Saltar

Visita a un fogar: como vestir unha mesa con flores

Non fai falla que xurda unha ocasión especial para vestir a nosa mesa de xeito diferente, non che parece? Por iso, queremos amosarche unha decoración de mesa incrible para o verán, chea de pequenos detalles e, sobre todo, de moitísimas flores de todo tipo. Facer dunha mesa calquera unha mesa especial é máis sinxelo do que parece!

Imos ver como vestir unha mesa con flores e outros detalles para deixar todos os nosos convidados coa boca aberta.

Paso 1: Elixe unha temática e coloca as flores

 

Empezaremos elixindo unha temática floral para a nosa mesa de comedor, xa sexa de interior ou de exterior. Nós eliximos as flores silvestres, pero poderíanse elixir plantas para un estilo tropical, follas secas para celebrar a chegada do outono, en diferentes tons se se busca un determinado estilo que combine co resto da decoración… O que queiras!

Elixas o que elixires para a túa mesa floral, ten en conta estes detalles se vas montala durante o verán:

  • Empeza por poñer unha base neutra: un mantel branco de algodón ofrece un aspecto lixeiro e estival, e axuda a realzar a vaixela.
  • Precisamente, a nosa recomendación para a vaixela é que a elixas de cores vibrantes ou estampados florais.
  • Se un gran centro de mesa floral non vai co teu estilo, usa moitos floreiros pequenos repartidos ao longo da mesa.
  • Pon só unhas poucas ramiñas en cada floreiro para lograr unha sensación xeral de limpeza e sinxeleza.

Paso 2: Vaixela a xogo

 

Dálle carácter á túa mesa combinando as túas pezas de vaixela favoritas e colocando obxectos deses que atopas nos mercados, de tipo vintage ou antigos.

"Non teño moitos cuncos nin pratos a xogo. Non me importa se as cousas non casan á perfección, a maioría da xente nin sequera se dá conta", explica Julia, a decoradora responsable desta mesa que estamos vendo. "O que máis me gusta é que as mesas se vexan ben cheas, porque é máis divertido así. Moitos pratos, cuncos e pratos pequenos, vasos e cuncas".

Iso si, aínda que, como Julia, enchas a túa mesa con flores de pequenos e encantadores detalles en liña coa temática, lembra sempre deixar espazo para a comida se a vas servir no centro e non a cada comensal de xeito individual. O primeiro é o primeiro!

Paso 3: Detalles que namoran

Non só importa vestir a mesa de xeito global, senón que a clave está nos pequenos detalles. Por iso, remata cada servizo de mesa cun detalle que acabe de namorar os teus convidados cando senten.

E se pos a flor favorita de cada un deles xunto ao prato? No canto de mercar un ramo enteiro de flores frescas, Julia utiliza flores artificiais individuais que pode reutilizar para outras ideas creativas. "Gústame engadir toques persoais e sutís, algo único para cada convidado", asegura Julia.

Se fixen o esforzo de cociñar unha comida rica, é normal que poña interese en decorar a mesa".

Julia

Paso 4: Comodidade para a sobremesa

 

A comida foi todo un festín, pero ninguén quere marchar aínda para a casa. Consigue que non decaia a festa levando os convidados da mesa de comedor ao sofá para unha sobremesa desas que nos gustan a todos, e máis durante o verán. Neste caso, Julia utiliza a superficie da mesa auxiliar para levar as bebidas á sala de estar, onde pasarán o resto do tempo. Cunha bandexa tamén se aforran desprazamentos e resulta máis fácil levalo todo ata a mesa.

E fixácheste no detalle da xerra? Hai pequenas flores secas no interior da xerriña de auga con limón. Continúa coa temática floral tamén durante a sobremesa, xa sexa coa xerra, como neste caso, ou ben poñendo flores pola mesa de centro.

Se queres máis ideas sobre vestir mesas, non perdas:

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.