Saltar

Visita a un fogar: como renovar un dormitorio pequeno

Ter un dormitorio pequeno non ten por que limitar a nosa creatividade á hora de sacarlle partido. Cada recuncho é unha posibilidade, tanto no que respecta á decoración como á almacenaxe. Queremos amosarche diferentes ideas a través deste “antes e despois” dun dormitorio pequeno. Duplicamos a súa capacidade e deixámolo precioso! Queres velo? Nós recomendámosche que non o perdas.

Antes e despois: gañando almacenaxe

Aínda que a decoración deste dormitorio non estaba mal, o certo é que tiña moitas posibilidades de mellora. Pero, sobre todo, o que máis nos interesou deste espazo foi a posibilidade de darlle máis funcionalidades, máis capacidade de orde e almacenaxe. Por iso comezamos pola cama!

Cando os metros cadrados escasean nun dormitorio pequeno e non podemos contar con grandes mobles de almacenaxe, a cama convértese no epicentro das nosas ideas. O certo é que, se cambias a túa estrutura de cama por un canapé, gañarás unha cantidade de espazo que nin imaxinas. Dentro, podes organizalo todo con caixas de almacenaxe e bolsas ao baleiro.

Almacenaxe aberta en espazos pequenos

Seguimos a percorrer o antes e o despois deste dormitorio pequeno! O espazo trala porta era bastante reducido (seguro que a moitos e moitas vos ten pasado o mesmo), polo que un armario con portas batentes non era una opción. No dormitorio xa tiñan unha guía instalada trala porta para colgar a roupa, pero tampouco bastaba.

Que fixemos, entón? Colocamos un sistema de almacenaxe aberto con espazo para colgar a roupa, con caixóns e cun estante en alto para gardar as cousas que menos adoitamos usar. O que vén sendo unha marabilla que apenas ocupa espazo e que nos ofrece unha solución moi completa.

Non perdas este vídeo para ordenar o teu armario nun chiscar de ollos!

Aproveita elementos estruturais

Se no teu dormitorio pequeno tiveres algún elemento estrutural, como unha cheminea, unha fiestra, ou algún estante ou algunha repisa de obra, aprovéitao! Neste caso, no canto de deixar a un lado esta cheminea que xa non funcionaba, inspirámonos no seu estilo antigo e convertémola nun punto central do noso pequeno dormitorio. Encántanos este detalle! Ao converter a repisa da cheminea nun expositor, engadimos unha serie de detalles decorativos que dan personalidade sen sobrecargar a estancia. Non cres?

Elixe mobles multiúsos

Outro paso fundamental no antes e no despois dun dormitorio pequeno é contar sempre con mobles multiúsos que axuden a cubrir varias necesidades á vez. E un dos nosos exemplos favoritos é este espello multiúsos que garda tres ases na manga. Por un lado, un espello ben colocado sempre axuda a dar amplitude a un dormitorio pequeno. Por outro, os colgadoiros e o estante proporciónannos almacenaxe extra para gardar e exhibir accesorios e complementos. E, por último, a súa cor brillante ofrece vitalidade a unha parede núa. 

Mobles modulares e flexibles

Un armario modular e flexible pódese adaptar ao teu espazo no dormitorio, e tamén ás diferentes necesidades que vaian xurdindo co tempo. Neste caso, o “antes e o despois” baseouse en cambiar unha voluminosa cómoda que había nese mesmo espazo por outro sistema de armario aberto, que complementa o que vimos antes trala porta. Pódese ampliar doadamente cun novo módulo, co que pode ir medrando contigo, mesmo se cambias de casa!

Decoración para a parede da cabeceira

Decorar as paredes do noso pequeno dormitorio con fotos é unha das nosas opcións favoritas. Sobre todo, cando o facemos dunha forma tan orixinal coma esta. Antes, o dormitorio era completamente branco. Na transformación, decidimos pintar unha das paredes de verde, concretamente a parede da cabeceira. Así, dámoslle presencia á cama sen necesidade dunha cabeceira tan impoñente como o que tiñamos.

Por iso, decidimos pintar os marcos da mesma cor que a parede, para que resalte o que verdadeiramente importa: os nosos recordos. É ideal!

Antes de marchar, recomendámosche o seguinte:

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.