Saltar

6 solucións de orde e almacenaxe para pisos pequenos

Cando vivimos nun piso pequeno ou nunha casa na que o espazo queda un pouco escaso, tentamos aproveitar ata o último recuncho para gañar sitio e ter a casa o máis ordenada posible. Queres saber que produtos poden axudarte a conseguilo? Non perdas esta lista de solucións accesibles e sinxelas para organizares e gardares as cousas de casa. Está pensada especialmente para espazos pequenos e zonas complicadas! 

1. Unha solución para ordenar a sala de estar

Empezamos cun complemento perfecto para organizar unha das estancias nas que, sen dúbida, pasamos máis tempo, a sala de estar. Neste cuarto acumúlanse pequenos obxectos que nunca acaban por ter un lugar específico e sempre se moven dun sitio a outro. Cantas veces tes perdido o mando da tele?

Esta práctica solución de almacenaxe colgante ocupa pouco espazo e permíteche gardar nela unha chea de obxectos diferentes para que os teñas sempre á man. Neste caso, nada como o repousabrazos do sofá para colocalo. Os seus diferentes compartimentos permítenche almacenar obxectos tan pequenos como as lentes de ler, así como outros de maior volume, como revistas ou unha tableta. Ao ser de feltro, ten unha textura agradable e resistente. Que che parece? O que máis nos gusta, ademais do seu prezo económico, é que che permite telo todo nun único lugar e sen ocupar espazo útil da mesa ou o moble da televisión.

Sabes que este produto serve para moito máis? Proba a colocalo detrás dunha porta, na parede da entrada de casa e, mesmo, no dormitorio. Acabouse o de desperdiciar espazo! 

2. Un tendal pregable para a coada

Moitas casas non teñen un cuarto exclusivo para a coada. Mesmo é probable que non teñas secadora. Se é o teu caso, este obxecto axúdate a ter esa zona de secado sen que teñas que renunciar a un só centímetro da túa casa.

Os tendais pregables son excelentes, xa que os podes gardar en practicamente calquera parte e ocupan un espazo mínimo. Permítenche deixar que a roupa seque no interior da casa, evitando así que absorba malos cheiros e a polución da rúa. Ademais, daranche a vida nos días de choiva. Unha vez finalizada a tarefa, tan só terás que pregalo e escondelo onde queiras, como por exemplo, detrás dunha porta. 

3. O truco para gañar espazo na cociña

Cando temos unha cociña pequena, normalmente tentamos non invadir o espazo útil do mesado para non quedar sen espazo para cociñar. Un xeito de logralo é, como no consello anterior, utilizarmos un pouquiño o enxeño e valernos da practicidade de obxectos pensados especificamente para lugares pequenos.

Por exemplo, se só dispós dun seo de fregado, un escorredoiro como este pode ser un complemento económico e eficaz. Ao ser pregable, podes quitalo e poñelo tan só cando o precises. Ademais, as súas múltiples reixas permítenche colocar calquera prato ou vaso sen que este entre en contacto coa superficie. Coloca unha alfombra de escorredoiro para absorber a auga que cae... e listo!  

Outro recurso que che pode axudar a conseguir máis espazo na cociña e organizala é algo tan sinxelo como o aproveitamento das paredes. Suxerímosche que coloques estantes adicionais, guías con ganchos ou calquera outro tipo de organizador de parede para cociña para almacenar en altura todo o que queiras ter á man. É unha solución moi accesible e que dá uns resultados incribles.  

4. Como organizar e gardar os produtos do baño

Un dos grandes retos deste cuarto é ordenar e almacenar todos estes miniprodutos que acumulamos, como a maquillaxe, algunhas cremas ou mesmo os discos ou bastonciños de algodón. Alén da practicidade das cestas de baño, recomendamos un produto que che permite organizar eses pequenos obxectos e aproveitar moito mellor o espazo do baño. Trátase do noso clásico GODMORGON. Estas caixas con compartimentos están especialmente deseñadas para gardar e clasificar os obxectos e ter máis espazo tanto nos caixóns como nos estantes do baño.  

Non tes espazo para os produtos da ducha? Como xa che comentamos, as paredes son as grandes aliadas dos espazos pequenos. E como no baño non podemos furar a parede a treo, nada mellor que uns estantes e cestiñas con ventosa para colocar os obxectos. Son resistentes, económicos e moi útiles para ordenar sen complicacións e aproveitar o espazo do baño.

5. Ideas para gardar a roupa nun dormitorio pequeno

Cando apenas temos espazo no dormitorio, os cambios de armario poden ser unha leria. Por iso, unha das mellores formas de gardar a roupa entre estación e estación é aproveitar o espazo que tes xusto debaixo da cama.

Aínda que a túa cama non teña integrada unha zona de almacenaxe, podes creala ti colocando unhas caixas con tapa no seu lugar. É unha opción moito máis económica que che permitirá aforrar espazo e protexer a roupa do po e a sucidade. Cando queiras algo, tan só terás que extraela e facer o cambio. Sinxelo, verdade? Tamén son xeniais para gardares zapatos ou os diferentes xogos de sabas e roupa de cama.  

6. Un comodín para gardar obxectos en calquera parte  

Se algo quedou claro é que un espazo ordenado é un espazo ben aproveitado. E é que, cun pouco de imaxinación, podemos converter os nosos fogares en espazos moito máis funcionais e prácticos, por pequenos que sexan.

Xa que nos gusta a creatividade, que tal un último consello para ordenar e organizar obxectos en calquera parte da casa? Este complemento, é unha das nosas últimas novidades e consiste en almacenaxe con guías e saquiños.

NEREBY é unha colección moi especial que combina a utilidade das paredes como espazos de almacenaxe e as texturas naturais para un acabado moito máis favorecedor.

Simplemente coloca a guía onde a precises (quer na cociña, quer no escritorio, quer no baño…) e fai a túa composición de cestas. Verás o ben que queda e o útil que é onde o poñas.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.