Ideas para ser un bo anfitrión
Vas recibir visita na casa? Toma nota destes consellos para ser un bo anfitrión ou anfitrioa e consigue que todo o mundo goce dun momento agradable e seguro na túa casa.
A situación actual e a chegada dos meses máis fríos de outono e inverno, fai que as casas volvan converterse nos espazos de "lecer" máis populares. E como queremos que sigas estando preto das persoas que máis queres sen arriscarte, vimos de recompilar algúns consellos para facer que o teu fogar sexa o lugar máis seguro para todos. Sigue estes consellos para recibir visitas na casa e gozar como sempre dunha boa compañía.
Limpa e airea ben a casa
O primeiro paso será limpar a fondo a casa. Recomendámosche que poñas a listaxe de reprodución que máis che guste e limpa ben a casa de arriba abaixo para todo ficar impoluto. O ideal e prestar especial atención ás zonas que van estar máis concorridas, como o baño ou a sala de estar.
Para airear a casa, o mellor é aproveitares a mañá para abrir as fiestras. Para que non entre frío de máis e baixe demasiado a temperatura, recomendamos que non abras as fiestras máis de 10 minutos. Entre 5 e 10 é máis que suficiente para que fique todo ben aireado. Ademais, é mellor se vas cuarto por cuarto no canto de abrires todo de vez, así impedirás que haxa correntes de aire, que non fan máis que arrefrialo todo máis aínda. Deste xeito non terás que pór a calefacción máis alta para volver quecer a casa e aforrarás cartos e enerxías.
Despexa a sala de estar para ter máis espazo
Se non tes unha sala de estar ou comedor especialmente grande, o mellor é despexalo todo ben para que haxa espazo abondo para todas as persoas. Garda todos eses obxectos que estan no medio e mesmo redistribúe algún moble se for necesario.
Podes aproveitar e preparar xa as cadeiras para cada persoa (cumprindo sempre coa capacidade máxima permitida na túa comunidade). Nós recomendamos que teñas á man uns tallos encartables ou unhas cadeiras pregables para que, veña quen viñer, poidas ter a opción dun sitio máis sen perder espazo vital na túa casa.
O momento de recibir as visitas na casa
Ding dong! Xa chegaron os teus convidados. Para recibilos prepara un espazo no que poidan deixar as súas cousas e desinfectarse nada máis chegar.
Podes colocar un par de alfombras ou felpudos na entrada da casa, un con algo de desinfectante de superficies (alternativamente podes empregar un chisco de lixivia) e outro felpudo seco para rematar de desinfectar os zapatos e que non deixen o chan cheo de pegadas.
O recibidor vai ser un grande aliado neste senso, xa que aquí podemos deixar un pequeno dispensador de xel desinfectante para que, nada máis chegar, os teus convidados poidan limpar as mans sen a necesidade de iren ó baño. E mesmo lle podes pór un cartel con algunha mensaxe orixinal para que ninguén esqueza este detalle. Se non queres pór o típico bote de xel, podes encher con desinfectante unha xaboeira ou dispensador para dar un toque distinto e ata decorativo á peza.
Despois, algo no que deberías reparar é nun lugar para deixar os abrigos e outros obxectos persoais de cada convidado.
O ideal sería que no mesmo recibidor tiveses espazo para isto, mais non todo mundo ten un armario ou un colgadoiro, polo que o máis habitual é empregar unha das pezas da casa, como un dormitorio.
Para non mesturares os abrigos coa túa roupa limpa, recomendámosche utilizar a cama e que os vaias deixando enriba. Podes pór un plástico ou unha manta para sofá para que non entren en contacto directo co nórdico ou edredón da cama. É unha alternativa moi sinxela e que despois che dá a opción de lavala facilmente.
Prepara unha bandexa ou un carro con aperitivos e bebida
Agora que todo o mundo está cómodo, é o momento de ir creando ambiente para empezar a divertirse. Que mellor que comezar por un aperitivo previo á comida ou á cea?
Se non queres ocupar a mesa do comedor, o mellor é preparar antes un entrante e deixalo na mesa de centro. Abonda con preparar unha bandexa cun vaso para cada persoa, algúns panos de mesa de papel (ocuparán menos se os colocan nun gardapanos vertical) e uns poucos pratos e cuncas con algún aperitivo clásico imperdible para ir abrindo o estómago, como unhas patacas fritidas con algún sabor.
Non tes espazo abondo para colocalo todo? Un carro auxiliar é a mellor opción para ter ese espazo extra que precisas. Podes deixar nel todo o básico, como os panos de mesa, os pratiños, os vasos ou as diferentes botellas que vaias necesitar para non ir cada pouco á cociña.
Menú para recibir convidados na casa
É o momento de pasar á mesa! Algo moi importante á hora de convidar a familiares ou amizades á casa é preparar un menú que se axuste ás particularidades alimenticias de cada persoa. Alguén con intolerancias ou alerxias? Algunha persoa é vexetariana ou vegana? Cómpre non esquecer estes detalles.
Unha vez resoltas estas cuestións, só terás que te preocupar de elaborar un menú máis ou menos complicado consonte as túas posibilidades e virtudes na cociña. Se non queres perder moito tempo cociñando, o mellor é botar man de receitas sinxelas coas que cun pouco tes o traballo feito. As comidas ó forno adoitan ser unha boa opción porque non ensucian tanto, aforras cheiros indesexables e permítenche aproveitar o tempo para facer outras cousas, como decorar a mesa e preparala.
Na nosa tenda sueca, por exemplo, temos unha ampla variedade de alimentos e pratos para gozares dunha comida saudable e gorentosa. Non perdas a oportunidade de botar un ollo a toda a nosa gama de alimentos e bebidas. De certo que che damos algunha que outra idea para facer unha comida ou cea na casa.
Queres algunhas ideas para o teu menú? Non perdas as nosas receitas de #CocinaConIKEA. Contámosche paso a paso como preparar algúns dos nosos pratos máis famosos e deliciosos: albóndegas de proteína vexetal con salsa de iogur e remolacha, filloas recheas de nata, ensalada de arenques marinados, albóndegas de verduras con crema de cabaza e ricotta… E moitos máis!
Deixámoste por aquí unha pequena mostra da nosa receita de salmón en salsa de laranxa.

Acondiciona o baño
Seguramente, nalgún momento da comida ou cea, algunha das persoas ás que convidaches ha querer ir ó baño. Por iso, cremos que é importante acondicionar un pouco esta parte da casa. Nós recomendamos que, se tiveres dous baños, destines só un para os convidados ese día. Se non for o caso, non te preocupes, podes aplicar estes consellos igualmente.
Ademais de limpalo e desinfectalo previamente, comproba que tes xabón de mans abondo (mellor un xabón en dispensador que en pastilla) para lavar ben as mans e prepara unha ou varias toallas pequenas. No caso de teres que empregar o baño diario, o mellor é mudar as toallas de man e utilizar unha específica ese día. Ah! E non está de máis perfumar o baño con algunha fragrancia, como a dunha candea aromática ou unhas flores secas perfumadas.
Que che parece? Como último detalle, prepara unha listaxe de reprodución con esas cancións para unha tardiña perfecta. Agora que está todo pronto e adoptamos as medidas de hixiene e seguridade básicas, é o momento de gozar en boa compañía dun tempo agradable como sempre fixemos.
Se queres máis consellos para ser o anfitrión perfecto e recibir os teus na casa, bota un ollo a estas ideas.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e os cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.