Como organizar un dormitorio pequeno
Agora que temos tempo abondo para estar na casa, é o momento de (re)pensar en (re)organizalo todo. Como organizar un dormitorio pequeno é unha das dúbidas máis frecuentes coas que nos atopamos, xa que o que falta precisamente é espazo. Mais… parácheste a pensar que quizais tes máis espazo do que cres?
Andeis, mesa, canapé ou caixóns, armario, zapateiro… Seguro que tes espazo, pero quizás non ben organizado de todo. Dámosche ideas para ordenar un dormitorio pequeno de forma sinxela e útil!
Como ordenar unha mesa de noite
A mesa de noite é unha desas grandes esquecidas no que respecta á orde nun dormitorio pequeno. E non debería ser así! Debemos tirar partido de cada recuncho dun espazo pequeno.
Pois ben, segundo o tipo de mesa de noite que teñas, poderás organizala dun xeito ou doutro. O que che recomendamos é que comeces por facer unha limpeza do moble: retira todo o que haxa dentro e sobre ela para limpala a fondo. Unha vez estea impoluta, desbota todas esas cousas que podes ter gardadas nos caixóns ou tras da porta, se os houber, e queda co que che sexa realmente útil ter gardado neste espazo: os teus libros, os tapóns para os oídos e o anteface se o empregas, a crema de mans, o espertador…
Como ves, tamén podes utilizar cestos ou caixiñas para organizar aínda mellor este espazo e deixar fóra da vista todas esas pequenas cousas que non sabes onde meter e non queres que se vexan.
Por certo, pensaches algunha vez que ter unha mesa de noite suspendida pode axudarche a optimizar o espazo nun dormitorio pequeno? Isto non é ningunha mesa de noite, é un módulo – estante EKET. A imaxinación ao poder!
Os caixóns: convérteos nos teus aliados na loita contra a desorde
Sempre hai momentos en que os caixóns das cómodas ou do armario se converten nunha auténtica leoneira. Ordenar os caixóns é unha desas tarefas que sempre temos pendentes, mais chegoulles o momento! Comeza como fixemos coa mesa de noite: tira todo para fóra e limpa ben o interior. Unha vez que teñas isto listo, podes continuar con estes pasos:
- Prepara bolsas para tirar ou doar todo o que non uses ou estea demasiado desgastado. Así conseguirás algo de espazo libre no teu dormitorio pequeno.
- Tes separadores e organizadores de caixóns? Pois é tan fácil coma empregalos de novo da forma axeitada. Coloca as cousas por tipoloxía da peza de roupa.
- Usa un caixón para cada tipo de roupa: roupa interior por un lado, camisolas básicas por outro, camisolas de manga longa, xerseis…
- No interior de cada un dos caixóns podes colocar as pezas de roupa por cores ou por uso: pon as que máis empregues por enriba para que queden máis accesibles.
- No caso da roupa interior ou os calcetíns, se non tes separadores, polo momento, pensaches que podes facelo con cartóns que teñas pola casa? Podes empregalos tal como están ou pintalos dalgunha cor que combine coa decoración do teu dormitorio.
Queres máis e mellores consellos para organizar os caixóns? No perdas este vídeo:

Aprende a ordenar os complementos
Seguro que o teu dormitorio pequeno tamén é o espazo no que gardas todos os teus complementos: colares, aneis, cintos, lentes de sol… Para colocar todos os complementos temos varias opcións: desde colocalos nun caixón tipo bandexa coma o da imaxe, se temos un, ou nun caixón normal, para o que nos poden ser moi útiles de novo os separadores de caixóns.
Tamén podes ir colocando diferentes puntas nunha parte da parede que teñas dispoñible e, alí, colgar os teus colares, aneis e pulseiras para que non se enreden.
Ordenar os zapatos en espazos pequenos
Seguimos poñendo patas arriba o noso dormitorio para despois deixalo coma novo! Imos con outra das cuestións máis recorrentes: como organizar os zapatos. Igual que coa roupa, comeza facendo sitio e gardando en bolsas todo aquilo que sexa para tirar ou doar.
Aquí van unhas cantas ideas que cremos (e esperamos) que che serán útiles:
1. Organización en caixas
Tes caixas de zapatos por aí sen usar? Ou aínda mellor, tes caixas transparentes? Pois este é o momento de usalas para a organización. A vantaxe das caixas transparentes é que nos permiten ver o que hai dentro. No caso de que só teñas das opacas, colle un rotulador indeleble e ponlle o nome do calzado que hai dentro. Exemplo: sandalias amarelas de verán.
No que respecta ao lugar onde poñelas, tes diferente opcións, dependendo das túas necesidades: no interior do armario se tes un oco para esa fin, no canapé da cama, debaixo desta... Iso si, sempre ten máis á man o calzado que poñas habitualmente.
2. Organizar o zapateiro
Se xa tes un moble zapateiro no teu pequeno dormitorio ou no recibidor, chegou o momento de limpalo e optimizar ao máximo o espazo. Podes atar pares de sandalias e zapatos máis estreitos cunha goma ou corda, para que ocupen menos espazo.
3. Organización por alturas: zapateiro DIY
Oíches, e que tal se creas o teu propio zapateiro DIY? Só precisas un cartón grande co que ir facendo triángulos, todos do mesmo tamaño. Iso si, que cada triángulo sexa o suficientemente grande como para que caiba un par de zapatos dentro. Despois, colócaos un a carón do outro formando unha fileira. Por riba, coloca outra fila que se suxeite ben, podes pegalas cun pouco de cola se o precisas! Do máis sinxelo.
Decora con mantas (á par que o deixas ordenado)
Por último, agora que aínda temos fresquiño na casa, podemos aproveitar para pór unha coada con todas as nosas mantas e, cando estean ben secas e pasadas a ferro, gardar as que menos usemos nunha bolsa ao baleiro se a temos.
A manta ou as mantas de dormitorio que máis uses non teñen porque estar gardadas para que o espazo quede recollido. Podes colocalas aos pés da cama, dobralas ou mesmo caendo por un dos laterais, para darlle un toque distinto.
Ei! Agarda! Antes de marchar, non deixes de ver “Como ordenar o teu dormitorio nun chiscar de ollos”.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.