5 hábitos saudables que podes facer sen saír da casa
Non perdas a nosa lista especial de 5 hábitos saudables e descubre como podes facer a túa vida moito máis agradable dende o teu fogar con pequenos xestos.


Sentirse ben é, sen dúbida, unha das nosas maiores necesidades como persoas. Para logralo, é imprescindible que tanto o noso interior coma o exterior que nos rodea cree un ambiente harmonizado e o suficientemente perfecto para transmitirnos esa sensación de benestar.
O noso fogar xoga un papel fundamental aquí, pois nel nace boa parte dese equilibrio de sensacións positivas. Queres saber como? O segredo está en adoptar bos costumes e un chisco de organización.
Por iso, elaboramos unha lista de 5 hábitos saudables para que os poñas en práctica de xeito sinxelo e sen saír da casa. Notarás como, con estes pequenos xestos, podes ir mellorando o teu día a día. Toma nota!
Durme ben para cargar as pilas
É algo que sabemos todos e nos repetiron ata a saciedade. Mais a esta frase non lle falta nin un chisco de razón. O descanso é fundamental para poder render ao 100 %, tanto física como mentalmente. É importante que regulemos as nosas horas de sono para evitar esa sensación de fatiga continua e mesmo é aconsellable evitar o uso de dispositivos electrónicos no momento previo a durmir polos seus efectos na alteración do sono.
Mais non esquezas que, para ter un descanso óptimo, debes contar con dous piares de calidade fundamentais: o colchón e a almofada. O colchón, por exemplo, é esencial para impedir un desgaste físico; por iso, á hora de elixilo, debemos ter en conta a nosa fisionomía e problemas musculares ou de circulación, entre outros puntos relevantes. A almofada tamén debe pasar por unha elección meditada, xa que haberá que ter en conta factores como en que lado durmirmos (de costado, boca arriba etc.).
Se cres que é momento de renovar algún dos teus esenciais do sono, estaremos encantados de asesorarte dende a nosa sección de Dormitorio.
Cociña para varios días
Moitas veces, o que menos nos apetece é ter que pecharnos na cociña a preparar as comidas do día seguinte. Por que non adiantarnos os acontecementos e cociñar para varios días de vez? Controlarás mellor o que comes e aproveitarás mellor os alimentos.
Almacenando os pratos en friameiras de cristal e gardándoos no frigorífico ou conxelador, conseguiremos manter os alimentos frescos e con todo o seu sabor durante o tempo suficiente para consumilos. Deste xeito aforrarás tempo e dores de cabeza. Ademais, poderás controlar moito mellor que comes cada día, coa oportunidade de mellorar a variedade dos teus pratos. Non esquezas incorporar sempre na túa dieta receitas que inclúan froita e verdura fresca.
Na sección de envases e organizadores de alimentos atoparás diferentes produtos para protexer todas as túas receitas.
Practica exercicio no salón
Ademais dunha dieta equilibrada e saudable, é innegable que o deporte contribúe directamente ao teu benestar. E aínda que non o creas, na casa tamén é posible adaptar unha rutina efectiva de exercicios. Como? Tan só precisas un chisco de espazo e algúns obxectos, como unha esteira, toallas e mesmo unha candea aromática. Poderás practicar tanto unha sesión de ioga como series intensas de abdominais. Ti elixes!
No seguinte vídeo ensinámosche como montar un ximnasio na casa para que nada te free. Terás a oportunidade de aforrar cartos e ademais sentiraste ben.

Planifica as túas tarefas da casa
É importante establecer un horario de limpeza e tarefas domésticas para que a casa non se nos bote enriba. Un espazo ordenado e limpo inflúe directamente no benestar das persoas xa que pode evitar ou aliviar situacións de estrés e abafo. Sentirse a gusto na casa é primordial.
Axúdate de táboas ou encerados onde facer o teu horario ideal e goza dunha casa sempre a punto.
Aproveita as horas mortas para os teus proxectos
Son tan importantes as horas de máis actividade coma as que quedan baleiras de tarefas. Mais iso non significa que debamos resignarnos a non facer nada. Estes ocos na axenda son perfectos para avanzar nese proxecto persoal, para gozar cunha actividade que sempre temos pendente e nunca atopamos o momento oportuno ou, sinxelamente, para desconectar un anaco.
Podes aproveitar para ler un libro, pintar e mesmo revelar as fotos desa viaxe tan especial e enmarcalas dunha vez. Verás que ben te sentes ao realizar esas contas pendentes.
Aplicando estes pequenos hábitos saudables na túa rutina notarás como aprendes pouco a pouco a xestionar mellor o teu tempo e a descubrir todas as oportunidades que che ofrece a túa casa. Inténtao!
Se che gustou este artigo e queres saber máis cousas sobre benestar no fogar, bótalle unha ollada ao artigo sobre Como desconectar na casa despois do traballo e dicir adeus ao estrés.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.