Saltar

Condicións de uso do CHAT BILLIE

IKEA pon a disposición dos clientes, a través da súa páxina web, un servizo de consulta e contacto mediante un chatbot ("Billie"). Para acceder a este servizo, o cliente debe dirixirse á seguinte ligazón: Contactar - IKEA - IKEA, na sección "Ponte en contacto connosco", e seleccionar "Chatea co noso chatbot". O cliente deberá facer clic en "Iniciar chat" e, deseguido, en "Comezar chat".

O uso do chat está limitado a persoas físicas maiores de 18 anos. No caso de actuares no nome dunha empresa, deberás poder actuar en representación desta e poder acreditalo a petición de IKEA.

Este servizo permite ao cliente realizar consultas mediante un chatbot que utiliza tecnoloxía de intelixencia artificial (IA). O chatbot responde directamente as mensaxes do cliente a través da IA. Cando se utilice IA que afecte á súa información persoal, indicarémolo con claridade por avisos.   

O horario de acceso ao CHAT será de luns a domingos as 24 horas do día. Se o cliente o solicita, pode continuar a consulta cun axente humano, quen dará seguimento personalizado ao seu requirimento, suxeito ao seguinte horario: de luns a sábados de 8:00 a 22:00, e domingos e festivos de 10:00 a 20:00. O servizo queda, así, condicionado á dispoñibilidade de axentes de IKEA que se atopen activos no momento de acceso ao servizo.

Para acceder ao CHAT, deberás aceptar a política de privacidade e os termos e condicións de uso, e só deberás rexistrarte co teu nome, o teu apelido e o teu correo electrónico se desexas falar cun axente.

Estas condicións de uso do CHAT, coas súas sucesivas actualizacións, teñen unha duración indefinida e permanecerán en vigor mentres o chat continúe activo. 

Durante o uso do servizo, recoméndase ao cliente compartir só os datos necesarios para a súa consulta. Informámoste de que durante o uso que realizares do servizo non debes facilitar ningún dato persoal sensible (como poden ser os datos de saúde) nin de terceiras persoas. Para obter máis detalles sobre o uso de datos persoais, le o noso aviso de privacidadePolítica de privacidade - IKEA.

Poderás usar o CHAT de IKEA se buscas respostas ás túas dúbidas, desexas resolver un problema ou simplemente queres dicirnos que tal te atendemos. De forma máis concreta, IKEA pode axudarche en tempo real ao facer a compra en liña, cando consultas o estado do teu pedido e cando preparas a listaxe da compra. As condicións de uso do chat son as seguintes:

  • Cando emitas valoracións, que estas sexan sempre lícitas e veraces, e que se axusten á realidade.
  • O usuario comprométese a empregar o servizo de conformidade coa lei, a moral, os bos costumes xeralmente aceptados e a orde pública, así como a absterse de empregar o servizo con fins ou efectos ilícitos, prohibidos nas presentes condicións, lesivos dos dereitos e intereses de IKEA ou de terceiros, ou que de calquera forma poidan danar, inutilizar, sobrecargar ou deteriorar o Servizo.
  • O usuario responderá, por tanto, dos danos e perdas de toda natureza que IKEA poida sufrir como consecuencia do incumprimento de calquera das obrigas previstas nas presentes condicións ou da lexislación aplicable en relación coa utilización do servizo.
  • Non empregues o chat con fins comerciais.
  • Os usuarios coñecen e aceptan que IKEA (e as distintas entidades do seu grupo empresarial) son os únicos propietarios e titulares de todas as marcas, nomes comerciais, logotipos, textos, imaxes, lemas, ilustracións, deseños, fotografías, vídeos ou demais elementos de propiedade intelectual e industrial do servizo. Todos os anteriores elementos están regulados e protexidos polas leis de propiedade industrial e os dereitos de autor da orde nacional e internacional.
  • Os usuarios absteranse de introducir virus informáticos, vermes, troianos ou outra clase de códigos maliciosos destinados a interromper, destruír ou limitar as funcionalidades do chat ou a alteralas en calquera xeito, así como calquera outra actuación que puider ocasionar un dano a IKEA, e obrigaranse a non facelo.
  • Non facilites a través do chat datos da túa tarxeta de crédito nin do teu número de conta bancaria, nin outra información financeira. No caso de que queiras facernos chegar outra información de tipo sensible (incluída información relativa a menores de idade), consulta antes de proceder ao seu envío.


IKEA non garante a dispoñibilidade, a continuidade nin, en xeral, o normal funcionamento do Servizo no caso de incidencias e interrupcións no normal funcionamento das redes involucradas no servizo.

Dispoñendo de acceso mediante o uso de Internet, o uso do Servizo non comporta custo algún para o usuario.

IKEA resérvase o dereito a modificar, eliminar ou alterar en calquera momento as Condicións de uso do CHAT. Ademais, e ao obxecto de ofrecer un funcionamento correcto do CHAT, IKEA resérvase o dereito a suspender temporalmente, e sen necesidade de previo aviso, a accesibilidade do uso do CHAT en caso de efectuar operacións de mantemento, reparación, actualización ou mellora dos servizos.

IKEA QUEDA EXENTO DE CALQUERA RESPONSABILIDADE POLOS DANOS E PERDAS QUE PUIDESEN DEBERSE Á UTILIZACIÓN DO SERVIZO POR PARTE DOS USUARIOS, ASÍ COMO AQUELES QUE POIDAN DEBERSE Á FALTA DE VIXENCIA, EXHAUSTIVIDADE, VERACIDADE OU AUTENTICIDADE DA INFORMACIÓN QUE OS USUARIOS PROPORCIONAN ACERCA DE SI MESMOS, E, EN PARTICULAR, AÍNDA QUE NON DE FORMA EXCLUSIVA, POLOS DANOS E PERDAS QUE POIDAN DEBERSE Á SUPLANTACIÓN DA PERSONALIDADE DUN TERCEIRO EFECTUADA POR UN USUARIO EN CALQUERA CLASE DE COMUNICACIÓN.

IKEA resérvase o dereito a denegar a utilización do Servizo ao Usuario e a impedir e retirar as comunicacións efectuadas a través do devandito Servizo, en calquera momento e sen necesidade de aviso previo, a aqueles Usuarios que incumpran estas Condicións Particulares. Do mesmo xeito, IKEA resérvase expresamente o dereito a modificar de maneira unilateral, en calquera momento e sen aviso previo, a presentación, a configuración e o contido do Servizo, así como as condicións requiridas para utilizalo. Neste sentido, as características do servizo poderán verse modificadas coa finalidade de adaptalo á evolución técnica, e poden introducirse variantes no servizo que incorporen novas funcionalidades, así como calquera mellora técnica que permita incorporar un maior número de prestacións, a prol da mellora do servizo.

Calquera disputa relativa aos presentes Termos e Condicións de uso do servizo ofertado deberá tramitarse ante os Xulgados e Tribunais do lugar de residencia do usuario, en España, e rexerase pola lexislación e normativa españolas. Ao acceder a esta Ferramenta e utilizala, consentes expresamente someterte á exclusiva xurisdición destes tribunais e consideralos foro xurisdicional procedente.

22/09/2025