Solucións de almacenaxe para espazos complicados
Non tes moito oco na casa para gardar as cousas? Non te preocupes, dende aquí dámosche varias ideas para aproveitar de xeito creativo calquera espazo que tiveres libre. Seguro que hai máis dun que pasaras por cima.
En ocasións non é cuestión de ter máis espazo, senón de aproveitar ben o que hai. Un exemplo claro disto é o oco da escaleira. É habitual que esquezamos este tipo de lugares e os deixemos baleiros. Porén, con mobles modulares que se adapten ao lugar, como os das fotos, poderás aumentar o espazo de almacenamento de xeito considerable.
Pero o oco da escaleira non é o único lugar ao que lle podes sacar partido. Propoñémosche diferentes alternativas de almacenaxe para os espazos complicados do teu fogar.
Estantes de parede para teitos inclinados
Os teitos inclinados non parecen ofrecer moitas posibilidades. Pero os estantes de parede son unha delas. Coloca varias guías aproveitando o largo de cada área concreta e fixa nelas estantes coas medidas axeitadas.
Debaixo deles podes poñer unha mesa e así aproveitar ese recuncho para unha pequena oficina. Para aumentar aínda máis o espazo de almacenaxe e ter todo recollido, podes poñer caixas e arquivadores nos estantes. Neles poderás gardar os teus documentos e todo o material de traballo que necesites ter á man.
Xa que se trata dunha zona bastante reducida, recomendámosche apostares pola cor branca para os mobles; deste xeito conseguirás un efecto visual de maior amplitude. No que respecta ao resto de elementos, os tons pastel, como o verde menta ou o rosa empoado, serán unha combinación gañadora.
Almacenaxe adaptada a paredes estreitas
En estancias pequenas como o baño, aproveitar cada espazo é clave para ter ocos extra de almacenamento. Fíxate ben, seguro que hai algunha zona libre na parede!
Non importa se é estreita porque, coma ves na foto, hai opcións para sacarlle partido grazas ao noso sistema de almacenaxe modular ALGOT. Só terás que colocar unha guía e engadir os cestos e estantes que desexes. Este tipo de almacenaxe é perfecto para poñer cousas pequenas como produtos de aseo, maquillaxe ou accesorios para o pelo.
Tamén poderás engadir un espello que se adapte ás medidas e utilizalo a modo de toucador. Esa área que nun principio non servía para nada pode converterse nun dos lugares máis prácticos do baño. Próbao!
Minicentro de lavado e secado nun cuarto libre
Dispós dalgún cuarto moi pequeno? Se xa tes armarios abondo e non sabes a que destinalo, unha idea pode ser montar un pequeno centro de lavado e secado no que haxa todo o que necesitas para realizar estas tarefas.
Para aproveitar ao máximo o espazo, coloca un par de guías sobre a lavadora para poñer un estante no que poidas deixar o teu cesto para a coada e, máis arriba, un pequeno tendal de interior.
Tamén podes reservar un oco no lateral para gardar a táboa de pasar o ferro cando non a esteas a usar e poñer ganchos detrás da porta con recipientes nos que meter o deterxente, o suavizante e demais produtos de limpeza.
Armarios de esquina para aproveitar calquera recuncho
As esquinas son algúns dos recunchos máis esquecidos das casas. Porén, poden converterse nunha zona perfecta para ampliar o espazo de almacenamento.
Os armarios de esquina transforman os espazos complicados en lugares realmente útiles. Os armarios elegantes, como este, apenas ocupan espazo no chan. Son ideais para os corredores e os cuartos pequenos.
En IKEA tamén dispoñemos doutros armarios de esquina máis grandes para estancias da casa como a sala, o comedor ou o dormitorio principal. Deste xeito, poderás aproveitar eses recunchos para gardar aínda máis cousas.
Así que, non o dubides, busca esas esquinas que teñas libres pola casa e sácalles partido cun armario que se adapte ás dimensións das que dispós.
Cal destas ideas vas poñer en práctica no teu fogar? Se buscas máis formas de aproveitar os espazos pequenos, aquí deixamos dous artigos que che poden interesar.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.