Saltar

9 consellos para superar a costa de xaneiro desde casa

Este ano tivémonos que apertar o cinto en máis dunha ocasión. Por iso, sendo previsores, preparamos unha lista de consellos prácticos e efectivos para que empeces a aplicar desde xa e así facer máis levadía a temida costa de xaneiro. Que che parece?

Descubre todas as opcións que tes para aforrar na casa e facer que este mes non sexa tan duro como parece. 

Vamos! 

1. Repasa os teus gastos e elimina os innecesarios 

Un dos primeiros pasos para comezar a aforrar diñeiro é algo tan sinxelo como facer unha listaxe con todos os gastos fixos que temos cada mes. Deste xeito, teremos unha idea máis clara de que gastamos e se hai algún xeito de reducilo (por exemplo, pode que a túa tarifa de Internet non se axuste ao que realmente gastas e teñas a opción de pasar a unha máis económica, ou que haxa algunha subscrición a algún programa ou aplicación que podes quitar de enriba).

Unha vez que saibamos esa cantidade, veremos canto diñeiro nos queda. Desta última parte, o máis recomendable sería destinar unha cantidade fixa ao aforro e reservar outra aos gastos ocasionais que cremos que podemos ter, como unha cea ou algún imprevisto, como unha avaría. Se regulas e controlas desde o principio os teus gastos e ingresos, resultarache moito máis fácil aforrar.  

2. Limpa e ventila sen arrefriar a casa  

Dentro do fogar podemos utilizar algúns truquiños para poder aforrar diñeiro na casa facilmente. Con pequenos detalles como o que che imos explicar agora, conseguirás reducir algún gasto nas túas facturas, como é o caso da calefacción.

Que pasa cando ventilamos a casa nos meses de máis frío? Notas que arrefría rapidamente? Cando se dá esta situación, adoitamos cometer o erro de poñer a calefacción a lume de biqueira para volver recuperar a temperatura da casa. O contador dispárase e, como resultado, temos un incremento na factura da luz ou calefacción do próximo mes. E iso é o que non queremos!

Entón, como ventilamos a casa para limpala e aireala, e máis agora que a hixiene no fogar é tan necesaria e importante para a saúde? A solución é tan sinxela como deixar abertas as ventás só un máximo de 10 minutos. O recomendable, de feito, é facelo entre 5 e 10 minutos. Non máis. Ademais, isto debe facerse cuarto por cuarto (para non crear correntes de aire que arrefríen aínda máis a casa) e coa calefacción apagada ou ao mínimo (para non gastar innecesariamente). 

3. Axúdate cos téxtiles 

Seguindo co propósito de manter un ambiente agradable e cálido dentro de casa sen que iso supoña unha subida nas túas facturas, unha das opcións máis básicas (e económicas) para ter a casa quentiña durante o inverno é decorala con téxtiles.

Máis aló de ter preparado un kit cunhas acolledoras mantiñas para arrouparnos en calquera momento e resgardarnos do frío, a nosa recomendación é que apliques outros trucos. Por exemplo, as cortinas grosas, as alfombras de la e mesmo os felpudos funcionan como illantes térmicos e axudarannos a reter a calor a pesar de que as ventás estean abertas. Se tes mobles feitos con materiais sintéticos, que son máis fríos, podes cubrilos con algún téxtil, como cuns coxíns para cadeiras ou algunha manta no sofá.  

4. Revisa as horas de maior consumo eléctrico 

Sabes que non gastas o mesmo poñendo a lavadora pola mañá que pola noite? Segundo a hora na que utilices os electrodomésticos e dispositivos, a luz será máis cara ou barata.

Polo xeral, a luz é máis cara nas horas centrais do día (desde as 12 ás 22 horas aproximadamente), cando normalmente hai máis actividade no fogar.

Para saber se podes reducir o gasto nas túas facturas, aconsellámoste repasar a tarifa que tes contratada e que te informes de que tipo de discriminación horaria tes, que é como se chama cando tes este tipo de variacións. Así poderás decidir cando che convén facer certas tarefas, como pór o lavalouzas, a lavadora ou se prefires este mes prescindir da secadora e utilizar un práctico tendal que che aforre un diñeiro a final de mes.

Ah! E se tes a opción, lembra que sempre podes utilizar os programas de baixo consumo dos teus electrodomésticos, xa que aínda que tarden un chisquiño máis, tamén contribuirá a reducir o consumo eléctrico.  

Non perdas este vídeo sobre como aforrar na cociña.

5. Apaga os dispositivos que non uses 

Se es desas persoas que teñen as regretas acesas as 24 horas do día, debes saber que aí estás a perder diñeiro sen sabelo.

