Saltar

7 ideas para organizar mellor a nosa casa con pequenos cambios

Unha desas "tarefas pendentes" na maior parte dos fogares é a orde dalgunha zona concreta. Sempre hai algunha estancia, armario ou caixón que se nos resiste, non si? E, aínda que non cremos nos fogares perfectos e idealmente estruturados, si apostamos polos que buscan solucións doadas e versátiles para mellorar a súa funcionalidade.

Por iso, co firme propósito de que poidas conseguir esa eficacia, sexa como for o teu fogar, preparamos 7 ideas para organizar a casa con pequenos cambios económicos, útiles e prácticos. Interésache? Comeza a ver o teu fogar como un lugar con moitas máis posibilidades das que cres!

1. Almacenaxe pechada para deixar oculta a desorde

O que non se ve, non existe. Ou polo menos así sucede en moitas ocasións. De feito, hai veces que por máis limpezas que fagas, sempre quedan obxectos que non sabemos moi ben como gardar ou ordenar.

Así que o mellor que podes facer é empregar a almacenaxe pechada para extrapolar esta frase para o teu propio beneficio. Relaxarse nunha sala de estar ou nun dormitorio que está completamente desordenado é case unha misión imposible, non che parece?

Así que, se tes un estante aberto, intenta ir mesturando caixas e cestas nos diferentes compartimentos para agochar as cousas pequenas ou desordenadas que necesitas pero que non queres ver polo medio constantemente. Conseguirás un aspecto moito máis pulcro e uniforme.

2. Como sacar partido a todos os recunchos dunha casa

Chegou o momento de poñerte cos brazos en xerra, admirar a túa casa con perspectiva e volver pensar como estás facendo as cousas. De verdade estaslle sacando todo o partido que podes? Seguro que hai un oco con máis utilidades das que parece. Cada recuncho é unha oportunidade!

Por exemplo, orixinalmente, o oco destas escaleiras estaba practicamente baleiro. Sen embargo, aproveitando o espazo das paredes, resultou ser o sitio perfecto para facer unha minidespensa. Para facelo, colocamos uns estantes modulares na parede e, como non hai espazo para un moble grande, engadimos un carriño auxiliar que, ademais, vén xenial para mover dun sitio a outro os utensilios que precisamos. E, como no consello anterior, botamos man de cestas e tarros para organizar os alimentos.

Así, convertemos un espazo incómodo e irregular nun lugar útil e práctico por moi pouco. Ocórreseche algunha outra idea para este recuncho? Se cadra, cuns estantes e unhas guías, podería transformarse un minirroupeiro. A imaxinación ao poder!

3. Como aproveitar o espazo da cociña ao máximo

Sentímonos máis cómodos cociñando cando todo está perfectamente ordenado e o máis á man posible, non o imos negar. As cociñas pequenas son unha proba constante de limpeza e organización, por iso temos uns truquiños para aproveitala ao máximo.

As guías e os ganchos son un excelente xeito de mellorar a almacenaxe e a organización, así que non o dubides á hora de instalalos para pendurar todo tipo de obxectos: tapas de potas, pequenos cazos, escumadeiras, tixolas... Iso si, que non sexan elementos demasiado pesados ou voluminosos para non superar a carga máxima.

Outra das opcións máis eficaces para gañar espazo na cociña é aproveitar a almacenaxe en altura. Por iso, nós instalamos uns estantes de estrutura aberta que, ademais, dan unha maior sensación de amplitude. Neste caso, fomos un pasiño máis alá e engadimos uns recipientes para os nosos condimentos favoritos. Gústache? Dálle un toque natural. 

Esta técnica permitirache ter un lugar adicional para colocar tarros, botes e obxectos sen complicarte demasiado. Recomendámosche deixar os obxectos que máis utilices nos estantes e guías e que reserves os caixóns para os utensilios máis pesados e que usas con menos frecuencia.

4. Ordenar correctamente os mobles da cociña

Xa que sacamos o tema, que tal levas a organización nos caixóns e armarios pechados da cociña? Se hai unha desorde que odia todo o mundo é a que atopamos nos mobles da cociña. Sobre todo nos que gardamos produtos de limpeza, estropallos, baetas... Ao final remata todo desordenado, botes caídos, as superficies sucias ou pegañentas, feito un desastre!

A solución a este problema é probablemente das máis sinxelas: caixas de almacenaxe con asas para movelas máis doadamente. Nunha podes poñer os produtos de lavadora, noutra os de fregar os chans, noutra as baetas e estropallos... Estrutúrao como queiras pero o resultado será sempre o mesmo: orde, orde e máis orde.

Queres máis ideas para ordenar unha cociña pequena? Ensinámosche algúns trucos no seguinte vídeo. 

5. Ideas de almacenaxe á vista

Non todo ten por que ocultarse! Non hai nada que nos faga a vida máis cómoda que termos á man todo o que necesitamos ou ver a nosa decoración favorita exposta do mellor xeito posible.

Por iso a almacenaxe aberta é unha marabillosa idea para calquera destes casos. Podes complementala con pequenas caixiñas ou cestas que axuden no teu cometido principal de manter a orde e a harmonía.

Nós recomendámosche que, se che apetece dar renda solta á túa creatividade, crees a túa propia estrutura de almacenaxe con armarios individuais. É unha forma estupenda de ordenar todos os obxectos á vez que personalizas a casa e lle dás un toque de estilo. 

6. Como aproveitar o corredor ou recibidor

Á maioría de nós lévanos máis dunha hora saír da casa despois de levantarnos. UNHA HORA! E moitas veces é porque perdemos o tempo buscando por todas partes a mochila, a bufanda, o casco da bici, o bolso... En fin!

Un sinxelísimo (e megapráctico) andel para corredores (neste caso os soportes pintámolos de branco e agregamos ganchos debaixo) podería facilitarche máis a vida matinal antes de saír pola porta. Bolso, chaves, bufanda, abrigo, casco... está todo, así que veña!

7. Colgadoiros para ter a roupa sempre á man

Pode que nunca o pensases, pero unha guía para colgar a roupa pode ser xusto o que necesitas para mellorar substancialmente a túa rutina matinal. E non fai falla que renuncies nin a un centímetro do teu dormitorio, mira esta idea. Se aproveitamos o teito, temos o espazo perfecto para colgar o conxunto do día seguinte e, de paso, temos a oportunidade de decorar a habitación dun xeito moi orixinal (sempre controlando o peso, claro).

Sabías que escoller a roupa que imos poñer ao día seguinte fai que nos ergamos con menos présas e estrés? A orde facilítache a vida e faite máis feliz, pénsao!

Ponte mans á obra e descubre todos os trucos para manter a casa en orde sen apenas esforzo. Se che pareceu interesante, non esquezas botar unha ollada a esta selección especial. 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.