa casa, e será moito máis sostible tanto para o voso peto como para o medio ambiente.  

Tomaches nota? Esperamos que estes consellos che fosen útiles e que te poñas axiña mans á obra coa túa reforma. Non obstante, se precisas axuda, en IKEA contamos con servizos de planificación para iso, tanto na tenda como en liña. Podes pedir cita para asesoramento na tenda aquí ou facer uso das nosas ferramentas de planificación por estancias en liña.  

E se precisas algunha idea ou consello extra, deixámosche aquí un par de artigos que poden interesarte.  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.