Saltar

A guía definitiva para poñer a mesa

As celebracións xunto coa a familia e os amigos son dos momentos máis gratificantes do ano, especialmente cando se trata dunha data sinalada. Daquelas que marcamos no calendario. Ademais, festexar arredor da mesa fai que acontezan momentos máxicos, repletos de risos, conversas e enerxía positiva.

O principal é preparar un menú delicioso. Pero que pasa coa mesa? As sensacións, as lembranzas e as emocións que consigamos espertar cunha mesa ben posta teñen a mesma importancia que os estómagos cheos e felices.

E, se hai algo que facemos ben, é dar consellos de decoración. Por iso queremos compartir as instrucións definitivas para poñer ben a mesa e que as vosas celebracións sexan inesquecibles.

Elixe unha temática

O Nadal é, por excelencia, a data para as reunións familiares, as festas con amigos e os momentos inesquecibles arredor da mesa. Podes combinar tons verdes, vermellos e dourados, e integrar algún centro de mesa feito con grilandas de pólas de árbore con luces LED ou bólas de Nadal. 

Es fan incondicional dalgunha serie que xa terminou e non o superas? Apúntaste a todas as festas, sexan do país que sexan, como Halloween ou Acción de Grazas? Ambientar a túa mesa para calquera reunión é a oportunidade ideal para deixar voar a túa imaxinación

O primeiro paso para poñer unha mesa é escoller a temática arredor da que vai xirar todo. Podes conseguir inspiración en calquera parte: na natureza, nas redes sociais, nunha festividade concreta, nas revistas, etc. O concepto debe integrar todos os elementos e darlle cohesión ao conxunto. Une toda esta inspiración xunto con texturas e cores nun moodboard ou taboleiro para guiarte no resto do proceso de creación da túa mesa perfecta.

Cales serán os elementos protagonistas? 

Debes escoller un ou varios elementos sobre os que vai recaer o protagonismo: unha vaixela especial, un centro de mesa, un candelabro… O centro de mesa é o elemento máis visible, creará ambiente e determinará a temática, mais é importante que non interfira na funcionalidade da mesa e que permita que os comensais se vexan os uns aos outros. Ademais, incluír luces achegará un toque máxico e creará moito ambiente. Os accesorios de decoración, como as candeas ou as grilandas de luces entre pólas, serán os teus aliados.

Non importa se a túa vaixela non ten todos os elementos necesarios: podes combinar distintos tipos e cores para achegar máis personalidade, mesmo colocar pratos diferentes para cada comensal. Bota unha ollada aos nosos pratos e vaixelas para mercar as pezas que necesites sen medo a mesturalas.

As cadeiras que non combinan… son as que máis abraian! Ter na casa cadeiras idénticas para máis de dez persoas é algo que non adoita acontecer, así que non teñas medo de combinar as que teñas, de maneira intercalada, con coxíns, lazadas, pólas ou calquera decoración acorde coa temática elixida. Mesturar estilos e cores achegará un toque chulo e desenfadado.

E se necesitas unha nova mesa de comedor, sempre podes optar por unha extensible. Así podes modificar o seu tamaño segundo os comensais que se apunten a celebrar contigo. Bota unha ollada ás nosas mesas de comedor para atopar a que mellor se adapte ao que necesitas.

Hora de colocar a mesa!

Cando teñas escollidos a temática e o elementos protagonistas, procedemos a colocalo todo. En primeiro lugar, se se trata dunha comida máis formal, colocaremos un mantel ao que se lle pasase ben o ferro; se, pola contra, é unha máis informal, podemos usar manteis individuais. Tamén é moi boa opción mesturar ambos!

Os cubertos vanse usando desde fóra cara a dentro, polo que os primeiros que se vaian utilizar deberán quedar no exterior. As culleres e os coitelos irán á dereita, e os garfos á esquerda, de maneira que, se o primeiro prato vai ser unha sopa, a culler para a sopa estará no primeiro lugar empezando pola dereita, e así sucesivamente segundo a orde dos pratos que vaiamos servir. Para finalizar, colocaremos a culler para sobremesa arriba, xunto ás copas e xusto enriba dos pratos.

Pasando á vaixela, ordenamos os pratos en orde de uso; se imos servir sopa, o cunco ten que ser o primeiro. Non podemos esquecer o prato do pan, que, en caso de servilo, colócase á esquerda, enriba dos cubertos.

As copas e os vasos colócanse á dereita. Se se trata dun evento formal, deberás colocar polo menos dous: unha copa para o viño e un vaso para a auga. A copa de viño colócase máis á dereita que o vaso para a auga.

Por último, o pano de mesa será o colofón, enrolado ou dobrado dunha forma orixinal, e colocado enriba do último prato ou cunco que puxésemos, ou ao lado dos cubertos, para que sexa o primeiro que collamos ao sentar á mesa.

A maxia fica nos detalles

Os detalles que engadamos á nosa mesa poñerán o broche final. Poden ser desde unhas pólas de eucalipto para colocar no pano de mesa cunha lazada de corda ata uns carteliños cos nomes de cada comensal ou un menú escrito á man para que empecen a ter apetito.

Se os teus comensais son vexetarianos ou veganos, podes facerlles unha homenaxe e crear un centro de mesa con froita e verduras, que achegará moitísima personalidade á túa mesa. Ademais, poderíanse consumir frías como entrante.

Se o teu son os traballos manuais, poderás gañarte directamente un oco nos seus corazóns con detalles feitos á man, como uns tarriños con marmelada caseira ou unha foto para que a leven de recordo.

Para rematar, non esquezas o máis importante: gozar ao máximo, tanto se es un dos convidados coma se organizaches ti a reunión. Se algo aprendemos é que o tempo que pasamos xuntos é o que máis importa.