Saltar

Visita a un fogar: dormitorios infantís a toda cor

Os dormitorios infantís son o espazo ideal para xogar coa cor e deixarse levar pola imaxinación. Por iso, se aos teus peques lles encantan os tons alegres e rechamantes, desde aquí propómosche un par de ideas de cuartos infantís coloridos que non vos deixarán indiferentes.

 

O cuarto dos nenos non adoita ser un lugar que se destine unicamente a durmir, o máis habitual é que sexa o seu recuncho particular para xogar, ler, pintar e, en definitiva, explotar toda esa creatividade que se ten durante a infancia. Por iso, crear un ambiente cheo de cor e divertido, pode ser a mellor opción para fomentar esas actividades. A continuación, ensinámosche dúas ideas de dormitorios infantís: unha na que destaca a cor vermella e outra na que o protagonista é o verde.

Dormitorio infantil en tons vermellos

Hai unha cor máis alegre có vermello? Este ton non adoita ser dos máis utilizados en decoración porque, ao ser tan rechamante, é considerado algo estridente e pouco práctico ao longo prazo porque pode acabar cansando. Con todo, se escollemos as combinacións adecuadas, isto non ten por que ser así.

Así que, se a túa filla ou o teu fillo foren amantes desta cor e lles gustaría tela moi presente no seu cuarto, faino! O único que debes ter en conta é crear contrastes con outras cores para matizala e que o seu efecto sexa moito máis sutil. Por exemplo, se unha das paredes vai ter esta cor, podes optar por un papel con flores en tonalidades máis suaves como as da foto e manter as outras paredes en cor branca.  

Porén, se queres que esta cor sexa a protagonista, é importante creares cohesión, é dicir, que haxa outros elementos nesta cor que salpiquen o dormitorio, en obxectos decorativos, roupa de cama ou mobles.

Para equilibralo, podes optar por engadir outros tons ao cuarto que combinan moi ben co vermello, como o branco e o amarelo. Incluso podes conseguir algunhas pezas que teñan todas estas cores e que actúen como nexo para crear un efecto visual máis atractivo.  

Un exemplo é a nosa alfombra RAKLEV, que ten un fondo neutro e raias multicolor. Ideal para rebaixar a intensidade, pero manter a esencia do dormitorio ao mesmo tempo. Que che parece?  

Outros elementos que tamén poden tomar moito protagonismo son a roupa de cama, os coxíns ou as lámpadas.  

Dormitorio infantil en tons verdes

O verde é outra cor que non se emprega de forma tan habitual en decoración, especialmente nas súas versións máis rechamantes. Porén, precisamente iso é o que lle fai ser máis especial, xa que grazas a el é moito máis sinxelo que consigas un dormitorio orixinal que marque a diferenza. Por iso, se aos pequechos lles gusta, o noso consello é que apostes por el.

De novo, trátase de crear unha combinación desta cor con outros tons máis neutros como o branco, o gris ou a madeira clara en diferentes obxectos como peluches, roupa de cama ou coxíns. Como é o caso da parede da imaxe, en verde escuro sobre branco. Ademais, podes xogar con varios tons da gama cromática do verde, como o esmeralda ou lima, case tirando a amarelo, para o efecto ser máis fresco. 

Como dicíamos, a cor gris é ideal para matizar o verde e pode funcionar moi ben en elementos prácticos como estas caixas nas que os teus peques poderán gardar a roupa ou os xoguetes.

Con todo, como no outro dormitorio, se queremos dar protagonismo ao verde, é importante que haxa varios elementos que destaquen sobre o resto nesta cor. Un deles pode ser un armario coma este, no que poderán gardar desde xoguetes ata material escolar.

Por último, para conseguir o resultado perfecto, tamén é moi recomendable que incorpores un elemento con fondo neutro no que se combinen as cores protagonistas do cuarto. O exemplo anterior era a alfombra e agora, este armario de madeira con tiradores en verde, verde lima e negro.

Que che parecen estas alternativas? O noso consello é involucrares aos teus peques na decoración do cuarto. Como diciamos ao inicio, trátase dun dos espazos da casa no que máis tempo pasan, o seu pequeno mundo, polo que é interesante que a decoración sexa ao seu gusto.  

Escóitaos e non teñas medo de apostar polas súas cores favoritas porque, como viches, aínda que sexan bastante rechamantes, poderás crear un ambiente equilibrado a través de diferentes combinacións.  

E se precisas máis ideas, non perdas estes artigos! 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.