Saltar

Ideas de decoración para dormitorios de bebés seguros e acolledores

Preparar e decorar o cuarto do bebé é un dos momentos máis especiais para os futuros pais. Ante esta tarefa, aínda que queremos unha estancia preciosa, a prioridade é a seguridade do meniño. Dende IKEA queremos demostrarche que é posible conseguir ambos obxectivos sen problema. Vamos aló!  

A chegada dun novo membro á familia supón, entre outras moitas cousas, a adaptación dos espazos da casa. Ese cuarto que antes era o voso despacho ou roupeiro agora converterase no cuarto do bebé, así que é momento de equipalo con todo o necesario para esta etapa tan especial, dende o berce ou o cambiador ata o armario ou a iluminación. É dicir, o esencial para que sexa un espazo seguro, no que tanto vós como o bebé vos sintades cómodos durante os primeiros meses de vida.  

1. Un berce seguro e cómodo para o teu bebé 

O berce é o elemento principal do dormitorio do bebé, no que pasará máis tempo, xa que o descanso é primordial para o seu desenvolvemento. Por iso, é fundamental elixir ben. O máis importante é que sexa seguro para el. Así, en IKEA todos os berces están deseñados para minimizar o risco de accidente. Con este fin, teñen as puntas redondeadas para evitar lesións en caso de golpe e están feitos con pinturas e materiais libres de axentes químicos ou tóxicos que sexan prexudiciais para o meniño. Isto último é imprescindible porque, conforme o neno vai medrando, aumenta o seu interese por tocar e coller todo o que ten á man.   

Ademais, un berce tamén ten que ser cómodo, polo que a base dos nosos berces está feita con listóns para que poida correr o aire e se ventile constantemente o colchón. Deste xeito, mantense unha temperatura axeitada e prevéñense tanto a humidade como o exceso de suor mentres o bebé dorme.   

Pero isto non é todo! Tamén levan unha base que se pode montar a dúas alturas diferentes para adaptala a medida que o bebé vaia medrando, co gallo de favorecer a súa seguridade e facilitar a interacción cos pais. A posición alta está indicada para cando o bebé acaba de nacer e a baixa para cando empeza a sentarse ou incorporarse e hai risco de que caia. Así mesmo, na maioría dos nosos berces, como o modelo da foto, un dos lados pódese sacar para que cando medre, o bebé poida subir e baixar só. O mellor? Poderás utilizalo durante máis tempo! 

2. Un colchón adaptado ás necesidades do bebé

Unha vez elixido o berce, o seguinte paso é buscar un colchón de calidade que sexa axeitado para as necesidades de descanso do bebé. Que hai que ter en conta? 

  • O colchón debe ter as medidas exactas do berce: se é máis grande ou máis pequeno, pode ser perigoso para o bebé, que podería mancarse ao quedar atrapado nos ocos.  
  • Os materiais teñen que ser transpirables para que haxa unha boa ventilación e a temperatura do bebé se normalice mentres dorme.  
  • O colchón ten que ser firme para proporcionarlle estabilidade e seguridade durante o descanso. Ademais, é recomendable que a estrutura reduza a presión sobre o corpo. En IKEA conseguímolo grazas aos resortes ensacados ou a escuma de alta elasticidade.  
  • É preferible que as fundas do colchón se poidan sacar e lavar na lavadora para garantir a hixiene do bebé.   

En IKEA todos os colchóns para berce cumpren estes requisitos. Ademais, igual que pasa cos berces, están feitos con materiais seguros e sostibles. Non conteñen produtos químicos perigosos e cumpren toda a normativa de seguridade.  

3. Roupa de berce e outros téxtiles quentiños  

Xa temos o berce e o colchón, e agora tócalle á roupa de berce. O primeiro que hai que ter en conta neste sentido é que, ata que o bebé non teña a mobilidade adecuada (arredor dos 12-18 meses), o máis recomendable é que o berce estea despexado, sen almofadas, mantas soltas nin xoguetes. Isto débese a que, como o bebé non se pode mover por si só, existe risco de asfixia ou accidente.   

Polo tanto, no caso dos bebés acabados de nacer, unicamente se hai que centrar na funda do colchón e a saba baixeira. En IKEA toda a roupa de cama está feita con tecidos naturais que non conteñen substancias perigosas para o bebé e, ademais, son lixeiros e suaves ao tacto. Para que o bebé poida durmir comodamente, é necesario que a temperatura do cuarto sexa neutra, nin alta nin baixa, é dicir, que estea entre 18 e 21 graos. Tamén é moi recomendable usar tecidos que favorezan a termorregulación. En IKEA moita roupa de cama, como as fundas de colchón, leva un material chamado LYOCELL, que permite a transpiración, favorecendo así a comodidade térmica do bebé.   

