Saltar

Como deseñar un espazo de traballo ergonómico

Dóenche as costas? E as cervicais? Quizais é culpa da túa postura á hora de traballar. Pensaches niso? Por desgraza, non podemos reducir a túa xornada laboral, pero si podemos darche algúns consellos para crear un espazo de traballo axeitado na casa. Que che parece?

Resumimos en 6 puntos como conseguir unha zona de traballo ergonómica que favoreza o teu benestar corporal, mental e, ademais, axude a reducir o cansazo e o estrés. Sabes o mellor? Que podes aplicar estes consellos tanto se teletraballas como se pasas moitas horas na oficina. Así que non hai escusa. Imos aló!

1. Marcar os descansos

Pasar moitas horas sentado no escritorio ou na mesa da oficina provoca cansazo e dores corporais. A vista cansada, a dor nas costas ou nas cervicais, así como a síndrome do túnel carpiano polo uso excesivo do rato do ordenador, son algunhas das doenzas máis habituais entre as persoas que traballan diante dunha pantalla.

Por iso, para ter un espazo de traballo ergonómico, o noso primeiro consello, e o que todos os expertos recomendan, é que, ademais de ter un mobiliario axeitado, tentes levantarte cada certo tempo para estirar as pernas, despexar a mente e descansar os ollos.

Este xesto tan pequeno ten uns beneficios enormes para a saúde mental e corporal. Se non queres esquecelo, podes configurar unha alarma cada "x" horas para desconectar uns minutos. Podes aproveitar para ir ao baño, ir á cociña a beber un pouco de auga (hidratarse tamén é importantísimo) ou dar un paseo pola casa coa túa canción favorita. O importante é que te movas.

2. A mellor cadeira de escritorio

Xa comentamos que o mobiliario é fundamental para ter unha zona de traballo ergonómica na casa ou na oficina. Imos comezar, por exemplo, pola cadeira de escritorio.

Para traballar nun escritorio, precisamos unha cadeira cun bo respaldo para as costas e que sexa regulable e xiratoria e que, xa que logo, permita moverse sen atrancos. As cadeiras ergonómicas son as que se adaptan ao corpo e nos permiten traballar dunha comodamente e con seguridade. Porén, abonda con ter unha boa cadeira? A resposta é que non.

Cando estamos sentados, tamén debemos considerar outros factores para lograr unha postura correcta, como o da altura do monitor do ordenador. Debemos colocalo á altura dos ollos e apoiar os brazos e os cóbados nun ángulo de 90º coas mans enriba do teclado. Neste caso, as cadeiras con repousabrazos axudan a manter esa postura.

3. Escritorios de altura regulable

Se queres ter unha auténtica zona de traballo ergonómica, o noso seguinte consello é apostares por unha mesa regulable. Explicámosche o motivo.

Os escritorios de altura regulable son ideais porque permiten mudar de postura con frecuencia. Deste xeito, temos a oportunidade de alternar entre traballar sentado e de pé e así activamos o rego sanguíneo e reducimos os efectos prexudiciais que ten pasar demasiado tempo sentado. Que che parece?

Iso si, coidado. Cando traballamos de pé temos que seguir as mesmas normas de ergonomía que cando traballamos sentados. A parte superior do monitor debe quedar á altura dos ollos e os brazos deben estar apoiados á altura do teclado. Ah! Tenta tamén non cruzar as pernas, pois é malo para a circulación.

Aconsellámosche que se o chan é duro, coloques alfombras para que non se resintan os xeonllos (ademais de utilizar un calzado cómodo)

4. Unha técnica adicional para reducir o estrés

Se liches algún dos nosos artigos, coñecerás moi ben a seguinte norma. Se ben é certo que a orde inflúe directamente no benestar emocional , durante o traballo non ía ser menos.

A distribución do mobiliario axuda a gozar dun espazo de traballo práctico e cómodo. Por iso, para que todo o noso entorno estea en perfecta harmonía, é recomendable contar con diferentes sistemas de almacenaxe, como mobles de caixóns ou outros organizadores de escritorio.

Recoméndase ter todo o que utilicemos acotío preto do escritorio e as cousas que usemos de cando en vez máis afastadas e en lugares elevados para que non nos molesten. Podemos gardar o material de oficina pequeno nun organizador de escritorio ou nun carriño de almacenaxe con rodas que, ademais, poderemos ter preto sempre que o precisemos. Este último tamén axiliza o momento de sacar ou recoller o material de traballo se non tes un lugar fixo na casa.

No seguinte vídeo podes ver rapidamente algúns consellos para saber como organizar o teu escritorio de xeito sinxelo:

5. Unha luz axeitada para traballar

Cando falamos de iluminación para traballar dende casa, debemos ter en conta 3 tipos diferentes de luz: a natural, a xeral e a ambiental.

En liñas xerais, os espazos ben iluminados favorecen a concentración e evitan a irritación dos ollos. De feito, a luz natural é a fonte de iluminación máis agradable e eficiente para o noso benestar. Por iso, o máis recomendable é que, á hora de deseñar a zona de traballo, coloques os mobles dun xeito que permita aproveitar ben a luz natural. Despois, utilizaremos a ambiental para transmitir calidez ao espazo e a xeral para ter sempre unha iluminación correcta, mesmo cando marche o sol.

O ideal é que o espazo de traballo estea xunto a unha fiestra, pero iso si, cómpre evitar que a luz reflicta na pantalla. Se non é posible, utiliza lámpadas que teñan un espectro de luz semellante ao da luz do sol (5000K como mínimo). Non esquezas as lámpadas de traballo ou flexos: iluminan directamente a zona concreta na que traballamos.

6. Coida o ambiente do teu redor

Xa falamos dos múltiples beneficios que teñen as plantas. Por iso, tamén é interesante ter plantas no espazo de traballo, quer na casa, quer na oficina.

O aire fresco favorece a concentración! A liberación de osíxeno e a humidade das plantas melloran o ambiente dos espazos..

Se non tiveres fiestras, podes colocar plantas para depurar e osixenar o aire. Ademais, sabes que as plantas nos axudan a estar de mellor humor? Téñeno todo!

E xa! Sigue estes consellos e converte o teu espazo de traballo nunha zona chea de comodidade e boas vibracións.

Precisas máis inspiración para crear o teu espazo de traballo na casa? Deixámosche un vídeo a maiores para crear unha zona de teletraballo en calquera parte da casa e unha selección de ideas que che poden interesar:

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, cómpre lembrar que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.