Ideas orixinais para pintar cos nenos na casa
Os nenos e as nenas son artistas! Porén, non é mala idea ter algún plan por se se produce algún percance artístico nas súas primeiras obras...
Se aos teus meniños lles encanta debuxar, pero adoitan desordenalo todo ou meter as pinturas onde non deben, estes consellos poden resultar útiles. Non perdas estas ideas para pintar e debuxar na casa con nenos, e telo todo en orde e controlado. Esperamos que sexan de axuda e inspiración!
Pintar no biombo da ducha
O biombo de cristal dunha ducha é un lenzo marabilloso. Os nenos poden deixar o seu legado (case) artístico sen limitacións. Iso si:
- Ponlles botas de auga e roupa que non importe que manchen ou un chuvasqueiro doado de lavar cun pouco de auga.
- Vixía que non esvaren: é probable que as botas de auga de goma sexan dabondo, pero mellor previr que curar.
- Debes estar diante en todo momento para evitar que xoguen con cousas da ducha coas que non deben ou pinten algo que non sexa o biombo.
- Cando rematen, ti decides canto tempo queres que dure a exposición antes de limpala rapidamente.
Materiais para pintar con nenos
Que tipo de pinturas poden empregar para plasmar as súas obras no biombo e despois eliminalas con facilidade? As acuarelas son as nosas aliadas!
Son a mellor opción para deixarlles sacar ese Picasso que levan dentro. Poden colocalas no cesto onde adoitades deixar os xeles e champús para telas á man.
Como limpar o biombo despois de debuxar
Na teoría soa ben, pero na práctica, é tan sinxelo limpar o biombo? Por suposto! Os cepillos limpacristais, que tamén serven para quitar a humidade, utilízanse para limpar o biombo de cristal dun xeito efectivo e superdoado. Son útiles tanto para deixar a superficie limpa para o próximo cadro como para pechar o estudo de pintura e volver empregar a ducha para o seu auténtico propósito.
Onde gardar as pinturas dos nenos
Se ao teu meniño lle apaixona debuxar e faino a diario ou de xeito habitual, quizais deberías pensar en buscar un sitio especial para as súas cousas: consigue un par de mobles auxiliares para gardalo todo. Deste xeito, as cousas non estarán polo medio e cando pechedes as portas, non se verá absolutamente nada!
Neste caso, por exemplo, personalizamos completamente o interior destes armarios para que sexan o máis útiles posible. Como a maioría dos obxectos son bastante grandes e alongados (figuras, pinceis, cadernos de debuxo...), precisabamos altura, así que reservamos unicamente un andel na parte superior para os obxectos pequenos e para colocar o rolo de papel de debuxo. Desta maneira, puidemos colocar todo na base sen problemas. Para ter os cadernos ordenados, por exemplo, utilizamos un soporte no que gardar tapas de tixolas. Por último, colocamos nas paredes unha solución de almacenaxe perfecta para poñer os tarriños de pintura. Que che parece?
Amosa as súas obras de arte para que se sintan orgullosos
Non todas as súas creacións van ser temporais, como acontece no caso do biombo. De feito, seguro que expoñeredes máis dunha obra na casa para ensinarlle ao mundo enteiro o seu talento.
Para iso, colocamos un soporte para póster dentro do propio moble, no interior das portas. Trátase dunha solución sinxela, intelixente e flexible que serve tanto para deixar secar unha obra acabada de pintar como para usala como cabalete ou para unha galería dun único cadro.
Un organizador para secar e clasificar as obras de arte
Hai ocasións nas que senten tanta inspiración á hora de pintar, que acabamos con moitísimos folios, cadernos ou lenzos ateigados coas súas mellores obras. Entón, que podemos facer mentres están a secar? Como podemos gardalos ou clasificalos? Unha idea orixinal, práctica e sinxela é ir colocándoos en organizadores de tapas coma este. Deste xeito, teralos todos organizados nun mesmo sitio mentres esperas a que sequen e decides cal queres pendurar.
Tes dúbidas á hora de decorar a parede coas súas obras de arte? Se queres amosalas con estilo, non perdas este vídeo cuns consellos rápidos e eficaces para decorar a parede:

Un estudo de pintura debaixo da mesa: a xogar!
Aos nenos e ás nenas lles encanta construír o seu propio forte, meterse debaixo das mesas e crear o seu propio espazo... Os nenos e a súa imaxinación non coñecen límites.
Por iso, unha boa idea para que pinten e fagan as súas manualidades, ou simplemente xoguen, é habilitarlles un espazo específico debaixo da mesa do comedor. Nel poderán utilizar as súas pinturas, os xogos e os lenzos e pasar unha tarde superentretida. Iso si, non esquezas protexer a zona... Continúa lendo e contámosche como facelo.
Como protexer a alfombra das manchas
As ideas orixinais para pintar con nenos son xeniais, pero é necesario ter certas precaucións. Os protectores de chan, por exemplo, evitan que a alfombra acabe chea de pintura, tanto se os nenos pintan directamente debaixo da mesa, como vimos anteriormente, como se o fan sobre ela (sempre escapa algunha pinga). Se non tes un, podes utilizar o plástico de tender a roupa. Así todo o mundo estará tranquilo.
Un soporte portátil para os materiais
Lapis, pinceis, pinturas e demais cousas: todos os materiais recollidos e organizados. Iso é o que todos os pais e todas as nais queremos! Neste soporte de almacenaxe con petos podemos gardar todo o necesario e levalo onde queiran pintar ese día. Se prefires outra idea, non renuncies ao poder das caixas de almacenaxe. Se as elixes con asas, poderás transportalas con facilidade dun sitio ao outro da casa e terás sempre os obxectos ordenados.
Iso é todo! Que che pareceron estas ideas? Queremos que sigas a inspirar, e que crees un fogar divertido e seguro para os teus fillos; por iso preparamos, nin máis nin menos, unha selección especial de artigos. Non os perdas!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.