4 adornos de Nadal caseiros con materiais reciclados
Estas festas propuxémonos ser máis sostibles e para conseguilo, imos reutilizar materiais que temos na casa para crear bonitos adornos de Nadal. Anímaste a facelos ti tamén? Ademais, aforrarás un pouquiño, que nunca vén mal. Cun pouco de tempo e dedicación seguro que consegues pezas únicas.
Amais, o de que sexan “únicas” non é só un dicir, xa que podes adaptar as ideas de adornos caseiros que compartimos contigo aos materiais que tiveres na casa que máis che peten. Deste xeito, conseguirás unha decoración de Nadal totalmente personalizada, low cost, e sobre todo que represente a esencia da vosa familia.
O mellor é que, ademais de aforrar uns cartos e facer un uso responsable dos recursos, que está xenial para o medio ambiente, tamén botaredes un tempo moi entretidos se os elaborades xuntos. Os cativos da casa seguro que o pasan xenial e o ano que vén piden repetir esta actividade. Imos aló!
1. Saquiños de tea de Nadal
Para elaborar estes saquiños, que podes colocar como adorno debaixo da árbore ou penduralos dela, precisarás o seguinte:
- Teas (pode ser de calquera tipo, con estampado ou sen el)
- Agulla
- Alfinetes
- Fío
- Tesoiras para tea
- Lazos ou cordóns
- Xornais vellos
- Máquina de coser (opcional, pero facilita a tarefa)
Empregaremos os xornais vellos para o recheo, pero tamén podes facelo con herbas aromáticas como a lavanda para que, ademais de adornar, creen un ambiente moi agradable. Outra opción é gardar doces ou caramelos para que os máis cativos (e os non tan cativos) satisfagades un antollo.
Elaboración:
1. Corta un cadrado de tea de 30x30 cm (podes variar os tamaños).
2. Fai unha pequena dobra duns 2 cm nun dos lados do cadrado de tea.
3. Coloca uns alfinetes para suxeitalo e cóseo a medio centímetro do final da basta.
4. Unha vez cosido, dobra a tea pola metade verticalmente deixando á vista o envés.
5. Cose as teas da marxe lateral e inferior para unilas.
6. Dálle a volta e enche a bolsiña co que queiras.
7. Pon o toque final cun laciño a modo de peche.
2. Decoración de cadeiras de Nadal
Vas ter convidados para comer ou cear? Se é así, propoñémosche que decores as cadeiras de xeito personalizado para sorprendelos. Consigue o seguinte e imos aló:
- Papel ou cartolina de tamaño A4 (segundo o número de cadeiras)
- Pinturas ou rotuladores en cores de Nadal
- Pegamento
- Perforadora
- Pinzas de pendurar a roupa
- Lazos ou cordóns
Elaboración:
1. O primeiro será facer a bolsiña. Para iso, dobra cada papel ou cartolina pola metade, deixando unha pequena marxe no extremo.
2. Dobra a marxe que deixaches cara dentro.
3. Abre a folla e aplica pegamento na parte superior da marxe. Pecha a folla sobre a marxe e pégaa.
4. Para facer a parte inferior da bolsiña, coloca a folla de forma vertical e dóbraa pola parte inferior cara fóra uns 5 cm.
5. Dobra os recunchos desta dobra cara abaixo.
6. Abre a folla e marca os triángulos cara fóra.
7. Dobra os dous extremos cara dentro e aplica pegamento.
8. Dobra os laterais da bolsa.
9. Agora só tes que dar forma á bolsa, marcando ben as dobras.
10. Fai buratos na parte superior cunha perforadora e pon un cordel ou lazo.
11. Decora a bolsa para cada convidado e mete algún detalle (bombóns, unha foto vosa...). Pendúraa da cadeira, pon un carteliño con seu nome cunha pinza e coloca un lazo.
3. Recuncho de estrelas dos desexos
Adoitades pedir desexos para o ano novo? Se así for, propoñémosche crear un recuncho no que os deixedes por escrito. É moi sinxelo, xa verás.
- Cartolinas ou papeis
- Lapis
- Regra
- Cordóns finos
- Tesoiras
- Pegamentos
- Rotuladores de cores
Elaboración:
1. Primeiro fai un modelo para todas as estrelas. Para iso, debúxao con lapis, e coa axuda da regra sobre a cartolina, recórtao.
2. Repite o proceso e fai o número de estrelas que quixeres.
3. Podes facelas dobres pegando unha sobre outra para que sexan máis grosas.
4. Fai un burato pequeno na parte superior das estrelas e introduce os cordóns.
5. Colócaas nun cesto xunto a rotuladores e, cando escribades os desexos, podedes penduralas da árbore de Nadal ou dalgún moble.
6. Podes decoralo cunha grilanda de luces LED.
4. Calcetín para deixar agasallos
Por último, un adorno que quedará xenial pendurado preto da árbore ou, se tiveres, da cheminea. Para iso, precisarás o seguinte:
- Tea ou feltro que teñas na casa
- Lapis branco
- Tesoiras
- Pegamento para tecidos
Elaboración:
1. Co lapis branco, debuxa a silueta dun calcetín sobre o feltro ou a tea.
2. Recorta a silueta cunhas tesoiras
3. Repite o proceso para conseguir a parte posterior (pode ser nunha tea ou feltro doutra cor).
4. Comproba que as dúas partes coinciden perfectamente e pégaas con pegamento especial para tecidos.
5. Para a parte superior do calcetín, corta un anaco de tea diferente para que contraste e pégao.
6. Por último, corta unha tira de tea e pégaa a modo de gancho. Se o prefires, podes cosela.
7. Pendúrao onde prefiras e coloca algúns paquetiños no seu interior para o resultado ser máis rechamante.
Gustáronche estes adornos? Se así for, e queres outras ideas para que este Nadal (e o teu estilo de vida, en xeral) sexa moito máis consciente e sostible, deixámosche aquí varios artigos que poden interesarche.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.