Saltar

Decoración de mesas de verán para o xardín

Se hai algo que a todos nos gusta do verán é comer coa nosa familia e os nosos amigos. E se tiveres a sorte de contar cun xardín ou unha terraza na que ofrecerlles unha comida ou unha cea, non a desaproveites! 

Tes moitísimas opcións á hora de decorar a túa mesa: con mantel ou sen el, máis elegante, máis informal, de estilo tropical e estival, acompañada dunha barra para cócteles… Imos ver diferentes ideas de decoración de mesas de verán para o xardín. Vai ser un plan como ningún outro!

Mesa de estilo tropical 


A nosa primeira proposta vén cun aire tropical que nos parece ideal para esta época do ano. As cores como o verde, o vermello, o amarelo ou o laranxa axúdannos a dar vitalidade á nosa mesa de comedor de exterior, e podemos introducilas de moitas maneiras. Neste caso queremos enfocarnos nunha idea que nos semella moi cómoda e funcional: as bandexas. 

Podemos pensar que unicamente serven para comer cando estamos sós ou para facelo de xeito individual. Pero o certo é que, se vas organizar unha comida informal, un aperitivo ou unha petiscada, poden ser do máis útiles á hora de levalo todo á mesa dunha forma sinxela e cómoda.

Se escolles unhas bandexas cun estampado tropical como estas, a nosa recomendación é que prescindas do mantel, ou ben que elixas un de cor lisa e neutra. Así, evitarás que a túa mesa se vexa demasiado recargada.

Como vestir a mesa de maneira informal 

Nunha mesa informal para as túas comidas de verán no xardín, o mantel non é necesario. Se quixeres introducilo, non hai problema, pero pensa que durante as petiscadas e os cócteles deste tipo (que moitas veces xorden de forma espontánea), adoitamos manchar e tirar as cousas, entre outras distraccións! Recomendámosche que non uses mantel ou que empregues un plastificado de hule, do que sexa doado quitar as manchas cun pano húmido.

Para decorar unha mesa informal tamén nos parece xenial utilizar panos de mesa de papel con estampados coloridos, estivais e divertidos. Podes combinar diferentes vaixelas de varias cores e mesmo usar pratos e vasos de plástico que se poidan volver empregar noutro momento. Son xeniais cando queremos previr roturas innecesarias de copas e vasos.

Unha barra para os convidados

Outra idea que nos parece asombrosa á hora de organizar unha comida durante o verán é contar cunha barra para as bebidas. Así, cada un poderá servirse cando queira sen ter que interromper constantemente os anfitrións. No teu caso, iso axudarache a gozar máis da comida e, en certo sentido, tamén a despreocuparte. Por non mencionar que é incrible! 

Iso si: non esquezas poñer moito xeo nas bebidas para mantelas perfectas o maior tempo posible, nin tampouco dispoñer dunha gran cantidade de panos de mesa, vasos e copas preto para que cada convidado se sirva como queira.

Un recuncho para gozar de petiscos e cócteles

 

Cando teñamos decidida a decoración da nosa mesa para este verán e a barra de cócteles e petiscos estiver pronta, non pode faltar un recuncho para gozar delas!

Se hai espazo suficiente, recomendámosche que habilites un banco pequeno, unha cadeira de brazos ou unha hamaca (ou varios destes elementos!) para que os teus convidados se sintan moi a gusto mentres degustan todo o que preparaches para eles.

Para este recuncho recomendámosche continuar coa gama cromática de cores vivas que vimos na mesa: vermellas, rosas, azuis, verdes ou amarelas. Introducilas a través dos coxíns é unha das formas máis vistosas e fáciles de facelo. Cando remate o verán, podes cambiar as fundas por outras de cores lisas.

Que tal un pícnic en familia?

 

Por último, queriamos suxerirche unha alternativa máis aló da típica decoración de mesas de verán. O certo é que se tes un xardín ou un patio, outro dos plans máis divertidos é montar un pícnic. Tan só necesitarás unha saba, unha manta ou unha toalla (para poñela no chan), vasos, pratos e unha neveira portátil.

Por suposto, non esquezas botar protección solar e poñerte á sombra durante as horas centrais do día. A nós parécenos unha idea xenial. E a ti?

E se queres ideas para a túa comida ou o teu pícnic, non perdas o seguinte artigo:

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.