Cociña con IKEA: ensalada de gambas con chutney de laranxa
Se hai algo que nos encanta é unha receita sinxela coa que sorprender a todos os nosos convidados ou, sinxelamente, dármonos un capricho gastronómico (que tamén o merecemos!). Por iso, desta vez traémosvos un aperitivo fácil e rápido co que deleitar o noso padal e sen apenas esforzo. Soa xenial, verdade?
Hoxe para comer en #CocinaConIKEA, unha ensalada de gambas deliciosa e diferente servida sobre pan e con chutney de laranxa. Bo proveito!

Coñece o noso chef
Acórdaste de Julio Fernández? Foi o noso chef elixido para elaborar unha deliciosa receita de albóndegas de salmón con mostaza doce e aneto. E como nos gustou tanto a súa boa man para a cociña, convidámolo para deleitarnos novamente cos seus pratos.
Por se queres facer un pouco de memoria, Julio traballa en IKEA FOOD desde hai seis anos e na actualidade é Kitchen Specialist do restaurante da tenda de IKEA Goya en Madrid. Desde pequeno, Julio foi un apaixonado da cociña e a súa sede de aprendizaxe é insaciable. De feito, continúa coa súa formación cursando estudos de xefe de cociña na Escuela de Hostelería y Turismo (ESAH).
Ademais, ten un blog persoal de receitas onde podes descubrir moitas máis ideas para as túas comidas e ceas. Un blog que el mesmo describe como "un espazo onde atoparás unha cociña sinxela, para todos, pero cun toque canalla". Bótalle un ollo: www.laollacanalla.com
Sabías que...?
A receita de hoxe está protagonizada, como non, por unhas riquísimas gambas peladas. En IKEA, seguindo co noso compromiso, garantimos que este produto cumpre o estándar internacional do MSC sobre sostibilidade.
Procedentes de pesqueiras sostibles do Atlántico nordés e noroeste, as nosas gambas só levan ingredientes naturais (non levan nin aditivos nin conservantes). E, ao conxelarse xusto despois de seren capturadas, conservan todo o seu sabor, calidade e valor nutricional. Por iso están tan boas! É un produto máis respectuoso co medio ambiente, a un prezo moi alcanzable e comodísimo de utilizar nos teus pratos.
Dito isto, vamos coa nosa receita. Ao choio!
Dificultade: baixa
Tempo de elaboración: 30 min.
Tempo de espera: 30 min.
Ingredientes para 4 comensais
- 1 bolsa de gambas peladas conxeladas SJÖRAPPORT (que hai que desconxelar previamente)
- 1 bolsa de preparado para pan ácimo KNÅDA
- 10 g de curry
- 220 g de marmelada de laranxa e flor de sabugueiro
- 50 g de salsa de ravo picante
- 75 g de iogur grego
- 30ml de aceite de oliva
- 5 g de xenxibre
- 70 g de cebola vermella
- 30 ml de vinagre de mazá
- 5 grans de pementa negra
- 5 grans de coandro
- Coandro (ao gusto)
Fáltache algún ingrediente? Non te preocupes, podes atopalos na nosa tenda sueca.
Preparación
Empezaremos pola base da ensalada que, como anticipamos, será o noso pan ácimo. Para iso, seguiremos as instrucións que veñen no paquete do noso preparado de pan ácimo KNÅDA.
Mira que sinxelo é preparalo:
- Dentro do mesmo paquete de preparado, engadimos 50 ml de aceite de oliva.
- A continuación, coa axuda dunha xerra ou botella de cristal, verte 200 ml de auga.
- Selamos o paquete co peche que vén por defecto.
- Agora, mantén a bolsa recta e amasa a mestura ata obteres unha pasta lisa (durante uns 5 min aproximadamente).
- Despois, saca a pasta do paquete e divídea en anacos redondos, tipo boliñas. Se o vas servir como aperitivo, procura que non sexan anacos moi grandes.
- Pon unha tixola a quecer.
- Antes de cociñar cada porción, dámoslle un pouco de forma esmagando coa palma da man a masa de xeito que quede plana. Consello: Podes axudarte dunha táboa de cortar de madeira para poñelas enriba e ir aplanándoas coas dúas mans.
- Cocíñaas unha a unha na tixola ata que teñan o punto torradiño que desexes (cuns 3 min será dabondo). Podes ir dándolles a volta cunhas pinzas de cociña ou unha espátula.
- Cando as teñas todas, saca cada filloa e colócaas nun prato. Despois, cúbreas cun trapo ou pano de cociña húmido para que se manteñan esponxosas.
Preparación da salsa de ravo
Agora tócalle á salsa! Para faceres a salsa de ravo picante abonda con seguires estes pasos:
- Nun cunco de cociña, mesturamos a salsa de ravo que temos no bote co iogur.
- Coa axuda dunha simple culler, remexemos todo ben para mesturar ambos ingredientes.
- Unha vez integrados, gardamos a mestura nun biberón de cociña e metémolo na neveira ata que teñamos que servila na ensalada.
Preparación do chutney de laranxa
Seguimos con esta deliciosa ensalada de gambas peladas. Chega a vez do chutney de laranxa, que prepararemos coa marmelada de laranxa e flor de sabugueiro.
- Empezamos dourando as especias (pementa e coandro) a lume medio nunha tixola.
- Cortamos e picamos a cebola morada.
- Pelamos o xenxibre e picámolo. Se che resulta máis doado, tamén podes relalo.
- Cando as especias estean douradiñas, engadimos o aceite de oliva, a cebola e o xenxibre.
- Rustrimos a lume medio ata que a cebola estea case transparente.
- Agora engadimos a marmelada de laranxa e o vinagre de mazá.
- Cociñamos todo ata que colla consistencia.
Empratado
Rematamos este prato montando todas as partes que fomos elaborando. Vamos empratar:
- Colocamos unha das porcións de pan como base.
- Botamos unha capa da nosa chutney de laranxa.
- Engadimos unha presada de gambas (lembra desconxelalas previamente).
- Engadimos a salsa de ravo e iogur por riba.
- Rematamos cun pouquiño de coandro picado.
- Repetimos o proceso con todas as demais racións.
- Listo!
Que che pareceu? Prepara os mellores pratos con estas receitas sinxelas para cociñar sen complicacións e co resultado dun auténtico profesional. Ah! Non esquezas compartir as túas receitas connosco a través de redes sociais co hashtag #CocinaConIKEA. Estaremos encantados de ver as túas creacións!
Non perdas todas estas deliciosas receitas.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.