Por que todos os homes deberían gozar da baixa por paternidade
Acollerse á baixa por paternidade é unha decisión importante. Para que o pai poida gozar do momento en familia, pero tamén para que a nai poida compartir coa súa parella a crianza do bebé. No noso país, ata agora os pais podían solicitar unha baixa por paternidade de 5 semanas, mentres que en IKEA tomamos a medida de ampliala 2 semanas máis dende 2018 para fomentar a corresponsabilidade. Celebramos ser pioneiros con esta medida e que a sociedade avance neste sentido!
Segundo o informe realizado por Malasmadres e IKEA en 2017, as tarefas relacionadas coa crianza dos fillos adoitan ser femininas. E aínda que as parellas novas son máis conscientes da necesidade dunha corresponsabilidade real, a carga mental adoita recaer inevitabelmente sobre as mulleres.

Que é a corresponsabilidade: historias reais de igualdade
Corresponsabilidade
substantivo feminino
Segundo a RAE, é a responsabilidade compartida con outra ou outras persoas. Como se traduce isto nos nosos fogares?
Edu e Natalia foron pais recentemente e ambos traballan en IKEA. Tamén Alan e José Miguel, que decidiron acollerse ás 7 semanas de baixa por paternidade cando naceron os seus bebés. Cada un deles é o exemplo perfecto de por que todos os homes deberían coller a baixa por paternidade.
Edu e Natalia levan 15 e 5 anos respectivamente traballando en IKEA, como Sales Group Leaders. Teñen un neno de 7 meses do que están completamente namorados.
"Non o dubidei para nada, parecíame unha oportunidade única para pasar tempo coa miña muller e o meu fillo. Seguramente as 7 semanas son algo que non valoras na súa xusta medida ata que volves á túa rutina", conta Edu. "Creo que aí é cando te decatas da fantástica oportunidade que supón e sobre todo como che permite vivir eses primeiros días de vida do teu bebé", explica nostálxico.
Parece incrible o que dan de si apenas 7 semanas. 49 días nos que Natalia e Edu compartiron a crianza do seu fillo en igualdade.
"Nos coidados do neno, na compra e demais tarefas do fogar, non hai diferenza entre o que facemos o un ou o outro porque mantemos a comunicación en todo momento. Puidemos repartir as nosas atencións ao bebé cando máis o necesitaba e seguir xirando co mundo" cóntanos Natalia.
7 semanas que mudan todo
José Miguel e Alan tamén gozaron de ser pais hai moi pouco tempo e aproveitaron a baixa de paternidade que ofrecemos.
Alan e a súa parella falaran moito do que suporía ter un/ha fillo/a. Sen dúbida, unha responsabilidade compartida con moitas tarefas que requiren moito tempo. "Cando pedín información a RRHH sobre o proceso das 7 semanas de baixa por paternidade, non o dubidei nin un momento. Ademais, contei co apoio da miña xefa de Vendas: é moi importante ter o respaldo de compañeiros e mandos", conta Alan.
Ademais, o parto da súa muller foi complicado, cunha recuperación lenta. "Sen estas 7 semanas todo sería moi distinto, máis difícil. Se non as collese ou preferise optar por menos semanas, non podería ir con ela ás revisións coa pediatra e coa xinecóloga, nin formar parte de todo o proceso en primeira persoa", afirma o noso compañeiro.
Pola súa parte, José Miguel, que gozou de 7 semanas de baixa de paternidade e complementouno coa excedencia de 2 meses, destaca que "gozar de 2 meses extra xunto a miña familia supuxo poder vivir momentos únicos e irrepetibles". José Miguel tamén valora que este tempo lle permitiu á súa parella contar con momentos de "evasión" para descansar, ir ao ximnasio ou dar un paseo e desconectar das tarefas do día a día.
O noso compañeiro opina que todos pais deberían coller a baixa por paternidade porque "é un momento da vida que non se vai repetir e que hai que gozar ao máximo. Ademais, a colaboración na casa é máis necesaria ca nunca".
Esta iniciativa tivo un impacto positivo na percepción das persoas que compoñen os nosos equipos, xa que fortaleceu a súa confianza en IKEA. "Que che brinden esta oportunidade é magnífico, fai que a relación laboral coa empresa se afiance moito máis", sentencia Alan.
Unha das nosas metas é fomentar e axudar á corresponsabilidade entre homes e mulleres porque cremos firmemente que en igualdade se traballa mellor.