Vivir para os pequenos detalles
É posible que unha familia que está a crecer e que viva nun piso pequeno dunha urbe poida ter tempo para baixar o ritmo e vivir unha vida máis sustentable? Dúas deseñadoras de interiores guíannos na dirección axeitada.


Coñece as deseñadoras
Pedímoslles ás deseñadoras Jenny Wik e Emilia Ljungberg que creasen un fogar para unha familia de tres membros (en breve, catro) á que lle gusta a vida da cidade. É na cidade onde se senten ben, onde teñen á súa xente… Pero o feito de viviren nun espazo pequeno tamén supón ter que escoller un estilo de vida máis sustentable. "Queríamos crear un oasis dentro da gran cidade, no que a familia poida ter un sitio para o que precisa e para o estilo de vida que escolleu", di Emilia.
Esta familia rodéase só das cousas que lles gustan. Non teñen máis que o que precisan. Pero ao vivir nun espazo pequeno, necesitan solucións de almacenamento interesantes. Para iso, engadimos solucións tanto abertas como pechadas, que van moi ben co conxunto do interior".”
Emilia Ljungberg, deseñadora de interiores de IKEA
Materiais naturais e duradeiros
Na medida do posible, esta familia intenta non empregar produtos de usar e tirar. As bandexas de plástico cámbianse por caixas de madeira; as bolsas de plástico, por outras de malla; e os panos de cociña de papel, por téxtiles. A madeira, o algodón, o liño, o vidro, a cerámica, a cortiza e outros materiais orgánicos fannos sentir máis preto da natureza, mesmo estando no centro dunha gran cidade.
Un aire rural nunha contorna urbana
Moitos de nós optaríamos polo branco e as cores claras para escoller as tonalidades dun espazo pequeno. Está ben, pero hai veces nas que é o contraste o que fai dun lugar algo verdadeiramente especial. Para a zona da cociña desta familia, Emilia e Jenny empregaron portas negras LERHYTTAN, que fan resaltar o mesado, os andeis e o vertedeiro. Unha boa iluminación, as portas de cristal e o almacenamento aberto fan respirar o conxunto e, ademais, danlle un aire rústico.
Solucións flexibles que sempre funcionan
Este apartamento está cheo de prácticas solucións. Hai algunhas obvias, como a solución de almacenamento HAVSTA, coas súas prácticas portas corredizas de cristal, a mesa extensible da cociña (perfecta para cando crece a familia ou se hai convidados) ou o sofá cama do salón, que é unha solución perfecta para cando quede a durmir xente. Mesmo os pequenos detalles están ben pensados. "É importante que as cousas estean á man, gardadas de xeito práctico", di Jenny.
Cores da natureza
As cores están inspiradas na natureza: dende o ocre da terra ata o beixe da area ou os tons azuis do mar. "Traballamos con moitos matices diferentes que suavizan a expresión", di Jenny. Pero esta suavidade non só se acada por medio das cores, senón tamén dos téxtiles. "Achegan calor e poden axudar a definir o espazo. Como a alfombra redonda da cama do neno: fai que este recuncho sexa aínda máis del", di Emilia.
Autores
Deseño de interiores: Jenny Wik e Emilia Ljungberg
Fotografía: Karl Andersson