3 aperitivos sinxelos para as túas comidas e ceas de verán
Vas celebrar unha comida na terraza? Que che parece se che damos unhas ideas para preparar uns aperitivos moi sinxelos e deliciosos cos que abrir o apetito? Non perdas esta lista cun pouquiño de inspiración culinaria. Prepáranse superrápido e triunfan sempre!
1. Bandeiriñas con figos
Empezamos cun aperitivo moi mediterráneo, fresquiño e apto para vexetarianos. O figo, o noso ingrediente estrela, é un froito moi popular durante os meses máis calorosos do ano. Os figos son unha gran fonte de enerxía, teñen un gran contido de azucre e, ademais, son ricos en nutrientes como a fibra, o potasio e o ferro, entre outros. Que che parece se os incorporamos ao noso aperitivo e lles damos un toque diferente?
Propoñémosche algo tan saboroso e variado como unha bandeiriña. Só tes que cortar os figos en anacos pequenos (pola metade ou en cuartos é suficiente, en función do tamaño) e combinalos cuns dadiños de queixo. Pega con case todas as variedades! Queixo azul, queixo de cabra (espectacular cun chorriño de mel, para os máis larpeiros), queixo fresco...
Proba cal che convence máis e crea nuns minutos unhas bandeiriñas para lamber os dedos. Colócaas nunha táboa ou nun prato bonito e listo!
2. Espetadas de salchichas e verduras
A seguinte proposta, aínda que sexa máis contundente, tamén pode ser un entrante máis da nosa comida ou cea. Hai acaso algo máis delicioso que unha simple espetada feita na grella? Para nós é un clásico e unha aposta que seguro que triunfará nas túas comidas na terraza.
Esta espetada está feita con tomates cereixa, dadiños de queixo, rodas pequenas de millo, pemento verde e salchichas. Anímaste a probalas? Se queres que sexan vexetarianas, podes utilizar salchichas vexetais, como as que ofrecemos na nosa tenda de alimentación sueca.
Sabías que as nosas salchichas vexetais se distinguen pola súa calidade sostible e o seu valor nutricional? Ademais, son aptas para veganos! Así que, se prescindimos do queixo (ou usamos un que sexa vegano), teremos un entrante delicioso, respectuoso co medioambiente e apto para todos os comensais.
3. Un bocadillo de ensalada
Coa calor e o bo tempo, sempre nos apetece unha tapiña algo máis fresca e lixeira, non si? Por iso, este aperitivo que che imos presentar será o teu mellor aliado: un rico bocadillo de ensalada.
Preparalo é facilísimo e o resultado fará que parezas todo un profesional da cociña. Por cuestións sanitarias, o que máis nos interesa agora é preparar racións individuais, así que este entrante é perfecto para conseguilo con estilo.
Trátase, en certo modo, dunha miniensalada, pero por pisos. E ten moitísimas combinacións! Nós escollemos unha base de pan de centeo, unha capa fina de tomate natural relado, unhas folliñas de leituga, un pouquiño de queixo, unhas rodas de ravo, unha ramiña de canónigos e o segredo: unhas pingas de limón para darlle un toque a maiores de frescura. Non esquezas que podes engadir o que queiras: uns liscos de salmón afumado, un pouquiño de queixo de untar... O que se che ocorra!
4. Bebidas refrescantes para acompañar os teus pratos
Agora que xa che inspiraches un pouquiño con estas receitas rápidas para preparar aperitivos, non está de máis repasar algunhas ideas para perfeccionar a comida cunhas bebidas fresquiñas.
Independentemente de se son para acompañar aos aperitivos ou para tomar sen nada, seguro que aos teus convidados lles encanta o sabor destas deliciosas bebidas cheas de cor.
Podes encher un precioso bote con billa con limoada caseira preparada por ti para que cada convidado se sirva a súa propia copa. Engade unhas rodas a maiores de limón ou lima para que o sabor sexa aínda máis intenso.
Se non dispós dun bote como o que che amosamos, sempre podes utilizar unha xerra de toda a vida, como a da segunda imaxe. Neste caso, diluímos un pouco de xarope de arandos vermellos en auga fresquiña para preparar unha rica bebida deste froito. Ao igual que fixemos coa limoada, se engades froitos vermellos, mellor que mellor.
Goza das túas comidas e ceas, e inspírate con todos os consellos que che deixamos a continuación. Non perdas esta selección especial de ideas!