As regretas ou ladróns conectan unha gran cantidade de dispositivos e son moi cómodos para ter un todo nun e controlar o consumo, pero sabes a repercusión que ten na túa factura se as usas mal?

Aínda que deixemos os aparellos, como a televisión ou o computador en modo de espera, esa luceciña que queda acesa indícanos que se segue consumindo unha certa cantidade de enerxía. Así que, sempre que teñas ocasión, apaga totalmente eses pilotos. Aforrarás cartos mes a mes e, ademais, estarás a facer un gran xesto a prol do ambiente. 

6. Non sucumbas ás rebaixas se non o precisas 

Sabemos que son realmente tentadoras e, en moitas ocasións, podemos sacarlles un proveito real. No entanto, se un dos teus obxectivos é superar a costa de xaneiro, deberás armarte de forza de vontade e non sucumbir aos encantos dos descontos. E é que xaneiro se converte nun mes de incitación constante ao consumo, aínda que sexamos conscientes de que hai cousas que realmente non necesitamos.

Por iso, recomendamos que fagas unha lista daquelas cousas que che gustaría mercar e decidas se é algo que realmente precisas ou algo que verdadeiramente vaias aproveitar ou se, pola contra, pode pospoñerse un tempo.

Por que non aproveitas e fas ademais unha reorganización do teu armario? Ás veces non nos damos conta da cantidade de cousas que temos se está todo mal gardado ou agochado. Seguro que algunha das túas pezas de roupa pasou inxustamente ao esquecemento.  

7. Planifica a comida da semana 

Outra das mellores técnicas para aforrar cartos e levar mellor a costa de xaneiro é a planificación da comida, independentemente de se comes na casa ou no traballo. Se te organizas ben e cada 5-7 días reservas unha mañá ou unha tarde para cociñar diferentes receitas sinxelas para preparar o teu menú semanal, acabarás cociñando menos veces, comerás mellor e aforrarás tempo e diñeiro. É xenial!

Outra das nosas recomendacións é que busques os produtos de tempada e que os compres. Estarán mellor de prezo có resto polo que, de paso, aforrarás un chisco máis. Tamén, un gran consello para aforrar en comida é recuperar as receitas das nosas avoas, as grandes expertas no aproveitamento da comida. Non hai nada como un dos seus cocidiños tradicionais!

E, por último, un truco para aforrar uns céntimos máis e ter un consumo máis responsable. Cada vez que saias facer a compra, recomendamos que o fagas coa axuda de bolsas de tea ou un carriño da compra propio. Así non deixarás os cartos nas bolsas de plástico e axudarás ao ambiente. Ademais, son preciosas! 

8. Busca algunhas alternativas

Aínda que teñas que facer certos sacrificios este mes, seguro que atopas unha alternativa para seguir coas túas rutinas, aínda que sexa desde casa.

Este ano, de feito, quedou demostrado que unha das cousas que se poden lograr é facer deporte desde casa. Así que se tiveches que cancelar o bono do teu ximnasio habitual, por exemplo, non descartes seguir cun hábito tan importante como o exercicio. Non fai falta mercar equipo técnico, xa que hai unha chea de exercicios en Internet que podes facer na casa sen necesidade de nada máis. Para iso, aconsellamos que acondiciones un espazo na sala de estar, que é onde máis fácil o terás, e que prepares uns básicos, como unha toalla pequena, un pouco de auga fresca nunha botella ou xerra para hidratarte e listo!  

9. Fai plans caseiros de calidade

O noso último consello vai un pouco vencellado co punto anterior, e é que se por orzamento tes que evitar os plans fóra de casa, non te preocupes! Tes unha chea de opcións para facer no teu fogar sen ter que botar tanto de menos o exterior. Ademais, estarás máis quentiño e seguro.

Por exemplo, podes organizar unha tarde de xogos de mesa, que sempre é un gran plan para botar unhas risas tanto cos amigos como coa familia. Tamén podes facer unha comida-cea temática e preparar os pratos pola túa conta ou en compañía, que será moito máis barato que se o encargas, por exemplo. Ademais, é superdivertido! E, como non? O rei dos plans na casa: un día de maratón da túa saga favorita, uns flocos de millo (máis sans e económicos se os fas na tixola), un chocolate quentiño e a comodidade do teu sofá. Non soa nada mal… 

Que che parece? Sigue estes consellos e verás como o mes de xaneiro torna máis levadío. De feito, moitos destes consellos haberán servirche no día a día, con independencia do mes que sexa. Aplícaos e verás como aos poucos notas que gastas menos diñeiro, aforras tempo e, en moitos casos, empezas a levar unha vida máis sostible.

Queres máis ideas sobre aforro? Non perdas estes artigos!  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.