8 consellos para aforrar cartos na casa sen moito esforzo
Aforrar cartos na casa é unha das cousas que máis nos preocupa á maioría. Non sabemos como, mais, de súpeto, miramos a nosa conta e... zas! Onde foron parar os cartos? Estas preocupacións alteran o noso estado de ánimo e fannos vivir cun estrés adicional que inflúe negativamente no noso benestar.
Por iso, queremos ofrecerche 8 consellos moi sinxelos para aforrar cartos na casa sen moito esforzo. Conseguimos aforrar cando cambiamos os nosos hábitos, cando somos conscientes de que estamos facendo mal algunhas cousas na casa, cando vemos que hai outro xeito de proceder dependendo do momento.
1. Conta cos electrodomésticos axeitados
Os electrodomésticos teñen moito que dicir á hora de aforrar cartos nas facturas. Se os teus xa teñen uns cantos anos, quizais sexa o momento perfecto de cambialos por electrodomésticos A+++, que che axudan a reducir a factura dun xeito importante.
Con apenas 1 ou 2 anos de uso podes ter amortizado o prezo do electrodoméstico, xa que comezas a aforrar dende o mesmo momento no que o enchufas na túa cociña. Por exemplo, un frigorífico A+++ consome a metade que un A+. Ou unha lavadora enerxeticamente eficiente consome ata un 30% menos de electricidade que outra que non o é.
Non cres que isto rematará por notarse no teu peto ao final de cada mes?
2. Cambia todas as túas lámpadas por LED para aforrar cartos
O mesmo ocorre coas lámpadas LED. Aínda que xa levan bastantes anos completamente asentadas no mercado, aínda son moitos os que manteñen halóxenos ou lámpadas tradicionais, co que iso supón ao final do mes na factura da luz.
Se aínda non cambiaches todas e cada unha das túas lámpadas por outras de tipo LED, a que esperas? Tes motivos dabondo para facelo:
- Poden durar ata 20 anos, así que imaxina canto aforrarás na compra de lámpadas a longo prazo.
- A factura da luz baixará considerablemente, xa que consomen ata un 85% menos de enerxía.
- As bombillas LED transforman un 90% da súa enerxía en luz, mentres que as bombillas tradicionais apenas conseguen transformar un 10 ou 15% e desperdician o resto.
- A calidade da iluminación é superior, ademais de non "requentar" o ambiente, como sucede coas bombillas tradicionais.
Queres ver máis sobre sostibilidade e aforro no fogar?
3. Aforra en comida: envasa e aproveita as sobras
Tirar comida ao lixo é un dos hábitos que debemos deixar canto antes, sobre todo se queremos aforrar na bolsa da compra. Cando cociñes, tes dúas opcións: ou facer unha ración xusta para cada persoa que vaia sentar á mesa ou ben cociñar comida de sobra para despois conxelala e poder aproveitala outro día.
Igualmente, se che sobrou comida nos pratos, por que ten que ir ao lixo? Gárdaa nunha friameira e cómea noutro momento. E se é pouquiña cantidade, inventa unha nova receita coas sobras ou xúntaa cun pouquiño de arroz branco.
Por suposto, é fundamental que fagamos a compra de xeito consciente, con lista e sen picar en alimentos que non nos fan falla. Compra con sentidiño! Canto menos desperdicio, máis aforro.
4. Bolsas de plástico? Cámbiaas polas de tea!
En IKEA apostamos pola sostibilidade e o medio ambiente por enriba de todas as cousas. Ademais, adoptar un estilo de vida máis sostible tamén nos axuda a conseguir ese aforro que procuramos.
Un pequeno xesto que favorece tanto o planeta como o noso peto é o feito de empregarmos bolsas de tea ou reutilizables á hora de facer a compra. Sabías que unha bolsa de plástico convencional dun só uso tarda centos e centos de anos en descompoñerse? Por iso, no canto de mercar unha bolsa destas cada vez que vaias facer os recados, leva contigo unha bolsa de tea. Céntimo a céntimo, notarás o aforro. Outro punto a favor, por se fosen poucos, é que evitarás ter na casa o típico caixón desastre cheo de bolsas de plástico. Agora poderás meter nel o que de verdade merece un oco na túa casa.
