Saltar

Visita a un fogar: cinco formas de tirar proveito ás plantas na casa

As plantas son unha forma excelente de favorecer o benestar na casa, porque purifican o aire e achegan un efecto natural calmante. Tamén son unha excelente forma de decorar un espazo. Inspírate coa mestura de ideas prácticas e decorativas con plantas que encontrarás nesta casa moderna e monocromática.

Un interior monocromático cun aparador branco decorado con moitas plantas verdes en soportes.
Un interior monocromático cun aparador branco decorado con moitas plantas verdes en soportes.
1. Privacidade en cada espazo A sala de estar, a cociña e o comedor desta casa están nun mesmo ambiente. Isto é xenial para crear un ambiente de unión familiar, mais ás veces tamén é agradable sentirse recollido na sala. Engadir unha fila de plantas no aparador tras o sofá axuda a crear un «muro» que achega á familia o mellor dun espazo aberto coa intimidade dun pechado.

2. Viste os teus aparadores Non te limites a empregar cadros e obxectos bonitos cando queiras decorar un espazo. Tamén podes engadir algunhas plantas ao conxunto para achegar unha calidez natural. Un consello infalible para a túa decoración? Usa a regra do horizonte urbano! Coloca os elementos a diferentes alturas, imitando rañaceos e edificios baixos. Pon os elementos máis altos no fondo e inclúe algúns artigos con formas interesantes para captar a atención.

3. Dálle vida aos espazos mortos Sobre as portas, nos teitos, nun oco baixo as escaleiras... As casas están cheas de espazos «mortos» que se ignoran porque son raros. Usa plantas para convertelos en espazos cheos de vida. Colócaas en estantes, utiliza ganchos e guías ou cólgaas. Asegúrate de usar as plantas axeitadas, tendo en conta a súa necesidade de auga e luz, segundo o espazo que teñas.

4. Crea un ramo de flores para toda a vida As flores artificiais de hoxe en día parecen tan reais que che fan ollar para elas dúas veces. O que perdes en beneficios para a saúde gánalo nun baixo mantemento e na beleza de longa duración. Uns talos de ranúnculos e flores de veo de noiva artificiais tecéronse arredor da estrutura dunha lámpada de araña para crear unha coroa primaveral sobre a mesa do comedor.

5. Cultiva un horto para a túa cociña É máis probable que usemos cousas que teñamos á man, así que, por que non cociñar con herbas frescas engadindo un pequeno xardín herbáceo á túa cociña? Mesmo nun pequeno soporte pode cultivarse unha xenerosa cantidade de herbas, polo que non precisarás moito espazo. Pon o teu no peitoril da fiestra ou nun recanto solleiro do mesado.

As plantas achegan calidez á miña casa monocromática. «Nunca fun unha grande amante das plantas, pero estou a mellorar!», di Sofie, que probou estas ideas con plantas para nós. «As plantas fanche sentir ben. Son relaxantes e fan o fogar máis cómodo. Complementan o noso esquema en branco e negro. Quizais por iso me encanta o verde!».

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.

Autores
Deseño de interiores: Pernilla Åsberg
Fotografía: Lina Ikse