Unha comida diferente con amigos e amigas? Organiza un concurso de tapas!
Cociñar parécenos sempre un plan incrible, mais sabemos que hai tantas persoas ás que lles encanta como persoas que non o aturan. Hoxe, traémosche un plan con amigos e amigas ao que non te poderás resistir porque, se algo nos gusta neste país, é competir! E, por suposto, pasalo ben.



- Páxina de información do produto
Invitación
Convidar os teus amigos e amigas a unha comida na casa pode ser algo moi normal, pero convidalos a experimentar, degustar e xulgar un concurso de comida é unha cousa ben distinta. Pensa nun xeito orixinal de convidalos ou de propoñer o plan, no caso de que non poidas ou non queiras facelo no teu fogar, para que outra persoa se encargue de achegar o espazo. Aproveita calquera ocasión ou celebración que teñas pendente, como un aniversario ou un ascenso, ou simplemente atopa unha escusa para pasar tempo en compañía sen gastar moitos cartos. Descríbeo como algo no que todos e todas poderán participar, saiban cociñar ou non, xa que se premiarán varios aspectos da comida que se prepare. E se sentes a inspiración suficiente, organízao de xeito temático: dun país do mundo, de disfraces, de pratos exóticos... Todo vale!
Cales son as regras?
Aquí poderás innovar tanto como queiras, pero o principal ten que ser que todos e todas participen, proben a comida e teñan un voto que, por suposto, non pode ser para a súa propia elaboración. Se sodes un grupo de 10 persoas, cada participante deberá preparar dez tapas iguais ou un prato que poida dividirse en dez para que todos e todas o proben. Unha vez establecido este punto, podedes entrar a valorar a orixinalidade da presentación, a mestura de sabores, se é un prato moi tradicional ou máis moderno... Todo o que se vos ocorra para que as persoas que teñan máis dificultades na cociña tamén poidan sumar puntos. Non esquezas incluír un premio para aumentar a competitividade: pode ser un desafío, como organizar o seguinte evento na casa da persoa gañadora, ou que entre todos os participantes lle paguedes unha comida nalgún sitio que vos guste, unha escapada... Vós poñedes o límite. O que si podemos garantir é que, sexa cal sexa o premio, haberá moita competitividade para conseguilo.

- Páxina de información do produto
A mellor parte, a degustación!
Podedes metervos por completo no papel dun xulgado e organizar as votacións nun documento en liña que proxectedes na televisión, facelas nun anaco de papel de xeito máis tradicional ou encarnar críticos de cociña que escriben recensións. Deixade voar a imaxinación. Cada persoa terá que presentar a súa elaboración ao resto do modo que queira: cun disfrace, música para crear ambiente, candeas... Todo vale para gañar! E para rematar, o mellor de todo: gozar da comida na mellor das compañías, dun xeito orixinal e moito máis económico que comer nun restaurante.