7 mobles transformables e multifunción para espazos pequenos
Se precisares ideas para aproveitar espazos pequenos, parabéns, estás no lugar axeitado. Deseguido presentámosche unha lista de sete mobles multifuncionais e transformables (ou como nos gusta alcumalos, Transformers) ideais para rematar coa falta de espazo e a desorde.
Veña! Están desexando coñecerte.


1- UTÅKER: o cumio dos 3 en 1
Comezamos co primeiro dos denominados mobles transformables para aproveitar espazos con poucos metros cadrados, UTÅKER. Este é o mellor compañeiro para os pisos pequenos con tendencia a recibir visitas, por que? Pois porque este moble pode converterse nunha cama sinxela, dobre ou mesmo nun moderno sofá.
UTÅKER é de especial interese para habitacións xuvenís, salóns e, sobre todo, habitacións con teitos baixos e nos que é necesaria esa sensación de amplitude. Adáptase facilmente a calquera situación cotiá. Así que só tes que decidir cal vai ser a súa función en cada momento.
2- HEMNES: un xenio da almacenaxe
Imaxínaste un moble coas características de UTÅKER, pero cun feixe de espazo de almacenaxe? Pois existe, e esta vez chámase HEMNES.
Este diván permíteche gardar no seu interior edredóns, almofadas, roupa de cama e todo aquilo que quixeres ter almacenado, pero sempre á man. Os bordos altos crean unha sensación de calidez e recollemento, perfectos para non perder a esencia acolledora da sala.
Transformalo é tan sinxelo como tirar do somier cara fóra para montar unha cama dobre, ou repregalo de novo, pór uns coxíns ben moles a xeito de respaldo e... voilà! Xa temos un sofá comodísimo e fermoso.

3- NORDEN: a mesa que todo pode
Se che dicimos que a mesa pregable non se inventou onte non te sorprenderás... non si? Pero, e se che dicimos que a nosa mesa NORDEN, alén de pregable, conta cuns estratéxicos caixóns?
Nunha casa pequena, unha mesa pregable pode ser unha solución perfecta para diferentes estancias como a cociña e o comedor, para adaptarse aos comensais que viñeren (hai que ter en conta que hai espazo para 2-4 persoas), ou mesmo para unha pequena oficina ou mesa de traballo, para o que os seis caixóns que integra serían o complemento perfecto para gardar as ferramentas e materiais máis básicos.
4-EKEBOL: un sofá multiúsos
A falta de espazo pode facer que teñas que buscar solucións de almacenaxe en calquera recuncho, mesmo no teu sofá. E é que hai mobles, como o noso EKEBOL, que se reinventan no xeito de gardar e exhibir os nosos obxectos.
Este sofá de estilo industrial e moderno ten instalado un práctico sistema de andeis aos seus pés para colocares o que precises. Ademais, conta cunha fermosa e decorativa reixa metálica derredor, polo que tamén podes pendurar as cousas aí.
5- GUALÖV: a favorita dos salóns pequenos
O bo da nosa mesiña GUALÖV é que tanto serve de mesa de noite ou de mesa de centro, como unha mesa auxiliar. Ademais, este é outro dos mobles 3 en 1 que temos en IKEA, xa que alén de mesa ten outras 2 funcións máis e, como non, a almacenaxe é unha delas.
No seu interior podes gardar toda clase de obxectos, desde xornais e revistas ata mantas e coxíns. Para iso, só terás que levantar a tapa, que tamén serve como bandexa, e introducir todo o que quixeres. Se o prefires, podes deixala baleira para dar unha meirande sensación de amplitude.

6- SYMFONISK: iluminación intelixente e con ritmo
Que vivamos nun piso pequecho non implica que non poidamos ter a última tecnoloxía no noso fogar. De feito, instalar tecnoloxía intelixente pode simplificarnos bastante as cousas e, de paso, facilitarnos un pouco máis o día a día cun toque elegante.
Os nosos altofalantes SYMFONISK permítenche ter nun mesmo dispositivo un altofalante e unha lámpada, polo que son perfectos para calquera mesa de noite ou cómoda pequena. Ademais, o altofalante e a lámpada funcionan de forma independente, polo que non será preciso ter as dúas funcionalidades activadas para gozar dunha soa.
7- LURVIG: ideal para pisos con gatos
Para cando che falte falta espazo e ademais teñas que compartilo co teu benquerido felino, tamén creamos unha solución en forma de moble multifuncional que nos encantará a ambos.
LURVIG é a casa para gatos máis adaptable que endexamais verás, xa que se pode integrar en calquera parte da casa. Podes colocala no teu dormitorio e aproveitar a parte de arriba como mesa de noite, ou mesmo prescindir das patas e pendurala da parede ou dentro do teu estante KALLAX.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.