En IKEA, as bolsas están feitas de poliéster reciclado, a maioría procedente de botellas de PET. Deste xeito, evitamos o desperdicio de recursos e dámoslle unha nova vida ao plástico.
Ah! Se cres que vas cargar demasiado peso, axúdate dun fiel carriño con rodas no que deixar todas as bolsas de tea para transportalas comodamente. Están de moda e, ademais, hai estampados ben bonitos!
5. Dálles unha nova vida a botellas, tarros e outros recipientes de cociña
As botellas de viño baleiras, os tarros de cristal e mesmo as latas poden ter unha nova vida na casa que nos permita aforrar uns cartiños.
Deixámosche unhas ideas!
- Emprega os tarros de cristal baleiros como friameira para levar comidas, sopas ou salsas. Son moi doados de limpar e, ao non seren de plástico, adhírense menos olores e sabores, polo que gastaremos menos auga ao fregar.
- Ou volve usalos para gardar legumes, arroz, pasta ou todo tipo de alimentos na túa despensa.
- As botellas de viño baleiras poden ser ideais para decorar. Coloca dentro algún talo bonito e, se queres, personalízaa.
- O papel de xornais e revistas pode serche moi útil na casa, como á hora de cubrir e protexer unha mesa cando os peques van facer traballos manuais. Mantén o mantel a salvo!
6. Billas (e hábitos) que che permiten aforrar auga e reducir a túa factura
Sabías que as billas de IKEA che axudan a aforrar? As nosas billas contan cun aireador no interior, polo que se utiliza un 50% menos de auga e cómpre menos electricidade para quentala.
Aínda que… ollo! Porque tamén hai certos hábitos para aforrar auga na casa que debemos ter presentes:
- Pecha a billa cando non esteas a usar a auga, aínda que sexa por pouco tempo (mentres te enxaboas, lavas os dentes…). Sabías que deixar a auga aberta mentres fas outra cousa supón un gasto de 12 litros por minuto?
- Utiliza a auga que sae da ducha mentres se quenta para encher, por exemplo, o cubo da fregona.
- Lava sempre cunha carga completa de lavalouza ou lavadora. Se son poucos pratos, mellor á man.
- Dúchate no canto de bañarte, aforrarás máis do 50% de auga.
- Non tires cousas ao inodoro coma se fose unha papeleira! Cada vez que tiramos da cisterna estamos a gastar entre 6 e 12 litros de auga.
7. Vixía a calefacción e o aire acondicionado
Ao igual que sucede coa auga ou as lámpadas, o uso que facemos da calefacción e o aire acondicionado tamén ten moito que dicir nas nosas facturas.
É fundamental mantelos sempre á temperatura axeitada: a calefacción arredor de 20 ou 22 graos durante o día e o aire acondicionado a uns 24 ou 25 graos. Cada grao de máis ou de menos, respectivamente, aumentará de xeito significativo as nosas facturas.
Tanto no inverno como no verán, aconsellámoste que empregues as cortinas e persianas da casa para regular a temperatura ambiente. Nos meses de frío, déixaas abertas para que entre a luz natural nas horas de maior exposición solar e quente a casa. Cando marche o sol, é o momento de pechar as cortinas e baixar as persianas para que se manteña a calor dentro do fogar e se ille do exterior. No verán é xusto o contrario. Simple e efectivo!
Velaquí tes uns consellos extra para aforrar en aire acondicionado. Fai clic no botón!
8. Lámpadas que cargan o teu móbil
Por último, queremos que vexas o noso novo flexo RIGGAD con base de carga, ideal para aproveitar esa toma de luz para tres cometidos distintos: por un lado, obviamente, ilumina; por outro, carga o teu móbil sen fíos (se é compatible) e, por último, carga un terceiro dispositivo grazas ao seu porto USB. Todo isto nunha soa toma de luz. É xenial, non si?
Non perdas esta recompilación de consellos rápidos para aforrar na casa da man do noso programa especial Pregúntalle a Allen.

Que che pareceron estas ideas? Se quedaches con ganas de máis consellos, non podes perder estes artigos:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Pero debes ter en conta que as modificacións e os cambios que introduzas nos produtos IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.