Ata os 18 meses, outra opción segura é vestir o bebé cun saco de durmir que o manteña quentiño sen risco de que tape a cabeza e lle custe respirar, como podería pasar cun edredón ou saba. Máis adiante, por suposto, si que poderemos usar mantas, edredóns ou nórdicos. 

Outro elemento téxtil que quecerá o ambiente, achegará comodidade e decora o cuarto do bebé é a alfombra. En IKEA contamos con diferentes deseños de alfombras para bebés, dende neutros ata coloridos, que se adaptan a distintos estilos de decoración.  

4. Un cambiador cómodo e práctico 

 

Agora que xa temos preparado todo o relativo ao descanso do bebé, é momento de pasar a outros elementos do cuarto. Un dos máis útiles para os pais durante os primeiros meses de vida do bebé é o cambiador. Xa que nos tocará cambiar moitos cueiros, é mellor facelo nun lugar específico o máis práctico posible, non cres?  

En IKEA todos os cambiadores están deseñados para iso e contan con caixóns ou estantes para ter á man todo o necesario, como os cueiros, as toalliñas e os produtos de aseo do bebé. A altura é a ideal para cambiar o bebé con comodidade e proximidade.  

O que ves na foto, por exemplo, ten varios compartimentos para gardar todo o que necesite o bebé. Como o resto dos nosos cambiadores, é totalmente seguro para os pequerrechos, xa que non contén materiais tóxicos e os bordos son redondeados. O mellor? Cando o bebé medre, podes transformalo nun estante para o seu cuarto ou calquera outra estancia da casa, tan só quitando a parte superior.  

Ademais, ofrecemos todos os accesorios necesarios para que esta tarefa resulte moito máis sinxela: o colchonciño para o cambiador, fundas, cestos e caixas de almacenaxe. 

5. A iluminación adecuada para cada momento  

Outro elemento ao que hai que prestar especial atención no dormitorio do bebé é a iluminación, xa que resulta determinante para a calidade do descanso. A hormona que favorece o sono, a melatonina, actívase coa escuridade, polo que o ideal é aumentar ou diminuír a luz do dormitorio do bebé de xeito gradual.  

Para durmir, o máis recomendable é pasar de 75 lumens en tonalidade fría á escuridade total e para despertar, facer o contrario, cunha luz de tonalidade cálida. Así conéctase máis facilmente co anoitecer e o amencer. Para iso, en IKEA contamos cun sistema de iluminación intelixente, que permite controlar a luz cun mando, tanto en intensidade como en tonalidade.  

Á parte disto, por suposto, contamos con peluches con luz LED

6.  Mobles para que o dormitorio do bebé estea ben organizado  

A orde é importante en toda a casa, pero no dormitorio do bebé aínda máis, xa que, ao estar despexado, evitaranse posibles riscos para el e para os pais ou irmáns, se os ten. Neste sentido, dispoñer dun armario infantil é imprescindible para organizar ben toda a roupiña e demais accesorios.

En IKEA somos conscientes de que os bebés logo medran, polo que os nosos armarios infantís están deseñados para adaptarse aos cambios que se producirán coa idade. Os organizadores infantís para armario son especialmente útiles para este fin, xa que permiten aumentar o espazo de almacenaxe segundo as necesidades do neno. Así poderás utilizar o armario durante moitos anos.   

Outro moble que pode vir moi ben para o cuarto do bebé é unha cómoda. O noso consello é apostar por unha infantil á altura dos nenos, para que, cando o bebé medre, participe de xeito activo na orde do cuarto. E non te preocupes, aínda que sexa baixiña e os tiradores pequenos, os caixóns son tan amplos como os das cómodas para adultos.  

7. Xoguetes para bebés acabados de nacer que enchan de cor o dormitorio

En último lugar, aínda que non en importancia, están os xoguetes. Aínda que se trate do cuarto dun bebé acabado de nacer, non debemos esquecelos, xa que, dende o principio, os meniños desenvólvense e aprenden a través do xogo.  

Por suposto, os xoguetes teñen que estar adaptados á idade do bebé e ser seguros. Neste caso, a nosa selección está pensada para desenvolver os sentidos, como a vista no caso dos móbiles colgantes, o oído e o tacto cos peluches musicais ou a coordinación ollo-man a través das alfombras de actividades.  

Todos eles levan a marca CE, é dicir, están avaliados e cumpren todos os requisitos de seguridade esixidos pola Unión Europea. E o mellor é que, como adiantabamos, o deseño contribuirá á decoración do cuarto do bebé, xa que o encherá de cores e ledicia.  

Agora si, xa o temos todo para o seu dormitorio! Agardamos que este artigo che axude a conseguir un espazo no que o bebé estea totalmente seguro. Por se necesitas algo máis de información, aquí che deixamos algúns artigos que poden interesarche.  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en mente que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.