Saltar

4 ideas orixinais de almacenaxe nun dormitorio xuvenil

Unha boa almacenaxe é fundamental en calquera parte da casa. Trátase de sacar o máximo partido posible aos espazos dispoñibles co obxectivo de telo todo no seu sitio e perfectamente organizado. E en que estancia da casa isto é aínda máis necesario (e complicado) se for posible? No cuarto dun adolescente ou dormitorio xuvenil!

Se vos apetece "saltar as regras" tradicionais da orde e a almacenaxe e optar por un cuarto xuvenil orixinal no que todo teña o seu sitio... non perdades esta serie de propostas! Vanvos encantar.

1. Almacenaxe no teito

A almacenaxe tradicional está xenial e é fundamental en calquera fogar. Pero cando xa esgotamos todas as posibilidades, cando queremos innovar ou cando, simplemente, pretendemos aproveitar ata o último recuncho, temos que dar un paso máis!

Nesta primeira idea queremos amosarche que é posible almacenar todo tipo de cousas no teito do dormitorio. Si, sen necesidade de ter un maleteiro, mansarda ou similar. Iso si, vixía a carga máxima e procura meter obxectos que pesen pouco.

Aquí empregamos unha combinación de almacenaxe de parede MULIG dunha forma nova. Ancorámola ao teito para gardar todas esas cousas que se usan pouco, como moito dúas ou tres veces no ano: as esteiras para acampar, a roupa doutras tempadas que non has usar ata que chegue o momento...

Todo isto, por suposto, non ten por que quedar á vista. Tamén é unha boa escusa para instalar un dosel na cama! Collede unha tea por metros que vos guste (incluso unha cortina) e mans á obra! Tomade medidas e, cunhas sinxelas variñas ou cables de aceiro como estes, ancorados tamén ao teito, ide colocándoa de tal xeito que quede pregada, ocultando todo o que hai debaixo.

2. Almacenaxe na cama, con petos!

 

Outra orixinal maneira de conseguir máis espazo de almacenaxe nun cuarto xuvenil é arredor da cama. Esta idea tamén é formidable para os cuartos infantís, xa que resulta moi versátil e proporciona unha gran cantidade de espazo onde gardar todo tipo de cousas pequenas de uso cotián, dende complementos, libros e xoguetes ata calcetíns e roupa interior.

Ademais de cumprir unha función decorativa arredor da cama, a almacenaxe téxtil con petos MÖJLIGHET ofrece moito espazo para organizar e gardar o que queiras ter á man.

Unha boa idea é ordenar as cousas por cores, actividades ou días da semana para saber sempre o que vai en cada compartimento.

Non che parece unha idea fantástica?

Como verás, estas ideas están sendo moi orixinais, non si? Pero a almacenaxe e a orde teñen moitas variantes, sobre todo en función de como sexa a casa.

Por iso, se queres máis ideas de almacenaxe rápidas e sinxelas, recomendámosche que non perdas este vídeo!

Os nosos vídeos de Listo nun chiscar de ollos son moi útiles, así que non dubides en ver "un detrás doutro".

3. Petos nas cortinas

Seguimos coas ideas orixinais de almacenaxe para este dormitorio. As cortinas son demasiado longas? Xenial! Cose o baixo máis arriba para formar unha ringleira de prácticos petos nos que gardar pequenas cousas que, doutro xeito, acabarían por aí, desordenadas, sen un lugar propio no que atopalas facilmente.

Esta idea pode utilizarse como solución de orde e almacenaxe nun recuncho destinado a roupeiro ou a carón do armario. Por que? Porque podemos utilizar os petos que creemos para meter complementos ou cousas para amañarse, como peites, cepillos, gomas, diademas e incluso lentes de sol, gorras ou cintos.

Coloca un espello de pé ao lado e verás que se converte no recuncho favorito do mozo ou adolescente para amañarse antes de saír.

4. Coxíns para gardar a roupa

Algunha vez pensaches vez en utilizar os coxíns para gardar roupa e outros téxtiles? Pois non é mala idea! Estes son algúns dos téxtiles que os mozos poden gardar nas fundas de coxíns do seu cuarto:

  • Co cambio de estacións, hai algúns téxtiles que non necesitamos durante unha parte do ano. Ponos a traballar como recheo de fundas de coxín baleiras e poderás telos (case) á vista ata o próximo uso.
  • O recheo do nórdico de verán pode gardarse o resto do ano dentro dunha funda grande de coxín. Ademais é moi mol!
  • Os suadoiros e xerseis máis gordiños apenas se engurran, así que... por que non usalos de recheo?

Agardamos que estas ideas tan orixinais fosen de axuda! Non marches sen antes botar unha ollada a estes artigos, que che irán xenial para seguir inspirándote no referente á orde e a almacenaxe.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.