Cociña con IKEA: receita de albóndegas de salmón con mostaza doce e aneto
Seguimos cos nosos pratos típicos suecos e traémosvos outra receita ben fresca e sa: unhas albóndegas de salmón con ensalada de cogombro. O ingrediente principal son as nosas albóndegas de salmón e bacallau HUVUDROLL, un produto que cumpre co estándar global ASC de acuicultura responsable.
Toma nota de cada paso e goza dun prato saudable e moi completo nutricionalmente. Unha boa fonte de fibra, proteínas, vitaminas e nutrientes, pero baixo contido en colesterol. Un dos nosos chefs expertos será o encargado de ensinarche como facelo de forma sinxela.
Hoxe para comer en #CocinaConIKEA… albóndegas de salmón con ensalada de cogombro, mostaza doce e aneto. Ah! Ao final do artigo atoparás outra receita alternativa, por se non che convence o cogombro.

Coñece o noso chef
Presentámosche Julio Fernández, o noso chef encargado de elaborar esta deliciosa receita de albóndegas de salmón e bacallau.
Julio é un apaixonado da cociña desde ben novo. Traballa en IKEA FOOD desde hai seis anos e na actualidade é Kitchen Specialist do restaurante da tenda de IKEA Goya de Madrid. No seu empeño por se converter nun gran chef, continúa coa súa formación cursando estudos de xefe de cociña na Escuela de Hostelería y Turismo (ESAH). Ademais, ten un blog persoal de receitas onde podes descubrir moitas máis ideas para as túas comidas e ceas. Un blog que el mesmo describe como "un espazo onde atoparás unha cociña sinxela e para todos, pero cun toque canalla". Velaquí o enlace: www.laollacanalla.com
Queres probar as HUVUDROLL de salmón? Achégate ao noso restaurante e degústaas alí mesmo. Se che gustan e queres preparalas na casa, lembra que poderás atopalas na nosa tenda sueca xunto cunha gran variedade de produtos típicos do noso país de orixe.
E agora… Ao choio! O primeiro que tes que saber é a dificultade que comporta, o tempo de elaboración e os ingredientes. Contámoscho deseguido.
Dificultade: baixa
Tempo de elaboración: 30 min.
Tempo de espera: 3 horas
Ingredientes para 4 comensais
- 1 bolsa de albóndegas de salmón e bacallau HUVUDROLL
- Salsa de mostaza doce e aneto – 250 g
- 200 ml de nata para montar
- 40 g de manteiga
- 150 g de iogur grego
- 1 dente de allo
- 5 ml de xarope de flor de sabugueiro
- 40 g de cebola vermella
- 200 g de cogombro
- 20 g de ovas vexetais vermellas
- Un chisco de sal
- 40 g de cacahuetes
- Uns grans de pementa negra
- Aneto fresco ao gusto
Preparación
Como verás deseguido, esta receita é moi fácil e prepárase en pouco tempo, tan só tes que seguir estes 4 pasos:
- Primeiro preparamos a salsa de acompañamento das nosas albóndegas. Montamos a nata, que debe estar fría para que se poida montar ben e, deseguido, engadimos con movementos envolventes a salsa de mostaza doce e aneto. Unha vez mesturada, gardámola no frigorífico.
- Saltea as albóndegas de salmón coa manteiga ata que queden ben douradas. Logo resérvaas a temperatura ambiente.
- O seguinte paso será preparar o aderezo para a ensalada de cogombro. Nun cunco, mestura o iogur, o allo picado finamente, o xarope de flor de sabugueiro, o sal e a pementa negra.
- Deseguido, cun pelador, corta as tiras de cogombro e a cebola fina. Finalmente, mestura todo co aderezo anterior e reserva en frío ata que o vaias servir.
Para o empratado, coloca unha base de ensalada de cogombro aderezada. Despois engade 5 albóndegas de salmón mornas. Rematamos coa salsa de mostaza doce e aneto, unhas ovas vexetais e un chisco de aneto fresco. Truco final do chef: engade uns cacahuetes para dar ao prato un toque crocante. Podes trituralos un chisco ou botalos directamente, como prefiras. E listo! Bo proveito!
Ideas para servir as albóndegas na mesa
Se vas servir este prato aos teus convidados ou nalgunha celebración especial, a mesa é especialmente importante. Así que velaquí tes algúns consellos para elixires o enxoval axeitado para as túas albóndegas de salmón!
Os recipientes ideais para empratar esta receita son os de cristal transparente ou dalgunha tonalidade clara ou pastel. Cos recipientes de cristal conseguimos mostrar todos os ingredientes saudables que leva esta receita. Por outra banda, os cuncos, bandexas e táboas de madeira axudan tamén a relacionar o prato cunha alimentación natural e sa. Para destacarmos as cores principais desta receita, recomendámosche pratos e fontes brancas, grises ou dunha cor suave, como o rosa pau.
A decoración da mesa tamén fai que a comida que sirvamos sexa máis apetecible. Recomendámosche apostar por manteis e panos de mesa cun aspecto neutro e natural. Para iso opta por téxtiles de algodón brancos ou negros.
Xa sabes o que din: a comida entra polos ollos!
Queres outra receita de albóndegas de salmón?
Se deveces polas nosas albóndegas de salmón pero non te convencen algúns dos demais ingredientes desta receita, temos outra opción moi doada e rápida: rolos de albóndegas de salmón con humus e aguacate. Só che levará menos de media hora.
Os ingredientes para 4 persoas son:
- 40 unidades (640 g) de albóndegas de salmón HUVUDROLL
- 4 culleradas de humus de garavanzos
- 4 rebandas de pan fino tipo tortillas de trigo
- 2 aguacates
- 4 cebolas vermellas
- Un puñado de follas de menta
- 1 cullerada de aceite de oliva virxe extra
- O zume de medio limón
- Sal e pementa negra ao gusto
Esta receita é tan doada que che haberá solucionar calquera comida cando non teñas moito tempo. Abonda con enfornar ou fritir primeiro as albóndegas de salmón como se indica no envase. Deseguido, ponas sobre un anaco de papel de cociña para quitarlles a graxa sobrante, párteas pola metade e déixaas arrefriar para engadirllas ao rolo que imos elaborar.
Por outra banda, temos que pór o pan fino sobre unha táboa ou prato e esmagar sobre este medio aguacate e un pouco de humus.
O seguinte paso é cortar as cebolas en toros finos e colocalas sobre o pan e a mestura anterior. Agora engade as albóndegas cortadas, unhas follas de menta, un chorriño de aceite de oliva e sal e pementa ao gusto.
O último paso é enrolar ben o pan coa axuda dun anaco de papel de forno.
Que che parece? Vas devecer por elas!
Así que, xa sabes, pasa pola nosa tenda sueca ou o noso restaurante e proba as nosas albóndegas de salmón HUVUDROLL.
Queres máis ideas? Engade estas ao teu receitario:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.