Cociña con IKEA: salmón en salsa de laranxa
Queres unha idea diferente para acompañar uns deliciosos filetes de salmón? Hoxe, en #CocinaConIKEA, presentámosche unha receita rápida e sinxela para facer un prato saudable, nutritivo e moi sueco: salmón en salsa de laranxa.
Bo proveito!

Coñece o noso chef
Presentámosche a Óscar Gandarillas, encargado de mostrarnos paso a paso esta tradicional receita sueca.
Óscar leva máis de 15 anos na familia IKEA, pero o seu amor pola cociña xa lle vén desde que era pequeno. De feito, Óscar ten unha ampla experiencia: formouse como técnico superior en Hostalaría e Restauración e traballou durante varios anos en diferentes cociñas de restaurantes tradicionais de Cantabria e Biscaia, así como en varios cáterings.
O noso chef quixo sorprendernos cun prato típico da cociña tradicional sueca que ten como ingrediente principal o salmón. Que hai máis nórdico ca iso?
O salmón é un dos alimentos máis saudables que podemos atopar dentro da gama dos peixes, xa que é unha excelente fonte de vitaminas como a B12 e B6; ademais destaca polo seu rico contido de proteínas e ácidos graxos omega-3.
Sabías que...?
O salmón de IKEA cumpre co estándar global ASC de agricultura responsable. Isto significa que o salmón (do mesmo xeito que o resto dos nosos produtos de marisco e peixe) críase dun xeito sostible, coidando da nosa saúde e da do planeta.
Dificultade: media/baixa
Tempo de elaboración: 30 min.
Número de comensais: 4
Ingredientes para 4 comensais
- 1 paquete de filetes de salmón SJÖRAPPORT
- 600 g de patacas novas (medianas-pequenas)
- 500 g de espárragos verdes
- 3 laranxas 200 g de manteiga
- 100 g de azucre
- 200 ml de viño branco
- Ceboliño ou perexil
- Aneto
- Sal e pementa
Preparación
Empezaremos coa guarnición do salmón, xa que o tempo de elaboración é maior e non queremos que quede esperando o peixe. Para iso, sigue estes pasos:
- Por unha banda, coceremos as patacas (limpas e sen pelar) nunha pota durante aproximadamente uns 18 minutos.
- Doutra banda, mentres cocen as patacas, podemos adiantar e branquear noutra pota os espárragos verdes cunha cocción rápida de 3-4 minutos.
- Unha vez estea preparado, imos saltealo todo xunto nun wok. Engade un pouquiño de manteiga para darlle ese punto douradiño que tanto nos gusta. Nota: se non tes un wok, sempre podes recorrer a unha tixola das de toda a vida.
- Pasados uns segundos de salteado, salpementamos e finalmente engadimos o aneto picado. Salteamos un pouco máis para que todo colla sabor... e xa está!
Como cociñar o salmón
- Primeiro, coloca os 4 filetes sobre un prato ou bandexa e sálgaos un chisco. Vai con tino co sal!
- Agora imos preparar a zona onde se vai a cociñar o peixe.
- Derretemos a terrina de manteiga nunha tixola a lume medio-baixo. Consello do chef: se vertes un chorriño de aceite de oliva, evitarás que a manteiga se queime.
- Engadimos inmediatamente o azucre a lume medio-baixo para que non escureza demasiado. Con 2-3 culleradas teremos dabondo.
- Nese "caramelo" fritimos os filetes de salmón só 1 minuto por cada lado. Non importa que non quede completamente feito porque o acabaremos de cociñar unha vez engadamos o zume de laranxa.
- Retiramos e reservamos mentres pasamos á elaboración da salsa. Se te serves dunha espátula de cociña, será máis doado sacar todas as pezas sen perigo de romperen.
A salsa de laranxa
Chegamos xa ao final desta sinxela receita! Vai collendo boa pinta, non si? Agora imos polo último dos pasos desta receita de salmón: a preparación da salsa de laranxa.
- Na mesma tixola na que derretemos a manteiga e fritimos os filetes, incorporamos agora o ceboliño picado e remexemos ben.
- Engadímoslle un pouco de viño branco e deixámolo evaporar.
- Esprememos as 3 laranxas ata termos un bo vaso de zume. Cando o teñamos, engadímolo á mestura da tixola.
- Deixámolo reducir todo un pouco.
- Engadimos os filetes de salmón que retiraramos e deixamos cociñar todo. Consello do chef: pon a tapa da tixola para que se faga máis rápido. En 2-3 minutos estará feito. Vixía que non se faga demasiado o peixe para que non quede seco.
Empratado
Un gran prato merece unha gran presentación. E para que nos imos enganar! A todos nos gusta que as nosas receitas sorprendan aos comensais tanto polo seu sabor como pola súa estética. Así que imos cun empratado de profesionais.
Como verás, nós apostamos por unha vaixela en branco. E é que non hai que subestimar a súa sinxeleza, xa que os ingredientes de cores variadas resaltan moito máis sobre un fondo claro. De todos os xeitos, nós convidámoste a experimentares e deixes voar a imaxinación. Así que combina todas as cores e estampados que quixeres. Iso si, ten sempre presente o resto da decoración da mesa para que o resultado final sexa harmonioso.
Ah! E se tiveres dúbidas sobre que vaixela mercar, deixámosche no seguinte enlace unha guía para que poidas atopar os materiais que mellor se adaptan ás túas necesidades, preferencias de estilo e, por suposto, ao teu orzamento. Se che interesa, fai clic neste botón.
Pasos:
- Colocamos no centro o filete de salmón como claro protagonista.
- A un dos lados (ou a ambos), poñemos as patacas enteiras coa pel.
- Agora, decoramos cuns espárragos xusto enriba da peza de salmón.
- O último toque será botarlle a salsa para que quede todo ben saboroso.
Xa está! Que che parece o resultado final? Goza de todo o sabor do salmón sueco con esta receita rápida e sinxela. Non dubides en pasar pola nosa tenda sueca ou o noso restaurante para probares toda a nosa variedade de alimentación.
Se queres máis ideas para as túas comidas e ceas, non perdas estas dúas ideas de #CocinaConIKEA. Unha delas é apta para vexetarianos.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.