Saltar

Como deseñar unha sala relaxante

Gustaríache ter unha sala de estar na que poder desconectar da rutina diaria e esquecer as túas obrigas? Aquí explicamos como podes crear un espazo zen na túa casa para desconectar, descansar e relaxarte. Cóidate e énchete de paz cunha sala de estar relaxante.

Cando foi a última vez que sentaches na cadeira de brazos ou no sofá da casa e sentiches moita calma? As pulsacións minguan, os músculos están menos tensos, a respiración é moito máis profunda e a mente queda en branco por un momento... Ah, esa marabillosa sensación, non si?

Independentemente de se pasas a maior parte do día fóra da casa ou se traballas e fas vida nela, é importante que sempre destinemos un recuncho, por pequeno que sexa, á relaxación e a nós mesmos. Inspírate cos 4 pasos que seguimos para recrear esta sala de estar e descubre como conseguir que reine a tranquilidade e o sosego na túa casa.

1. Pon atención á cor das paredes

Aposta pola sinxeleza visual. Se tes a oportunidade, aproveita e pinta todas as paredes da mesma cor; a poder ser, nun ton terroso que resulte visualmente relaxante, como, por exemplo, este rosáceo. Tamén podes decantarte por outros tons, pero sempre suaves, como os pasteis. A continuación, podes engadir unha ou dúas cores neutras que contrasten, como fixemos co branco. En conclusión, un ambiente natural con plantas e complementos de materiais renovables que lle dean moita calidez á sala de estar.

2. Despexa o espazo e mantén a orde

Para relaxarnos completamente, non hai nada como ter o espazo que nos rodea limpo e ordenado (aínda que sexa minimamente). Co fin de acadar un aspecto relaxante, coloca solucións de almacenaxe que, ademais de posibilitar que luza a cor da parede que teñen detrás, che axuden a manter a sala de estar o máis ordenada posible.

Un truco: para conseguir un aspecto máis harmonioso, recomendámosche que elixas cousas de cores similares e coloques os libros en estantes co lombo cara dentro. Ah! e agocha, se podes, calquera cable ou aparello electrónico, pois non esquezas que o obxectivo é desconectar.

Proba a gardar en caixas e cestos o que queiras ter á man, pero non á vista. Se non queres recorrer ás típicas caixas ou precisas dividir en diferentes compartimentos o que queres gardar, unha opción bastante accesible e práctica é unha minicómoda. Está xenial para gardar obxectos pequenos e telos sempre ao alcance sen que molesten.

Podes aproveitar a parede da sala de estar e crear diferentes niveis cos estantes de parede. Deste xeito, terás moito máis espazo para gardar as cousas e, á vez, ofreceranche máis opcións para decorar a sala de estar. Por exemplo, nós colocamos algunhas plantas máis para encher as paredes dese verde que tanto nos gusta e dar a impresión de que estás rodeado de natureza.

O certo é que, cando ordenas, dalgún xeito, tamén decoras. Recomendámosche que agrupes os teus obxectos favoritos para que chamen máis a atención e lle dean un toque decorativo ao espazo. Unha técnica que non adoita fallar é introducir varios destes obxectos nun armario aberto, como fixemos co noso EKET.

3. Engade plantas para crear un ambiente relaxante

Xa o dixemos, non hai nada como rodearnos de natureza para aliviar o estrés. Ademais de purificar o aire e xerar osíxeno, as plantas de interior achegan cor, textura e profundidade ao espazos. Coloca testos colgantes enriba dunha fiestra, testos debaixo e uns cordeis con elementos naturais atravesándoa. As plantas con flores son preciosas, pero neste caso decantámonos principalmente pola natureza verde, aínda que iso xa dependerá dos teus gustos e da túa man coas plantas. Un consello: coida o aroma que se respira na túa sala de estar relaxante. Para iso, unhas flores secas perfumadas poden ser a clave.

Por certo, viches as cestas que colocamos? Están feitas con materiais 100 % renovables e o mellor é que son moi prácticas para gardar obxectos no seu interior e decorar o espazo cun toque natural.

4. Detalles para a túa sala de estar relaxante

Pouco a pouco, vemos como van encaixando todas as pezas e creamos un "ecosistema do relax". Unha vez teñamos a sala de estar organizada, é momento de darlle os últimos toques cos complementos para completar este recanto relaxante.

Como poderás observar, non é necesario facer unha grande inversión para conseguir transformar un espazo ou darlle ese punto distintivo. Unha man de pintura, caixas e algúns estantes ou andeis, algo de verde para dar alegría, un puntiño de decoración á hora de organizar os nosos obxectos e recordos... É bastante sinxelo, non si? Por último, imos ver o poder que teñen os téxtiles para crear o teu oasis de tranquilidade.

A primeira premisa para ter un espazo relaxante é que este sexa o máis cómodo posible. Ademais, hai algo mellor que os coxíns para conseguilo? Non teñas medo a ter varios e de diferentes tamaños, mesmo para sentar no chan, se queres. As mantas tamén son unhas grandes aliadas para arrouparte e non ter que moverte se tes un pouco de frío, por iso recomendamos que teñas algunha sempre á man. Amais, non esquezas que tes a opción de engadir unha bonita alfombra para achegar un extra de calidez.

Se precisas un lugar no que deixar todos estes coxíns, en especial os máis grandes para o chan, un colgadoiro podería resultar de gran axuda. Nós engadimos aos coxíns un par de presillas para poder penduralos e así evitar que se ensucien máis da conta ou, simplemente, que nos entorpezan o paso. Podes colocar uns ganchos individuais ou directamente unha táboa con varios.

Xa que estamos cos detalles, non está de máis que teñas unha zona preparada á man ou unha bandeixiña con algún aperitivo, unha boa bebida quente (como, por exemplo, un delicioso café ou té orgánico) ou un pouco de auga fresca nunha botella ou unha xerra. Todo o que necesitas para que non falte absolutamente nada e nin sequera teñas que facer viaxes pola casa.

Estes son algúns toques finais, pero seguro que, a medida que vaias aproveitando este espazo, coñecerás mellor que cousas son necesarias para relaxarte: o aroma do incenso, un pouco de música de fondo, o teu libro novo ao lado, etc.

Sigue inspirándote con estas ideas para pór a punto a túa casa e gozar de recunchos moi especiais.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter presente que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.