Cociña con IKEA: pudin de panettone temperado con chocolate e vainilla
As mellores receitas son, sen dúbida, as que nos permiten aproveitar ao máximo cada produto da despensa, para non tirar comida innecesariamente. Ademais, nunca está de máis aprender uns truquiños para aforrar algo de diñeiro na cociña sen deixar de comer como reis.
Por iso, hoxe en #CociñaconIKEA traémosvos unha receita moi especial e saborosa coa que sacar o máximo partido aos panettones. Preparados? Marchando unha de pudin de panettone temperado con chocolate negro e vainilla.

Coñece o noso chef
Despois de abraiarnos cunhas fabulosas filloas recheas de nata con noces de macadamia e plátano e uns saborosos gofres con mousse de queixo, o chef, Álvaro Casamichana Moreno, volve para deleitarnos coa receita de hoxe.
Por se for a primeira vez que ves a Álvaro, diremos brevemente que é un gran apaixonado da gastronomía e dos produtos da terra. Esa mesma paixón foi a que o levou a formarse como Técnico Superior de Hostalería e Restauración e como Técnico Oficial de Pastelería e Panadería. Adquiriu toda esta formación na Escuela de Hostelería de Cádiz, de onde é natural.
Como adiantamos, non é a primeira vez que colaboramos con Álvaro nunha das nosas receitas doces; e é que lle saen de marabilla!
O panettone é un alimento moi común nas comidas e ceas de Nadal. Ten un sabor e esponxosidade practicamente irresistibles, polo que nunca falta nas nosas mesas. Se este ano che sobrou algo de panettone (incluso un enteiro), non dubides en utilizalo para esta fácil e deliciosa receita. É un xeito excelente de salvar os anacos máis resecos ou, sinxelamente, de comer panettone dunha forma nova e riquísima. A cociñar!
Dificultade: media
Tempo de espera: 10 min
Tempo de elaboración: 25 min
Ingredientes para 4 comensais
- 1 paquete de panettone
- 1 xeado de vainilla Daim
- 1 tableta de chocolate CHOKLAD MÖRK 70 %
- Salsa de vainilla KAFFEREP
- 6 ovos
- 50 g de reladura de limón
- 125 ml de brandy
- 120 g de azucre
- 800 ml de leite
Fáltache algún ingrediente? Lembra que podes atopar os ingredientes principais na nosa tenda sueca. Fai clic no botón e descubre todos os nosos alimentos e bebidas.
Preparación do panettone
- Primeiro, esmigallamos o panettone en anacos pequenos, como nas tradicionais migas. Se está seco e nos costa, utilizamos un coitelo.
- Engadimos o brandy e a reladura de limón.
- Deseguido, deixamos macerar todos os ingredientes que xuntamos antes (panettone, brandy e limón) durante uns 8-9 min.
Preparación do pudin
- Rompemos os 6 ovos e mesturámolos cun batedor manual.
- Nun cazo, botamos 800 ml de leite e engadimos 120 g de azucre e a salsa de vainilla.
- Mesturamos todo ben e poñémolo no lume para que ferva.
- Cando a mestura estea lista, apartámola do lume e vertémola nunha xerra medidora.
- Pouco a pouco, engadimos a mestura de leite da xerra aos ovos batidos. Consello do chef: non verter todo o líquido de golpe, senón nun chorro fino. Mentres, removemos rapidamente co batedor para que se integren ben os ingredientes e o ovo non se corte.
- Agora engadimos á mestura os anaquiños de panettone triturados. É importante mesturar ben para que todos os anaquiños collan sabor.
Enfornado
- Unha vez que a mestura está preparada e o panettone ben empapado, chega o momento do enfornado.
- Buscamos un molde axeitado e cubrimos a base e as paredes con papel de forno.
- Agora envorcamos toda a mestura dentro.
- Poñemos o molde nunha bandexa de forno con reixa co fondo cuberto de auga, para cociñar ao baño María.
- Deixámolo no forno uns 30 minutos a unha temperatura de 180º.
Empratado
Esta receita é fácil de preparar e de empratar. A proposta de Álvaro é a seguinte:
- Sacamos o pudin do molde de forno.
- Cortámolo en rectángulos bastante grosos.
- Colocamos os rectángulos no centro do prato. Nós optamos por poñer dous anacos por comensal, pero podes poñer os que queiras.
- Agora engadimos unha bóla de xeado de vainilla para que vaia cubrindo o pudin.
- Cunha culler, engadimos un pouquiño de salsa de vainilla en forma de pequenos fíos.
- Por último, relamos un pouco de chocolate 70 % para esparexelo por enriba do pudin de panettone.
- Engadimos algún anaquiño enteiro de chocolate (que sempre alegra) e listo!
Goza deste prato que aproveita ao máximo os panettones do Nadal! Anímate e proba esta sinxela receita na casa. Ah! Non esquezas compartir as túas creacións con nós nas redes sociais co hashtag #CociñaconIKEA. Estaremos encantados de ver os resultados!
Queres máis ideas? Engade estas ao teu receitario:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.