Saltar

A historia detrás da colección OMTÄNKSAM

Deseñada en colaboración con expertos en ergonomía, fisioterapeutas e investigadores, a colección OMTÄNKSAM engade máis comodidade e funcionalidade aos obxectos de uso cotián para axudar a que as persoas superen os obstáculos que lles impiden levar unha vida independente.

O deseño como unha oportunidade de cambio

Sabes que ao redor do 15 % da poboación mundial vive con algún tipo de discapacidade? A nosa ambición é axudar as persoas a vivir mellor nas súas casas, e queremos que isto sexa posible para todo o mundo sen importar as súas necesidades funcionais.


"O deseño intelixente nace cando vemos o mundo a través dos ollos doutro. Dende o momento en que demos un paso atrás e cambiamos a nosa perspectiva, abrimos a porta a novas oportunidades", afirma Britt Monti, Creative Leader en IKEA of Sweden.

Impulsados pola discapacidade

Britt, que coñece de primeira man o que supón que as túas habilidades físicas cambien nun intre tras sufrir un ictus, e cunha nai que sofre a enfermidade de Parkinson, sabe moi ben o que é estar na procura constante de produtos para o fogar que estean ben deseñados.


"A miña nai apreciaba a beleza. Con todo, a maioría das cousas que atopei para ela son tan feas que non as quere ter na casa. A min pásame o mesmo. Non sabía canto tempo ía estar enferma, pero non tiña gana de instalar os produtos que me ofrecían. Eran feísimos".

Renovación ergonómica

Britt, que atopou unha carencia na gama actual de IKEA e no mercado de mobles en xeral, comezou a investigar sobre cal sería a mellor forma en que IKEA debía contribuír. Pronto, quedou claro que a mellor dirección para IKEA era facer que a gama actual fose máis ergonómica no canto de inventar algo novo.

Unha colección centrada na funcionalidade e na forma

O resultado dos esforzos de Britt e os seus compañeiros é a colección OMTÄNKSAM. Estes produtos, avaliados por expertos de diversos campos e probados por un grupo de persoas con diferentes necesidades, desafíos e preferencias, cumpren o seu bo propósito sen descoidar o aspecto.


"A maioría de nós preferimos que non nos definan segundo a nosa idade ou condición física. Por iso, debemos asegurarnos de poder amoblar as nosas casas creando espazo para a diversidade".