Saltar

A historia de Shadia

De activista a solicitante de asilo 

Shadia veuse obrigada a fuxir de Colombia e deixar atrás o seu traballo como activista social e analista. Agora, está redirixindo a súa carreira profesional en Francia. 

Shadia sentada nunha cama na área de exposición dunha tenda IKEA.

Shadia falando cunha colaboradora na caixa do restaurante dunha tenda IKEA.

Pensaba que ninguén podía axudarme

En Colombia, de día traballaba como analista de control de inventario para unha multinacional e, de noite, era a man dereita do meu pai na súa loita pola xustiza. Ademais diso, estudaba un máster en Administración de Empresas.

Como avogado, o meu pai pasou décadas defendendo a vítimas de explotación infantil para actividades ilícitas, deforestación, extorsión, minería ilegal e narcotráfico. As persoas acudían a nós cando non podían permitirse pagar un avogado. O meu pai axudábaas e, ás veces, proporcionáballes un lugar seguro no que vivir. Tiñamos unha casa grande en Colombia. Cando quedaban nenos, eu intentaba axudarlles cos estudos. Así foi como coñecín de cerca a inxustiza. Ao destapar actividades ilícitas, contabamos con moita información sensible sobre corrupción e prácticas ilegais.

Tiven que saír do meu país por ser filla do meu pai. Durante meses, perseguíronme os seus inimigos, que remataron sendo os meus. Seguíanme constantemente porque querían silenciar as denuncias do meu pai. Sabíano todo de min. Sabían onde traballaba e tiven que deixar o meu traballo. Mandábanme mensaxes intimidatorias e advertíanme de que me estaban a vixiar e de que a miña vida estaba en perigo. O meu pai tiña que seguir facendo o seu traballo. Era demasiado importante. Eu sacrifiquei a miña vida para que el puidera continuar.

Unha nova vida ao outro lado do charco

Deixar o meu país foi duro porque foi durante a COVID e eu só quería estar coa miña familia. Todo o planeta estaba en casa e eu tiña que desprazarme. Pero non tiña outra opción. Nunca imaxinei que viviría en Francia. Soñaba con ser profesora no meu país e axudar á xente sen recursos a estudar. Pero non foi así. Cando cheguei a Francia, non falaba francés nin tiña familiares nin amizades. A dicir verdade, non sabía nada sobre Francia. Estaba soa. Non foi doado. Pensaba que ninguén podía axudarme, pero os franceses portáronse moi ben comigo e foron moi amables.

Aínda que o clima é máis frío, a xente é cálida. Non sabía que ía facer coa miña vida, pero estaba a salvo de momento. Iso era o máis importante.

O traballo dáche unha sensación de seguridade cando chegas a outro país. Sénteste afortunada por ter a oportunidade de amosar as túas habilidades profesionais, interpersoais ou técnicas, e iso está moi ben.
Shadia sorrindo no exterior cos brazos abertos diante dun letreiro grande de IKEA.

Volta a estudar

O que eu quería realmente era unha oportunidade laboral. Para iso, tiña que aprender francés e volver á universidade. Estaba claro que, se quería traballar nunha empresa, tiña que estudar de novo. No meu currículo, tiña que probar que estudara en francés. En Francia, iso é moi importante. Tiña que estudar todo de novo, pero esta vez en francés. Foi bastante difícil, pero terminei o meu segundo máster e xa estaba preparada. No meu último ano de francés, atopei traballo en IKEA. A verdade é que os estudos déronme a oportunidade de atopar unha empresa que me gusta moito polos seus valores. As persoas que traballan aí son incribles. O traballo axudoume a atopar amizades e a sentirme parte da sociedade. IKEA ofreceume un posto de traballo que me encanta. É na cadea de subministración. Estou moi contenta e síntome como na casa.

O traballo dáche unha sensación de seguridade cando chegas a outro país. Sénteste afortunada por ter a oportunidade de amosar as túas habilidades profesionais, interpersoais ou técnicas, e iso está moi ben.

Grandes soños para o futuro

Agora vivo nun pequeno estudo, pero quero seguir traballando e gañar diñeiro abondo como para vivir nunha casa grande, como a que tiña en Colombia. Non só para min, senón tamén para as miñas amizades e os meus familiares. A posibilidade de ter un espazo no que facer exercicio e pasar tempo coas visitas no xardín é moi importante. Tamén me gustaría seguir axudando ás persoas necesitadas. Agora que rematei o máster, gustaríame traballar como voluntaria en actividades que fomenten a inclusión, a equidade e a igualdade.

É moi importante que as persoas refuxiadas teñan a oportunidade de traballar e estudar o idioma. É importante que entendan o seguinte paso que deben dar e que poidan gañarse a vida.

Os refuxiados somos persoas. Non queremos esmola. Queremos ter a oportunidade de traballar, poñer en práctica as nosas capacidades e participar, iso é todo. O único que necesitamos é unha oportunidade.