Saltar

Visita a un fogar: ideas para renovar cuartos infantís divertidos

Os nosos pequenos vanse facendo maiores e os seus dormitorios tamén deben medrar con eles. Chegou o momento dun cambio de look? Efectivamente! Descubre con estas prácticas ideas algúns dos mellores consellos e trucos para redecorar un cuarto infantil de maneira divertida. 

Inspírate co dormitorio compartido destes simpáticos irmáns. Desvelámosche, unha a unha, todas as solucións de almacenaxe e decoración que integramos para que non falte de nada e sempre se respire ese ambiente alegre que tanto caracteriza os nenos. E non te preocupes, todas as ideas que che imos dar son moi prácticas e, o mellor, moi accesibles. Así que, a que agardamos? Imos ensinarcha!

Deixa que o xogo sexa o centro de atención

A primeira regra para redecorar un cuarto infantil divertido é que o xogo sexa a base de todo. E non nos referimos a que todo o dormitorio estea ateigado de xoguetes, senón que a contorna sexa desenfadada e convide a deixar voar a imaxinación e a creatividade

Presentámosche a Henri e Toni (de 7 e 5 anos respectivamente). Estes irmáns teñen a sorte de contaren cun dormitorio bastante espazoso, polo que súa nai, Nina, decidiu que tamén terían aquí a súa sala de xogos. Non te preocupes se o teu dormitorio non ten estas dimensións, todos estes consellos son adaptables a calquera tipo de cuarto. Demostrámoscho.

Agora mesmo, Henri e Toni, adoran todo o relacionado coa xungla. Por iso, engadimos téxtiles con estampados botánicos e animais. De feito, optar pola decoración con téxtiles sempre é a forma máis sinxela e económica de dar carácter a un dormitorio infantil, e máis a este que, en orixe, era completamente branco.

Ademais, colgamos cortinas fronte ao miradoiro para transformar un espazo sen usar nun escenario (que completamos cunha esteira de ximnasia para as actuacións máis acrobáticas). Tamén engadimos unha guía de ganchos debaixo do peitoril, unha altura e lugar ideais para gardar disfraces e facilitar o cambio de vestiario.

Engade almacenaxe que se adapte ao teu espazo

Un dormitorio divertido non ten que carecer de orde e organización. Podemos facer que esta sexa moito máis atractivo se creamos un sistema de almacenaxe que tamén participe nesa especie de xogo. Ademais, se aos pequenos lles gusta, axudaralles a gardar os xoguetes dunha maneira máis entretida e non o verán como algo tan aburrido. 

Neste caso, sempre optamos polas nosas caixas TROFAST, xa que podemos elixir a estrutura que mellor se adapte ao espazo e, como as caixas se poden sacar, os nenos poden levalas dun sitio a outro cando precisen. 

Para darlle ese toque creativo, recreamos un podio, así que puxemos fita decorativa e números de madeira para facelo realidade. E iso non é todo, xa que no resto do cuarto tamén empregamos cestas infantís adicionais para gardar peluches e algúns estantes extra para que poñan os seus contos favoritos. Que che parece?

Combina todos os téxtiles do dormitorio

Como xa descubriches no primeiro consello, o potencial dos téxtiles para redecorar unha habitación sen gastar demasiado é impresionante. Por iso, non só quedamos coa opción de engadir unhas cortinas rechamantes, senón que tamén quixemos xogar co resto de téxtiles do dormitorio, como no caso da cama coa funda nórdica infantil.

A nosa recomendación é creares un conxunto que combine entre si e manteña unha harmonía. Para isto, a elección dos tons é fundamental. Para decorar un dormitorio divertido, apostamos por dúas cores protagonistas, o azul e o verde, que van perfectamente coa temática da xungla e alegran o espazo. Así que, xa sabes, elixide a túa gama de cores e, a partir de aí, creade o voso propio deseño. Eles tamén poden participar!

Ademais da estética, impórtanos a calidade e a procedencia destes materiais, especialmente se son os que arrouparán e coidarán dos pequenos. Por iso, non está de máis que saibas que a nosa roupa de cama é 100 % algodón sostible, o que a fai moi cómoda e lene ao tacto, ademais de coidar o medio ambiente.

Escolle xogos tradicionais

Por moito que a tecnoloxía sexa parte da vida dos nosos fillos, hai veces nas que é imposible substituír un xogo clásico. Por iso, quixemos que estes xogos que fomentan tanto a creatividade estivesen presentes no seu cuarto (ou en calquera parte da casa, a dicir verdade).

Por exemplo, a mariola é un xogo activo e sinxelo que a todos nos namorou de pequenos. De feito, seguro que che veu á mente algunha lembranza da infancia xogando. Para trasladalo á casa, non fai falla ter un espazo enorme: abonda con ter uns metros de chan libre, un rolo de fita adhesiva de cores e algo que poidas usar como poste indicador, como unha bolsa de fabas ou un peluche. A saltar toca!

E xa! Esperamos que este dormitorio che inspirase e que recolleses algunhas ideas prácticas para redecorar o dormitorio dos teus fillos e fillas de xeito bonito, práctico e moi accesible.

Se quedaches con ganas de máis, non perdas este pequeno recorrido polo dormitorio para ver o resultado final. 

Ah! Ao final, atoparás algúns artigos extra para seguires aprendendo algúns trucos de decoración. Esperamos que che gusten!

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.